lunes, 22 de febrero de 2010

NOVOS CONTOS DE REIS [4.01.2003]

Das mil e unha noites. Dibuxo informático de Xesús López.
-
Pontevedra, 23.02.2010
-
Entrada n. 1178 do blog
-
Artículo recuperado do ano 2003, que ten que ver coa estratexia da involución comercial planificada en Pontevedra e cos beneficios dos subvencionados, mentres se xoga coa estabilidade artesanal e familiar dunha vendedora. Deso van os "Novos contos [tristes] de Reis]. Houbo un certo intento de solidariedade, pero non clamor social pra evita-lo abuso, o dereito de pernada conducido a través de certa asociación, a ASCZM. -
NOVOS CONTOS DE REIS.....,[4.01.2003]
Por Xesús López Fernández
--
O tesouro dos contos das Mil e Unha Noites recolle os relatos que Sherezade vai narrando noite tras noite á súa irmá Dunyazade, serie de historias incacabadas, que se retoma na noite seguinte. Dunyazade desposara cun Sultán que tiña por costume matar ás súas noivas despois da primeira noite, pero a moza tiña por costume non dormir sen antes oi-lo conto, o novo conto da súa irmá, e casou coesa condición: que non podía falta-la narración de Sherezade, ó que accedeu o Sultán. Total que cada relato deixaba un cabo, o comezo doutra historia, imposible naquel momento porque Dunyazade non podía máis co sono. E así, a noite de vodas foise demorando, ata que o Sultán perdoou a vida da súa desposada. Así, cando os Reis do Greenpeace suplen o carbón polo chapapote –nada de castañas cocidas, leite fresco e bica quente, como dí a panxoliña--; cando o fuel arriba á costa atlántica de Francia --da que chegan noticias dunha maior coordinación, presencia política e inmediata actuación da Xusticia— están a agromaren novos contos da marea negra.


Son momentos tensos, con mil historias cruzadas, portador cada voluntario da súa particular, cargada cada día que pasa de novas experiencias. Os medios siguen a traer decote novas e dramáticas noticias e máis dun escritor ha estar a recoller datos pormenorizados pra convertire en persoaxes literarios ós mariñeiros e percebeiros que tiveron que toma-la iniciativa, ós políticos e medios que malinformaron ou estiveron ausentes, ós que tentan agora rentabiliza-la miseria derivada da catástrofe. E así, o vicepatrón da Cofradía de San Francisco de Vigo acusou á plataforma “Nunca Máis” de se aproveitar da imaxe dos afectados polos vertidos do Prestige en beneficio propio, opinión contestada dende outras cofradías. De momento, quédome coa historia de Man, Manfred, o alemán de Camelle, historia xa contada polos que tentaron ver no home a un ser en evolución, a Vida retornando ó mar, a un mar no que se contan moitas baixas, unha delas a do propio alemán cada vez máis identificado coas rochas, coa area, coa escuma do ardentío. En Camelle.

Hai nerviosismo. O Prestige pode pasar factura política. E parecen evidentes certos intentos de obnubilar con este asunto ós votantes dos comicios de maio. Os xestores da cousa municipal terán que dar conta do que non fixeron ou do que fixeron mal. Hai unha sociedade crispada porque lle cambiaron a cidade –“referente urbanístico”--, máis incómoda que no 1999, e que non se consola coas bandeiras do “Nunca Máis” que ve penduradas das fiestras ou expostas nos escaparates, mesmo na feira artesanal da Praza do Teucro, na que circulaban como programas de man uns folios coas “frases felices” dos nosos políticos en relación co fuel. Pero homildemente, sen bandeira, cinco ou seis stands contaban outra historia: “Nos solidarizamos con María Quintáns, ceramista de Pontevedra, excluída por la organización de la zona monumental de este mercadillo “Pontenadal 2002”, como castigo al manifestar su desacuerdo por la falta de espacio para los clientes en la pasada edición.”


Algús han ter fresca a lectura da historia contada neste medio [Diario de Pontevedra] pola víctima, que vive do seu traballo. Na pasada edición protestara pola apretura existente –un pasillo de metro e medio de ancho por corenta de longo prá atención ó público, sen saída de emerxencia— e gracias á súa denuncia habilitaron dúas saídas... O relato de María Quintáns ten todo o necesario prá construcción dun conto clásico, un conto (triste) de Nadal: a confección dos artículos pró seu stand, medio de vida da súa familia, a esperanza de bós resultados, tres fillos a dependeren dos mesmos, e o gran chasco final porque María Quintáns non ten cabida nesa feira por decisión dos organizadores da mesma –ACZM--. Miserias e insolidariedade coa denuncia xusta de María, mentres algún grupo tenta sacarlle ó drama da marea negra máis partido que Sherezade ós contos das Mil e Unha Noites, como novos contos de Reis..

No hay comentarios: