Moncho e Ramiro, dous defensores da praza d´Os Praceres contra a ocupación ferroviaria, mallados polas tropas da policía enviadas pra consumaren a posesión ó servicio dos clústers portuarios, como vimos contando neste blog.
Ana Pastor, ministra de Fomento, disponse a continuar coas obras da irracionalidade comezadas na época de Pepiño Blanco, unha nova agresión medioambiental á ría. A muller anunciou ademáis a colocación de pantallas insonorizantes pola banda esquerda da autovía de Marín, prá que se prevé un maior tráfego en relación coa zona controlada pola Autoridade Portuaria, asentada sobre recheos sobredimensionados, buscado un maior calado en base a cargas de dinamita. A ministra está casada co presidente da Autoridade Portuaria do porto de Marín e ría de Pontevedra. 

A policía malla nos defensores do Estado de Dereito, nos veciños d´Os Praceres. (Foto xa mostrada neste blog).
Pontevedra, 29.07.2012
Entrada n. 1553 do blog
Artículo semanal
Artículo semanal
Milonga litoral,
por Xesús López Fernández
Litoral ou ribeirá se así máis gusta. A palabra milonga ten a súa orixe no continente africán. Asentouse, sen embargo, no Brasil i en Arxentina, predominando de forma común unha certa polisemia da verba, xeneralmente arxentinismos: composición folclórica de ritmo apagado e tono señardoso, que se executa con guitarra; copla coa que se acompaña… Existen diversas formas, con ritmo vivo, emparentadas co tango; tamén baile vivaz con parella enlazada. Coloquialmente significa engaño ou conto, mentira, embuste; tamén discusión ou riña: “armouse a milonga”. Outro americanismo defínea como “festa popular con baile” (despois da voda vai haber milonga). Aquí tamén temos milongas, (o gran embuste, posto en letra no BOE do pasado 24.07.2012: A resolución do 5.07.2012 da Secretaría de Medio Ambiente, sobre a evaluación do impacto ambienetal do proiecto Supresión dos pasos a nivel da praza d´Os Praceres do ramal de acceso ferroviario ó porto de Marín).
O ferrocarril, o tramo citado, foi declarado ilegal polo TS no 2007. Precisamente o 15.03 daquel ano, estando en Roma, na piazza de Spagna, recibía unha chamada telefónica de Eladio Torres, informándome da sentencia firme dictada polo TS despois dun longo proceso. Quedaba claro que, cando as xentes d´Os Praceres defenderan a praza mentres eran agredidos pola Policía Nacional, eran os veciños os auténticos profetas do Estado de Dereito e que os axentes estaban, presuntamente, ó servicio de extraños intereses. Non foron eles os culpables, en nengún momento, da milonga armada. E lembremos tamén que mentres Fomento forzou a construcción do ferrocarril, como contrapunto a esa actuación denunciaba o ministerio de Medio Ambiente do Goberno Aznar que a obra invadía 55000 mt2 de dominio público marítimo terrestre que introducían un perfil duro que impediría ós cidadáns tomar posesión do terreo demanial o día no que, por vencemento concesional, se fosen liquidando as empresas asentadas nas marismas de Lourizán. ¿Milongas?
Os veciños d´Os Praceres réstanlle importancia a este comunicado vía BOE que parece un tanto de coña, especialmente nalgunhas das consultas tramitadas, que aconsello lean os curiosos. Milongas, e non faltou unha cabeza pensante que suxerise un novo trazado en paralelo á PO11, autovía a Marín, que toda ela vai por terreo demanial e debe ter un vencemento próximo. Os veciños volven reclamare a execución doutras sentencias, como a dos recheos portuarios. E coido que, á marxe do anuncio do MARM, que desbota o soterramento do ferrocarril non pode prospera-la construcción de tres pasos baixo o tren pra vehiculos e peatós. A Autoridade Portuaria argumenta que o soterramento convertiría en inútil o servicio ferroviario no porto de Marín, como se non estivese máis que xustificada a súa desaparición, en plan rexenerador. Curiosamente, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar considera que as posibles afecciós negativas sobre o medio costeiro e mariño non son significativas [….], que as mesmas non supoñen unha alteración significativa dend´o punto de vista ambiental da zona de actuación. ¡¿Cómo? Milongas, vergonza!
Milonga foi tamén a adhesión do concello de Pontevedra á Carta de Aalborg de cidades sustentables. Un político do PP, Arenas, falou aínda non hai moito da milonga do desenvolvemento sustentable e no anteproiecto da nova Lei de Costas hai tamén moito de milonga. Son moitos os que entenden que a nova lei, por contra da Lei Borrell, a do 1988, nace con vocación de reactivare a economía do ladrillo, a economía da especulación e a destrucción paisaxística, outra milonga. Lembremos que o Concello tamén pulou pola construcción do ferrocarril a Marín, malgasto como o dos recheos. Millós de euros, din os veciños d´Os Praceres que volven afirmar: nun Estado de Dereito, unha sentencia firme non se discute, execútase. E sigue Fomento con obras de consolidación da autovía ó servicio da Autoridade Portuaria. Aquí parece vai haber festa popular con baile (despois da voda vai haber milonga, milonga ribeirá).