Remedo de grifón ou similar, que bota lume pola boca. Foto do pasado ano. Pero éste seguía en activo.
Dragón nos Xardíns de San Francisco, o ano pasado.
Porta e rúa das trabancas. As trabancas son instalaciós efímeras, táboas sobre cabaletes, pouco máis, prá armare postos de venta do que faga falta. -
Pontevedra, 10.09.2008
Entrada n. 593 do blog
A FEIRA FRANCA,
por Xesús López Fernández
Pasou a Feira Franca, desapareceron das nosas rúas nobres e vasalos, mercaderes fenicios e xudeos, banqueiros e rústicos, mesmo as grandes damas ou as que, con traxe campesiño, facían comercio sobre as "trabancas", ou no chan, con productos da súa horta, dos seus porrales.
Este ano parece como se a feira se disparara [e quérena acrecentar aínda máis pró que ven, como a zona peatonal]. Non sei ata qué punto se trata da escenificación dunha feira real, porque as mulleres das trabancas, xa venderan cabazas ou millo corvo, non terán feito grande negocio. Recreéime tamén coas demostraciós de oficios: unha pequena mostra de ferrería, outra de cantería, e moi didáctica e interesante a da preparación de tintes a partir da cocción de prantas.
¿Pero é feira franca a que consiste en enche-la andorga por rúas e prazas, calexós incluídos, en grandes "manxadoiros", nalgús casos ben presentados, con profusión de candeas e candieiros, como si houbese unha mellor posta en escea que nos pasados anos?: Sardiñas a asar, carnes diversas, nalgús casos preparadas ó espeto, facendo fume e tamén suciedade que persiste a día d´hoxe, como que á recollida da feira había algún que outro lugar da cidade que parecía escenario do botellón: vasos, botellas, suciedade, miseria encharcada na praza do Leite ou das Semillas [Teucro] antre outros lugares.
Na noite da arrancada achegueime a unha cafetería e pedín "unha infusión de carcadé". ¿I éso qué é?, A infusión da flor do hibisco, dixen, a bebida da cortesía coa reciben ós visitantes nas casas de Exipto. É un pouco ácida, proseguín, pero con azucre e limón resulta exquisita. Total que tiven que tomar unha infusión de café descafeinado.
E aquí pérdese un pouco a miña fantasía. A min gostaríame ter vivido outra feira, con persoaxes que se podían ter tomado de diversos contos e relatos, por exemplo do "Merlín e Familia", de Cunqueiro, do que un chamado Elimas, un algaribo, podería contarnos a historia do carcadé ou karkadé, do que o máis apreciado é o do monte Kenya, naquel país. A flor sécase ó aire libre. Pero é igualmente popular noutros países: México, Jamaica, onde lle din á dita infusión "auga de Jamaica".
Polo teatro da casa de Miranda, de don Merlín, pasaban moitos persoaxes particulares, incluso sireas, como Theodora, viúda dun cabaleiro portugués á que lle teño dedicado un conto. E un persoaxe frecuente naquela casa era o "enano da pamela", o que facía a garda no castelo de Belvís e coidaba das damas do señorío que alí vivían. E traía e levaba recados. Sentabase na casa de don Merlín nunha ucha banqueira, pero era tan cativo, tan karrikí, que as pernas lle penduraban no aire.
Pois resulta que antre nós existe ese tipo, que ten colaborado con algunha asociación pró maior atraso da zona vella. No hall do Hotel Rúas existen dúas uchas banqueiras, ideales prás representaciós do enano, que parecen mesmo traídas da casa de don Merlín, mercadas en realidade nunha das prazas da "nova economía" do BNG, no Rastro da praza da Verdura. Cando me cruzo co persoaxe mesmo o imaxino con pamela ilustrada con pluma de faisán ou de galo Rock e, naturalmente, co espadín pendurado fachendosamente do seu cinturán.
Outro persoaxe pra recuperar sería mosiú Simplón, o vendedor de "bolas de neve", pero, en fin, habería que lle botar máis imaxinación pra converti-la Feira Franca nun espectáculo digno. Agora que pasou o gran día das papadelas, torna a zona vella a quedar deshabitada, co seu comercio arruinado a consecuencia da disparatada política urbanística do equipo de goberno local.
A cousa non se remedia coa ópera bufa por eles montada, nen con malabares nas prazas ou grifós aparcados nos xardíns que queren dinamitar [San Francisco] ou dragós que marchen polas rúas botando lume pola boca. Como diría Cunqueiro, despois de pasare o dragón queda no ambiente un certo cheiro a solfo, a xofre, cousa do demo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario