jueves, 18 de febrero de 2010

NOTICIAS DE ECOLOXÍA [9.06.2003]

Algunhas veces tamén El País se ocupa dos nosos temas. Esta fotografía corresponde á súa noticia do mal feito en Marín, sentenciado polo T.S. Os recheos deshonestos pra xeraren, se cadra, solares gratis total. Vaia como ilustración das loucuras que o home anda a facer co medio ambiente.
-
Sobre ecoloxía vai o artículo que sigue, recuperado do ano 2003, publicado poucos días despois do día mundial do Medio Ambiente.
-
Pontevedra, 18.02.2010
-
Entrada n. 1173 do blog.
-
Noticias de ecoloxía, [9.06.2003]
Por Xesús López Fernández

Pasou xa o Día do Medio Ambiente, preñado de noticias, ás veces dun certo optimismo, ás veces preocupantes. No bloque das primeiras cabe anota-la participación dos nenos de diversos lugares de Galicia na prantación de árbores autóctonas. En Caldas, os rapaces traballaron nese labor nos montes de Saiar; en Monteporreiro e animados pola asociación de veciños puxeron os primeiros exemplares do que pensan pode ser un futuro parque botánico. I en Verducido, simpáticos, os nenos e nenas do grupo escolar comezaron a aventura do que pode ser un bosco persoalizado, no que cada neno ou nena teñen que se identificar coa árbore que lle tocou en sortes “espichar”, coidala, segui-lo seu crecemento. O lema de “cada neno unha árbore, todo-los nenos un bosco” pode funcionar a pouco que cada un se preocupe do seu bídalo ou sobreira, do seu carballo ou castiñeiro, ameneiro ou cerdeira, freixo, acebo, abeto, érbedo....Coidalos nos primeiros tempos, regalos se preciso fose, sentírense máis que compañeiros amigos ó longo dos anos.

A noticia contrasta coa de que só 6.000 hectáreas das 400.000 de bosco que ten a nosa comunidade autónoma gozan de protección. Sorprendente. ¿Pero non se dou a nova, tempo atrás, de que o 40% da provincia de Lugo fora declarada reserva da biosfera? ¿A qué se está a xogare cando as cámaras agrarias solicitan que se deteña a reforestación de terras de labor, porque eso implica perda de postos de traballo, emigración? ¿Qué criterios de actuación existen pra rete-la xente no campo, pra que non se desertice máis a terra, pra reconquistar esas 261 aldeas da provincia de Ourense que se quedaron orfas, sen nadie? E a reforestación segue, en moitos casos, cargada de irracionalidade. Xa me entenden. E algo pode ter que ve-lo asunto co que comentaba hai algúns días Alfredo Conde no Correo Gallego, que se as abellas da Mahía morreran todas (decían que se polo uso dun insecticida as flores dos eucaliptus se convertiran en trampas de morte deses insectos). E tamén decía Alfredo que tampouco se sinte ás rás croar ou que morreron as ponlas novas dos seus arces, “porque entrara un mal vento”, según lle comentaran. Un pergúntase se o Seprona foi avisado.

Que Pesca teña encargado ó clúster a ubicación de once parques acuículas ten tamén importancia: tres nas Rías Baixas, catro na Costa da Morte, outros tantos n´A Mariña. Lembrando o meu traballo “A acuicultura imposible”, de hai uns anos, case aposto porque na ría de Pontevedra non vai ser posible como non-o foi en tempo anterior, porque poden estar a dárense as mesmas circunstancias ou peores, que convertirían a empresa en ruinosa. ¿E ven o que está a pasar neste momento? ¿Qué pode aportar ó noso medio ambiente a construcción da papeleira por Ence?. ¿É que non podemos pensar en recupera-la ría prá pesca, pró turismo, pró deporte, pra que Pontevedra teña unha praia urbá e un aire máis limpo? Obviamente, cando se anuncia unha nova fase de recheos no porto e os partidos non presentan alegacións é que non teñen vontade de actuar como ecoloxistas. E ó mellor aínda son capaces algúns dos políticos de faceren novas degustacións de mexilóns cando a depuradora dos Praceres non está a funcionar e volven os vertidos directos, máis concentrados, que coido comezaron hai xa algúns días. ¿Pra cándo a política medioambiental?

Porque cando se anuncia unha nova marcha sobre Lourizán (esta vez co apoio de Nunca Máis e da asociación de amas de casa) hai que analizar moitas culpas. Como din as xentes do BNG, o medio ambiente é algo máis que o tema dos contenedores. Certamente. Pero é que tamén suspenden en moitos dos frentes que poidamos maxinar e, na marcha do próximo domingo tería que haber pancartas en contra dos recheos e dos partidos que consentiron, que non alegaron; e pancartas contra o tema dos vertidos, que non resolveron nen van resolver coa ampliación da depuradora, porque eso está mal concebido e hai que partir de cero novamente. Os da Iniciativa Cidadán dos Praceres, Eladio, dixeron na campaña que ó mellor algún día podía non funciona-la depuradora e que ó mellor o César nos recomendaría como solución non usa-los retretes. A tanto non chegou, pero a profecía de Eladio ¡qué pouco tardou en se comprir! Era simple cuestión de sentido común. Estase deteriorando máis e máis aquel espacio e se algún día houbo un claro culpable ó que non se lle puxeron cancelas nen obrigaron a cumpri-la lexislación ambiental, nestes momentos hai unha culpa certa dos líderes. Esta é unha democracia sen transparencia, todo se solapa. E non abonda con facerse o ecoloxista. Haino que ser de verdade. Creo máis na vontade dos nenos que prantaron cada un a súa árbore, que aprenderon talvez unha importante lección. Os políticos suspenden.

No hay comentarios: