domingo, 18 de mayo de 2008

Malas novas da Amazonia [19.05.20008]

Marina Silva, fotografía de Reuters/El País. Dimitida, a Amazonia perde a súa máis afervoada defensora.

Outra fotografía de Marina Silva de Lima, a exministra brasileira do Medio Ambiente dimitida por Lula ter abandonado a "axenda ambiental". As cousas póñense mal, como consecuencia, no Brasil e no mundo enteiro. Salvando as distancias, teñamos presente que, aínda que non se loceu durante a súa xestión, a ministra española Cristina Narbona tamén se marchou, según din, pola porta d´atrás do goberno de ZP.

Pontevedra, 19.05.2008

Entrada n. 487 do blog.

Artículo semanal remitido a diversos medios. Prá sensibilización coeste tema recomendámo-la lectura do libro de Javier Moro, Senderos de Libertad, no que se relata de forma exemplar a loita de Chico Mendes, e a súa morte, asesinado vilmente. Morreu ás portas da casa de Marina, o anxo da Amazonia agora dimitido.



Malas novas da Amazonia [19.05.2008],
por Xesús López Fernández

Acaba de dimiti-la ministra brasileira de Medio Ambiente, Marina Silva de Lima. A muller, feita a si mesma, sería co tempo colaboradora de Chico Mendes, do que o seu pai fora un home próximo, seringueiro como el e igualmente comprometido na loita conservacionista do mundo que lles daba sustento. Os pais de Marina, Pedro Augusto e María Augusta, vivían nunha aldea de seringueiros, en Breu Velho, en Acre. Tiveran unha descendencia de once fillos, ós que que sobrevivirían pouco tempo, oito anos. E con todos eles traballaba, aínda nena, Marina, na roza ou na sementeira, ou no sangado das heveas, as árbores do caucho. Tamén cazaba, pescaba, e axudaría ó seu pai a paga-las débedas que tiña co dono do seringal. Foi ós 14 anos cando aprendeu as catro operaciós básicas de matemáticas, pois onde ela moraba non había escolas. Aprendeu a leer ós 16 anos. Matricularíase na Universidade Federal de Acre, no 1981. Alí descobriría a loita de clases. Marcada ademáis polo activismo de Chico Mendes, compañeira como dixemos na súa loita, con el fundaría a CUT de Acre, a Central Única de Traballadores do Brasil.

Comezou a súa carreira política como concellala de Río Branco, en Acre, no 1988, comprometida xa na loita social e ambiental. En contra dos que non participaban da súa idea ecoloxista, gañou en pouco tempo unha sólida reputación, ata o punto de que dous anos máis tarde era diputada por Acre e no 1994 senadora estatal con só 36 anos. En pouco tempo e, pola súa comprometida defensa da Amazonia e dos traballadores sen terra, acadaría unha crecente popularidade. A súa carreira política estaba lanzada. E foi secretaria de medio ambiente do Partido dos Traballadores, ó que estaba afiliada, antre os anos 1995 e 1997. O presidente Lula apostou por ela como valor seguro, daí que a nomeara ministra de Medio Ambiente ó acceder ó poder no 2003. E chegaría informar daquela que a Amazonia sería tratada de distinta forma. Nefecto, gracias á xestión da ministra ecoloxista, a deforestación reduciríase nun 75% ó tempo que vastas áreas serían entregadas ás comunidades indíxenas.

Marina Silva asumeu a necesidade de comprometer terras na producción de biocombustibles. E tamén procurou axuda internacional prá conservación da Amazonia, por ética e solidariedade. E obtivo diversos premios: Goldmann, Champions of the Earth…. Pero o seu goberno optou por unha política distinta. Lula chegaría a decir que a Amazonia non ten por que permanecer como santuario do planeta. Coas presiós dos latifundistas, gandeiros e cultivadores de sóia, dende que foi anunciado o Programa de Aceleración do Crecemento --PAC--, un plan que prevé a realización de infraestructuras e obras en zonas sensibles, parece marcada a fin da Amazonia como bosco primario e pulmón da Terra. Marina Silva, que chegou ser considerada por The Guardian como unha das 50 persoas que máis poderían facer pola salvación do planeta, que prantou cara ós facendados culpables da deforestación de millós de hectáreas da Amazonia, por coherencia, veuse obrigada a dimitir. Cun Lula distanciado das súas políticas, non podía facer outra cousa.

O ecoloxismo universal acaba de recibir un forte golpe coa dimisión do “anxo da guarda da Amazonia”. O Instituto Socioambiental –ISA-- lembra a incansable batalla de Silva a favor do desenvolvemento sustentable; que a súa marcha é unha gran perda pró Goberno e pra Brasil. Greenpeace declarou que “as forzas máis destructivas do Brasil demandaban a saída de Marina Silva”. E según a secretaria xeral de WWF-Brasil, Denise Hamú, “trátase dunha clara demostración de que a área ambiental non ten espacio neste Goberno”. Está claro que ó exsindicalista Lula xa non lle interesa o tema ecolóxico; que está disposto a entrega-la Amazonia. De tódo-los xeitos, nervioso, acaba de lle pasa-la carteira ministerial da dimitida a Carlos Minc, do Partido Verde, que asegura vai segui-la política de Marina Silva.

1 comentario:

MARISCO dijo...

Guerreira Marina Silva. Já se foi tarde do governo. Melhor para ela. Otário é quem imagina que ela saiu derrotada.