Lourdes, procesión. O espectáculo é contínuo de Abril ó Outono. O próximo Setembro acodirá ó lugar o Papa Benedicto XVI. En Lourdes, gruta de Massabielle. Este ano cómprese o 150 aniversario da aparición da Virxe a Bernadette Soubirous.
Pontevedra, 7.05.2008
Entrada n. 481 do blog
Éste é un desos traballos, crónica dunha viaxe, que non precisan de máis comentario. Repetiría a peregrinaxe, con gusto. Pra ver de me contaxiar un pouco da fé dos máis homildes, dos enfermos; pra ver de me achegar ó misterio do que Alexis Carrel deixou comprida acta: "Viaxe a Lourdes, A incógnita do home, A Oración, etc."
UNHA VIAXE A LOURDES [13.07.2001],
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
A viaxe foi rápida, e Lourdes require tempo pra ser visitada e contada --como lembraba dunha viaxe anterior--, pra participar nos actos que alí se organizan tódo-los días. Son moitas as persoas que visitan a cidade francesa, un río de xente antre os meses de Abril e Outubro. Posiblemente ese é o gran miragre de arestora en Lourdes de Francia –hai máis Lourdes--, dende que o 25 de febreiro do 1858 agromou, baixo as mans de Bernadette e onde a Inmaculada Concepción ordeara, a fonte de Masabielle, a gruta á que acodía a vidente por mandato da Virxe dende a aparición primeira. As grutas sempre xogaron un papel importante nos inicios da vida, mesmo na aparición de imaxes como é sabido. Precisamente nunha das paradas no camiño, en Nájera, existe un gran templo, o de Santa María a Real, que arranca dunha cova sobre a que existe unha leenda que a relaciona co rei Don García, alá polo ano 1044:
O rei saíra de caza, con falcón, que ceiba cando ve pasar unha perdiz. O falcón vai celérico á procura da súa peza. Don García cruza a maleza pra ver de recupera-lo falcón e a súa presa cando, inesperadamente, atópase cunha cova na que existe un altar e a imaxe dunha virxe; a un lado unha campá, ó outro unha lámpara e unha xarra de azucenas, e as dúas aves, falcón e perdiz, en actitude de amistade. Don García, asombrado, interpreta aquelo como unha promesa do ceo, como telumbre de victoria en próximas batallas. Un ano máis tarde, no 1045, reconquista Calahorra e comprométese na construcción dunha igrexa grandiosa, delongamento da Santa Cova que servise como derradeiro refuxio, como panteón real, e que fose tamén centro das súas devocións e arelas. Hai outras versiós, pero a cova alí está, tamén a imaxe da Virxe da Rosa, antigamente chamada de Santa María a Real. O conxunto monacal está hoxe en fase de restauración. Tumbas, coro, todo el unha obra portentosa.
Detivémonos tamén en Andorra. E visitamos Meritxell, onde unha guía galega ilustrounos sobre o vello santuario –incendiado no 1972— e sobre o de nova pranta, do 1976, obra de Bofill. A primitiva imaxe de N. Sª. de Meritxell tiña tamén leenda en canto á súa aparición. Trasladada do lugar no que fora atopada, desaparecería pra novamente ser achada no primitivo sitio --tres veces--, o que foi interpretado como desexo da Nosa Señora de que lle construíran alí unha capela. Hoxe acoden ó lugar os andorráns, masivamente, o 8 de setembro, cando celebran a súa festa nacional. A ela pregan nunha serie de invocaciós pra que nos “ensine a escoitar, a admirar, a nunca mentir; pra que nos mostre a luz, a simplicidade; pra que aprendamos a rezar, a sorrir, a unirnos, a amar”. Durante a visita, un grupo de sacerdores preparaban a liturxia e os correspondentes cantos. Demoraríamos noutra capela románica andorráa, a de Sant Joan de Caselles, que xustifica en por sí unha visita ó lugar, onde a inocencia do monumento arrequece a maxestade da paisaxe.
Chegamos a Lourdes. Visitamos os lugares que foron morada da familia de Bernadette Soubirous. Os voluntarios orientaban ás xentes de diversa nación. O catalán, moi vivo e integrado. Acodimos a un acto ecuménico na basílica soterraña, á bendición dos enfermos que alí confluíron durante a celebración, algús inválidos de sorriso limpo que agardaban o posible miragre, como a enferma que acompañara, no seu día, Alexis Carrel, autor de “A incógnita do home” antre outros libros.--¿Estará inscripto o seu agradecemento na basílica principal, ou na cripta?--. Un xentío incalculable na procesión das antorchas. Na súa fin intercambiei a paz cunha familia italiáa, peregrina tamén a Zaragoza, a Covadonga, a Santiago e Fátima. Finalmente lembremos que da fonte de Massabielle manan decote 122.400 litros de auga, prá cura dos enfermos, pra apaga-la sede ós peregrinos; ou que o monte do Vía Crucis –portento botánico-- é unha recreación do Calvario, cada estación un grupo escultórico a escala real. A resurrección está escenificada nunha gruta natural alí existente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario