Creación informática do autor sobre a loita dos voluntarios contra o chapapote [ou galipote] do Prestige.
Pontevedra, 27.08.2008
Entrada n. 581 do blog
Volvo coa recuperación de traballos vellos, desta volta do ano 2003. O que sigue conserva unha certa actualidade. Tafisa xa non está, xa non verte a súa enxurrada mourada. A presión urbanística sobre o río vai continuar porque seguimos coa falta de conciencia ecolóxica por parte dos nosos gobernantes. Decir, si acaso, que hoxe é o concello, xunto con Ence, o principal contaminante da ría.
A auga ferida [8.03.2003],
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
Parece que o mar, antre o Prestige e Galicia, sigue a mostrar novas feridas, novos regueiros de fuel de ata tres kilómetros de longo por dez metros de ancho nun dos casos. E a consellería de Pesca avisa doutros menores e de irisaciós, regueiros e manchas de diverso tamaño e consistencia, vistos tamén na zona do afundimento do buque. A ameaza mantén a súa danza na costa cantábrica, sobre Asturias, Cantabria e mái-lo País Vasco. Martín Villa confía en que Repsol chegue concretar un plan de extracción do fuel que queda no Prestige, do que non sabémo-la última verdade. En fín, que aínda quedan sombras sobre o futuro inmediato que nos agarda, o que non exclúe que a Terra volva ser víctima de novos accidentes [ou de novas guerras] con orixe na megalomanía de gobernantes e mercaderes. ¡Como se as augas oceánicas non tivesen dabondo coas miserias que lle tributan os ríos profanados!
Quero decir que todo anda mal cando non temos aprendido que a auga estaba no comezo da vida e que sigue a ser necesaria prá vida mesma. Pero a súa xestión [asignatura elemental] é desafortunada en moitísimos casos e seguimos sen soluciós definitivas, se ben hai xa literatura chea de boas intenciós e políticas que tentan promocionare a reciclaxe, a sustentatibilidade, ou unha cultura útil da auga, unha cultura ecolóxica. Xa non se pode consenti-lo privilexio do seu uso, nalgús casos outorgado a ricos ou a certas empresas de forma gratuíta, que logo devolven contaminada, ferida. A auga debe se-lo ben público que Ricardo Petrella concreta no seu libro “O manifesto da auga”, en parte e a modo de resume: 1. Acceso básico á auga pra tódo-los seres humáns e tóda-las comunidades humáas (un dereito político, económico e social inalienable, individual e colectivo ó mesmo tempo); 2. Xestión sostible e integrada da auga d´acordo cos principios de solidaridade (deber de responsabilidade individual e colectiva con outras comunidades humáas e coa poboación do mundo, coas xeneraciós futuras e co ecosistema Terra; principio do reparto e conservación/protección da auga).
O tema non cabe neste traballo. E a decir verdade, pensando no entorno inmediato dun río Lérez enfermo ou dunha ría seriamente ameazada ou, pensando na globalidade, nun mar Aral que se seca ou nun río Colorado que chega á desembocadura case sen auga, motivoume a escribir este artículo a noticia aínda non concretada de que parece que Tafisa se vai, porque con esa empresa comezou o escándalo do deterioro do noso medio acuático. Foi daquela [primeiros 50] cando o río Lérez e o seu fondo comezaron a tinguírense de color añil funeral e aquí non houbo nada máis que parabéns prá súa imprantación que agora parece --¿?— toca á súa fin, que xa están a buscaren solar na bisbarra prá anunciada pranta de “flooring”. Pero avisan da oposición, ¡menos mal!, dunha clara connotación electoralista e que, ademáis da recalificación urbanística do chan, a fábrica podería ubicarse no mesmo espacio, sobre 20.000 metros cadrados.
É decir, que parece que tódo-los grupos están pola construcción de máis e máis vivendas na proximidade do río porque a todos eles lles falta un verdadeiro fervor –de ferver— ecoloxista, que non aprenderon aínda a lección sabida por moitas cidades do mundo de que “a limitación da urbanización nas proximidades [.....] non só preserva a calidade das augas senon que evita as inundaciós e proporciona un vincallo coa natureza...”. A liberación do solar de Tafisa podería significa-lo comezo dun traballo serio no terreo medioambiental, algo que deberían ter presente os distintos grupos políticos, como tamén o seu compromiso moral pra evitaren outras aventuras de carácter industrial de vertedeiro nun medio sensible como é a nosa ría. Como cidadán, coido que ata o d´agora non se ten traballado honestamente na dirección dun verdadeiro saneamento, que todo o que se leva feito é máis un traballo de vendaxe [nos ollos tamén] e canalización pra que as feridas non se noten, pra que a nosa civilización urbanoindustrial supure baixo a superficie da ría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario