domingo, 31 de agosto de 2008

ACUICULTURA E ILLAS ATLÁNTICAS

Touriño [con Pachi Vázquez], na súa primeira visita a Sálvora, da que dixo procurarían face-la "xoia da coroa" do parque das Illas Atlánticas.
Marismas de Lourizán cercadas pola autovía, antes de seren instaladas Celulosas, Elnosa, e outros disparates que siguen disfrutando do espacio. Se o da pretensión de comprar Tambo non pasa de farol; se realmente queren integra-la illa no Parque das Illas Atlánticas, habería que actuar drásticamente sobre as marismas prá súa rexeneración. Pero nengún dos partidos parece disposto a facelo porque aínda non viven en estado de "uso de razón ecoloxista".

Pontevedra, 1.09.2008

Entrada n. 585

Artículo semanal remitido a diversos medios.

Acuicultura e Illas Atlánticas [1.09.2008],
por Xesús López Fernández

Vivir na beira do mar, vivir do mar, irmanado coas ondas ou coa area da baixamar na práctica dalgún dos oficios que o mar nos brinda, representa o exercicio dunha vocación conservacionista, a participación na mesma filosofía da que fan gala algús pobos primitivos celadores da sustentabilidade. Que como consecuencia do afundimento do Prestige [accidente ou o que teña sido, que non quedou claro] se teña confirmado o Fisterre galego como enorme vasureiro, especie de lagoa Estixia, puido ter acabado coa esperanza de moitas xentes, marca-la ruína de non poucas familias, talvez cambia-la vocación atlántica da nosa sociedade. Aquela ameaza parece que pasou, pero outras están aí, planificadas presuntamente polo Clúster internacional da Acuicultura. Este país precisa estar disposto ós esforzos necesarios pra recupera-lo mar, pra loitar novamente contra o chapapote se preciso fora. Coas mans ou coa axuda de voluntarios dispostos a renova-la esperanza nun mar rexenerado.

Hai sete días falabamos da falta de credibilidade que en materia ecolóxica teñen os distintos gobernos, Central e autonómicos, e da necesidade de que o Ecoloxismo, crítico co sistema, siga exercendo en clave alternativa. Citabamos a Joaquín Araújo ó tempo que nos apoiabamos en varias das súas afirmaciós “porque os temas da natureza, en tóda-las súas variantes, apenas teñen cabida no noso sistema político”. A semáa trouxo, sen embargo, un par de novedades: A primeira, a da aprobación do Plan de Acuicultura, no que parecen existir máis sombras que luces; a segunda mostraba a un Touriño pletórico, de visita na illa de Sálvora, integrada no Parque das Illas Atlánticas, actualmente de titularidade pública. O presidente dixo tamén que aposta por convertir en públicos outros espacios, antre os que estaría a illa de Tambo, coa pretensión de integrala no citado Parque das Illas Atlánticas. Parece difícil polo contorno contaminado, coa presencia en Lourizán de Ence i Elnosa e da propia Edar, presuntamente ilegal. Aí ten Touriño un difícil sudoku, porque a Administración pode liberar Lourizán, sí, pero é difícil cando certas obras, xa en marcha ou anunciadas, parecen pensadas pra consolida-la súa ocupación..

O anuncio do Plan Acuícola parece absurdo se a Xunta ten informes adversos de Política Territorial. As agrupaciós ecoloxistas, que no seu día denunciaron xudicialmene o de López Veiga, fixeron xa unha serie de declaraciós en contra das actuaciós previstas que ocuparían espacios da Rede Natura, aínda que o Goberno o negue; que irían en contra da propia normativa do Plan Litoral que o goberno anuncia. ¿Qué aconteceu con Cabo Vilán, materialmente quebrado? ¿Ou en Mougás, onde queren legaliza-lo alí feito de forma presuntamente ilegal? ¿Insiste o Goberno bipartito en autoriza-la granxa de Acuinor en Foxo Longo, Rinlo, cando a esa empresa non lle deron licencia en Asturias, en Valdés i en Castropol por máis señas? ¡Si ata o PP pide a retirada do Plan, tamén cuestionado polo sector máis directamente implicado!. Cando menos piden a supresión da ampliación da granxa de Merexo, en Muxía, tamén denunciada polos ecoloxistas..

O PP pide valentía ó BNG, que está actuando cunha certa indeterminación, porque antre ambas forzas poderían tumba-lo Plan de Carmen Gallego e chegar a algún tipo de consenso. Poderiamos entrar no tema máis a fondo porque se esquece que o Plan López Veiga, que sigue en vigor, está xudicializado. O de Carmen Gallego parece tamén dictado polo Clúster internacional da Acuicultura. A súa posta en marcha significaría a ocupación de case tres millós de metros cuadrados e un arraso certo do litoral [do que falou Touriño ó tempo que das Illas Atlánticas] e de espacios da Rede Natura. É que non se quere apostar pola rexeneración do noso mar. Extraña coincidencia a das dúas novas, unha en clave positiva; a outra unha seria ameaza pró noso medio ambiente natural. Cuestión de márketing.

No hay comentarios: