domingo, 3 de marzo de 2013

BENEDICTO XVI, ECOLOXÍA E RELATIVISMO

Foto tomada dun blog amigo, Cara a Cara. O Santo Padre trasládase a Castelgandolfo, paso previo á súa instalación nun pequeno convento ubicado no propio recinto vaticán. Eu coido que a evanxelización promovida por Benedicto XVI vai tomar, de cada volta, máis forza. E nesa escalada, a sociedade ten que combatir con forza á Besta do Relativismo, ós seus axentes políticos nemigos da Vida, da Familia, do Medio Ambiente, con sobreabondancia de corrupción nas diversas Administraciós. En Pontevedra sabemos da política ambiental blasfematoria hai tempo posta en práctica pola mafia portuaria e os partidos políticos, e contra dela téñense pronunciado como auténticos profetas as xentes d´Os Praceres, como se apunta nos dous posts anteriores; tamén Salvemos Pontevedra exerceu aquí proféticamente aínda que os procedementos permanezan dormidos no TS. Ambos grupos asumiron aquí a acción popular pra ver de desterra-lo mal xerado polo Relativismo moral das Administraciós. 

Pontevedra, 4.03.2013
Entrada n. 1620 do blog
Artículo semanal.

 Benedicto XVI, Ecoloxía e Relativismo,
por Xesús López Fernández

            O Papa, que aceptara homildemente a votación do cónclave no que foi escollido, acaba de renunciar, tamén homildemente, peregrino na súa última etapa según a súa propia definición. Algo de premonitorio podería haber no seu escudo papal, visible nos xardíns do Vaticano, que no seu tercio inferior mostra o perfil dunha cuncha de vieira, escudo do que tomei diversas fotografías con motivo dunha peregrinación diocesáa a Roma na que participei en marzo do ano 2007.  Ambiente cosmopolita, a praza de San Pedro estaba ateigada de xentes chegadas de todo o mundo durante a celebración litúrxica presidida polo papa Benedicto. Pola tardiña teriamos ocasión de visitare parte dos xardíns privados do Vaticano, hora na que tomei a fotografía que os curiosos poden ver en facebook. Son momentos que agora lembro con intensidade, así como as nosas visitas ás catacumbas, basílicas e non poucos monumentos románs.

            Poucos acontecementos terán contado con tanta audiencia televisiva como os últimos actos convocados polo papa cesante, así como o seu traslado en helicóptero a Castelgandolfo, antes de se asentar definitivamente nun pequeno convento, no propio recinto vaticán. Benedicto XVI/Joseph Ratzinger non se vai lonxe e vai seguir colaborando como home de oración i estudio coa Igrexa. Levo leído non poucos traballos en relación co tempo que agora se cerra, pero que deixa marcadas posibles claves exemplarizantes pra católicos e non católicos, porque a sociedade veu sentindo a Benedicto XVI de cada volta máis próximo ó longo dos case oito anos do seu papado, incluso xentes doutras relixiós, porque foi un papa que predicou o entendemento, como tamén denunciou o Relativismo moral ou deixou non poucas referencias á Ecoloxía.

            Resulta grata a mensaxe de empatía que dirixe ó Santo Padre o presidente da República Italiá Giorgio Napolitano, que traslada de novo o reconocemento e afecto dos italiáns no momento final do seu mandato. “Teño sentido e sinto que podo facelo no  nome do pobo e da nación que este pontífice non italián ten amado sinceramente, ó tempo que acompañado con constante simpatía e benevolencia. Incluso os máis alonxados da Igrexa e da práctica relixiosa apreciaron a altura da investigación e das aportaciós ó pensamento de Benedicto XVI, o mesmo que a súa simplicidade e discreción, como que os anos do seu pontificado figuran antr´os máis sereos na relación antre a Igrexa e o Estado do noso país, no sentido do respeto mutuo e de vontade de colaboración”. Napolitano fai mención de que a súa despedida persoal do Santo Padre, o pasado 23.02, estivo presidida pola emoción, acadado un nivel de confianza, unha afinidade que os levaba máis alá de calquer formalismo e oficialidade, compartidas preocupaciós e puntos de vista sobre a situación de Europa.              

            Este papa foi o que máis tocou o tema da Ecoloxía, unha ecoloxía que tivese en conta tanto o entorno natural como o social, ó home como protagonista principal e ás outras criaturas. A cuestión do Relativismo moral que a sociedade, especialmente os políticos, ven decote como o seu propio credo, é causa de non poucos males, incluso a propia crisis pode te-las súas raíces nese relativismo zafio exercido dende certas poltronas, contra a Ecoloxía, contra a familia e dereitos irrenunciables. Finalmente, ós políticos progres parece terlles reventado o discurso relativista ó ter renunciado ás  raíces da civilización cristiá. O Patriarca da Igrexa Ortodoxa Rusa, Kiril, loubaba este primeiro de marzo a loita de Benedicto XVI contra o relativismo moral. Nese relativismo reside o mal contra o que teremos de loitar. A sociedade comeza a tomar conciencia, percibe que hai que facer un gran esforzo de rexeneración e cáles son as claves pra afastare ós políticos inícuos. Ó futuro papa, como líder moral, agárdanlle tempos difíciles contra ó demo do Relativismo, o furancho do mal.  

No hay comentarios: