viernes, 26 de septiembre de 2008

A DEPENDENCIA DA AUGA [8.09.2003]

Parte baixa de San Roque, na Moureira. Traíñas prá pesca artesanal. A ría viva.
Desembocadura do río Gafos. As gamelas están remansadas antes de saír a pescar.
Foto xa reiterada no blog. O "mono do garrote" comezaba a destroí-lo medio ambiente nos primeiros anos do século XX.

Pontevedra, 26.09.2008

Este traballo agora inserido no blog é do 2003. I é complementario doutro titulado "O Cambio Climático", que os interesados poden encontrar antre os incluídos no mes de Xullo do pasado ano.

Rogaría ós que reparen nestes traballos que procurasen facer unha lectura en clave pontevedresa, porque a irracionalidade sigue instalada nas Administraciós, "o mono do garrote" do que fala Galeano sigue coa intención de arrasa-la nosa historia, o noso medio ambiente, a memoria dos nosos mariñeiros e da ría toda. Xa me entenden. Neste blog hai xa información que, de momento, non quero reiterar. Información grave.

Entrada n. 603 do blog

A dependencia da auga [8.09.2003]

Por Xesús López Fernández

No traballo anterior, [“O cambio climático”, cara a fin do mesmo] incluía algús avisos sobre a necesidade dun cambio a enerxías alternativas, de poñer en práctica unha economía real no uso da auga, mesmo tomar en serio o respeto á mesma e ás chamadas reservas da biosfera. Sobre esta e outras cuestiós que afectan á sustentabilidade do planeta acaba de edita-lo Banco Mundial un informe que pon especial acento no papel da auga, da que depende o noso futuro. Ó que lle interese o informe ó completo deberá procurar unha lectura do mesmo. Aquí só podemos tocar algús dos seus aspectos, como o da posible administración da auga pra todos, e a interdependencia existente antre a conservación dos boscos como asignatura necesaria pra ter unha auga barata e depurada.

Porque eso é algo que moitas veces esquecemos, metidos no noso autismo de cidadáns instalados na cidade que entendemos, inordes, que pra nos fornecer do líquido e vital elemento abonda con abri-la billa pra dispoñer de auga en cantidade. ¿Pero de ónde a recibimos, cómo se fai posible ese suministro? No cumio de Johannesburgo falouse da súa escaseza, dos millós de habitantes deste mundo que carecen dela pola crecente desertización e pola desaparición de boscos primarios, algo do que avisan o Banco Mundial e a organización ecoloxista WWF. Porque moitas das grandes urbes e megaurbes teñen a auga fácil de que falabamos porque se surten de algún río que na súa cabeceira e no seu curso dispoñen de boscos primarios ou de espacios protexidos que hai que preservar á toda costa e que forman parte dese activo social no que non queremos reparar.

O informe insiste en que case a mitade da poboación mundial vai vivir problemas graves antes do 2025, especialmente en África, no Medio Oriente ou en Asia Meridional. E fai unha especial insistencia no necesario manexo dos recursos de auga e o seu suministro ás áreas urbáas de rápido crecemento, ás comunidades do campo, á industria. Censura a política de alto gasto, a falta de visión no pasado á hora de fixa-lo precio dos recursos hídricos e afirma que moitos países en fase de desenvolvemento deberán facer inversiós considerables en infraestructura se non queren perde-las súas reservas. Quero incluir aquí dous datos, un deles recollido dunha noticia da televisión en relación co problema: a perda de auga en países como Kenya, que na reportaxe [como aviso especial prás xentes de todo o mundo] mostraba a protección dun grifo por medio dun candado, despois de os rapaces e rapazas recibiren a súa parca ración. Outro exemplo podería se-la actuación dun neno saharaui aquí acollido, que veía con asombro o sobreabuso que se facía na casa e procuraba, en todo momento, que as billas non quedaran abertas. Pero tornemos ó tema dos boscos, porque deles pode depende-lo futuro, porque supoñen un sistema eficaz de conserva-la terra, a auga, e de garantizar unha depuración barata. ¡Qué razón ten Greenpeace na súa constante denuncia do sobreabuso nas talas e da desaparición de boscos primarios! A voracidade da sociedade urbáa non ten límites neste eido, á procura sempre de madeira de calidade procedente de países que, coa súa venta, están a acabaren, posiblemente, co seu principal activo. Despóis virá algo que non van comprender: unha desertización voraz, perda de acuíferos, a conseguinte fame, talvez tamén a emigración en pateras, pra moitas daquelas xentes a súa última viaxe, en beneficio do “mono do garrote” ó que alude Eduardo Galeano.A afirmación do autor é resposta á súa cuestión de quén se queda coa auga. Ou por qué o mono desarmado morre de sede. Unha lección de prehistoria.

O que Galeano nos comunica é que o mono non evolucionou tanto e que agora só sigue a pensar en favorece-la industria armamentista [o garrote], como argumento de futuro, como nos cansamos de oir a Bush, o home que quere tamén reduci-los boscos dos EE.UU. Por eso parece moi oportuna a argumentación de Galeano: “As potencias donas do planeta razoan bombardeando. Elas son o poder, un poder xenéticamente modificado, un xigantesco Frankpower que humilla á natureza, que exerce a libertade de converti-lo aire en merda e o dereito de deixaren á humanidade sen casa; que chama erros ó seus horrores.......” E como aviso de futuro dí: “Álzase o mar, as terras baixas quedan por sempre asolagadas. Esto parece unha metáfora, pero non: trátase dunha fotografía do mundo tal como vai ser, [...]. Un futuro previsible según [certos] científicos.” Según o autor, pode a terra escasear en moitos países; a area do deserto entrar polas fiestras. Por eso hai que gastar máis na defensa dos boscos e da auga, como garantía de futuro

No hay comentarios: