Xudeos ultraortodoxos protestan contra o intento das autoridades de facer operativo un aparcamento no seu día sagrado, o Sabatt. (Foto de El País)
Pontevedra, 17.07.2009
-
Entrada n. 1012 do blog
-
Cando estabamos en Terra Santa, peregrinación efectuada antr´os días 7 e 15 deste mes, producíronse varios acontecementos nos que non demos reparado. A fotografía anterior refírese ó achádego da canteira da que, en tempos de Herodes o Grande, foi obtida a pedra prá construcción do muro do templo.
-Pontevedra, 17.07.2009
-
Entrada n. 1012 do blog
-
ARQUEOLOXÍA HEBRAICA,
por Xesús López Fernández
-
Ó longo dos nosos desprazamentos por Israel e Palestina, á busca dos lugares que aínda son testigos da presencia de moitos dos protagonistas da Historia Sagrada, tivemos ocasión de admirar algús dos traballos que a arqueoloxía, de forma constante, levou a cabo pra nos achegar ás verdades absolutas da presencia de María e Xosé, en Nazaret, ou de cómo puido se-la vella Cafarnaum, na que foi localizada a casa de Pedro e o que resta da antigua Sinagoga, na que Xesús predicou con autoridade e que mesmo botou ó demo fóra dun poseso; a arqueoloxía fixo tamén os seus traballos no monte Tabor, en Belén, no Campo dos Pastores, no Monte da Ascensión, no mausoleo do profeta Samuel, en Caná de Galilea; en Xericó e Qumran, xa no Mar Morto, por citar unha relación dalgús dos lugares sagrados, de forma tan definitiva que mesmo podemos reitera-lo dito xa no título da obra clásica de Werner Keller, "E a Biblia tiña razón", que non perdeu actualidade.
-
Teño pensado tratar neste blog algús dos momentos da nosa intensa e arelante peregrinaxe, na qu´o noso grupo contou coa guía dun home, padre agostiño, que nos foi informando enciclopédicamente sobre os lugares e acontecementos en cada lugar producidos, en relación coas verdades demostradas ou coa tradición contrastada, pra seguidamente procura-la lectura da oportuna pasaxe evanxélica e conseguintes interpretaciós.
-
Xa digo, hoxe non arranco aínda, máis alá do dito, cos meus relatos e impresiós, porque teño que decantare e asimilar moita información, en parte recollida nun diario. Só en parte, digo. Teño ademais que inserir no ordeador o lote de fotografías que trouxen e clasificalo axeitadamente. Xa veremos qué dá de sí.
-
Limito esta entrada á noticia da aparición da canteira da que se valeu Herodes. Na fotografía do 12.07 presentada [de noticiascristianas] apréciase cómo están a traballaren os arqueólogos que, determinada a superficie da canteira, deducen agora que Herodes extraeu a pedra que puido pra buscare máis ó norte do país.
-
A noticia lémbranos qu´o templo foi destruído tal e como anunciou Xesús e que estaba situado na chaira das Mezquitas; que da construcción orixinal queda únicamente o Muro das Lamentaciós, o lugar máis sagrado do xudaísmo. Os sábados, por sagrados, non se poden tirar fotografías naquel espacio. E tentan algús xudeos ultraortodoxos, parece que en guerra contra Xerusalén, que non poida funcionar, no séptimo día da semáa [o Sabatt], un aparcamento pensado pra facilita-lo achegamento dos turistas ó barrio antiguo. A situación é tal que no enlace que se inclúe faise o comentario da posible división de Xerusalén en tres partes: a dos xudeos laicos, a dos ultraortodoxos e a dos árabes. A noticia non repara noutras presencias, como a armenia, que ten alí unha basílica-catedral, barrio e muralla propia.
-
Fontes:
No hay comentarios:
Publicar un comentario