viernes, 12 de septiembre de 2008

A CUESTIÓN DA PAPELEIRA

Este concello non vai recupera-la fachada marítima que aínda se aprecia nesta fotografía de comezos do XX. Dende aquela non cesaron os políticos en lle poñer cancelas ó mar. Ó mar de Pontevedra. Persisten os de diverso pelo na súa consigna "in péctore" do "¡Todo solar!".
Panorámica de Ence-Elnosa dende Lourido-Poio.
-
Pontevedra, 12.09.2008
-
Entrada n. 594 do blog
-
Traballo do ano 2003, que podería reiterarse neste momento. A Constitución sigue desamparada mentres grupos de presión parecen pular pola marcha de Ence pra reconvertiren en solar as marismas de Lourizán. Sobre esto pode encontra-lo lector outras referencias no blog, traballos máis recéns sobre cómo certos grupos políticos que se decían ecoloxistas acentúan máis a morte do ecosistema con proiectos como o do macronudo de Molalbao ou a nova ponte das Correntes, á marxe do PXOM, deixada de man a Axenda21Local. Eso pasa neste concello, que no seu día, en plan vendedores de feira, suscribiron a carta de Aalborg. Traidores.
-
A cuestión da papeleira [31.10.2003],
por Xesús López Fernández
-
A información sobre ese proiecto, o apoio de certos grupos á súa construcción, está a entrar nunha fase de desesperanza prá poboación toda do ecosistema da ría, ambientalmente deprimida dende os primeiros sesenta, porque a agresión consentida sobre o medio ambiente incide nos propios cidadáns que nel habitan. E aínda que a Constitución nos ampare [art. 45 e outros], un pergunta se non se estará a conculcar [pisotear, quebrantar, infrinxir] a propia Constitución. Talvez será mellor reproduci-lo citado artículo 45 que dí: “1. Todos teñen dereito a disfrutaren dun medio ambiente adecuado pró desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo; 2. Os poderes públicos han velar polo uso racional de tódo-los recursos da natureza, coa fin de protexer e mellora-la calidade de vida e defender e restaura-lo medio ambiente, apoiándose na necesaria solidariedade colectiva.; 3. Prós que violen o establecido no apartado anterior, nos términos que a lei fixe, estableceranse sanciós de carácter penal ou, no seu caso, administrativas, así como a obriga de restaura-lo mal causado.” [a traducción é miña]. Poderiamos seguir analizando outros puntos da Constitución [art. 15, Dereito á vida ...e a non sermos sometidos a tratos inhumáns nen degradantes; art. 18. Domicilio inviolable, profanado cada vez que entra na casa o pestazo de Lourizán, etc.]. Conculcada a Constitución ou non, o certo é que non funcionan as instituciós que de oficio deben actuar.
-
A decretada supramunicipalización [18.7.2003] pra xustificaren a construcción proiectada é reveladora dunha certa involución democrática e da falta de imaxinación que debería estar volcada en idea-la recuperación dun entorno que moitos gardamos entrañablemente na memoria. Pero optouse pola vía da propaganda dun desenvolvemento sostible de mentira e que no seu futuro inmediato contempla a propia ría como gran balsa de decantación, colmatizada polos lodos da industria e a sobrecarga de mercurio conducidos polo emisario. Algús poden pensar que Pontevedra pode seguir ofrecendo mar, cando hai tempo que decidiron acabar con el. E coa política populista en vigor, de primar trescentos postos de traballo [e os hipotéticos inducidos] sobre a miseria ambiental que sofrimos dende o 1963, coa inversión en propaganda ou a esponsorización do Pontevera, F.C., certas xentes e colectivos non comprenden que a fábrica de papel cabe noutros lugares de Galicia e que, acompañada pola fábrica de pasta [con outra tecnoloxía, por suposto, e con vertido cero] pode ter ubicación máis axeitada terra adentro.
-
Prós que tragaron a “bolita” [término arxentino] da creación duns postos de traballo [moi poucos], quero citar aquí o que me decía hai uns días un home da Moureira, que viveu do mar como tódo-los ancestros dos que ten noticia ata o século XVII. Decíame o amigo que a Moureira, as dúas Moureiras foran barrio mariñeiro e que quizabes a agresión ó medio mariño, ó fondo da ría, escomezou antes incluso da desecación das xunqueiras. Totalmente dacordo. Como que esa desecación foi consecuencia de se ter instalado a fábrica de pasta en Lourizán e Tafisa [antes] na Seca. E ben pensado pode que teñamos que contabilizar aquí máis dunha conculcación, porque dende o propio poder que promulgou o Regulamento de Actividades Molestas, Nocivas, Insalubres e Peligrosas, non houbo unha preocupación certa [nen agora] de poñe-las cousas no seu sitio, neste caso a máis de dous mil metros dos núcleos habitados da poboación que xa estaba instalada aí, nos Praceres, en Lourizán e Mollabao. A fábrica de celulosas comezou a funcionar no 1963 sen licencia municipal que sería outorgada o 11.8.1965, con máis de trescentas asinaturas en contra.
-
Quero lembrar que antre outras i en contra da concesión da mesma presentaran recurso a Subsecretaría de Turismo, Dirección Xeral de Sanidade, Comandancia da Mariña, Diputación Provincial e concellos veciños e unha serie de cidadáns. Nese colectivo cidadán pode encontrar certo home, recén chegado á política, a asinatura dalguén polo que perguntou hai uns días, que sempre tivo claro que había que salva-la ría, posible se non cambian a Lei de Costas que fixa o término da concesión precaria a Ence no horizonte do 2.018. Que non nos desestabilicen con argumentos como o da imposible rexeneración do espacio que ocupan, ou da innecesariedade do mesmo como espacio público que Pontevedra e Marín precisan, que necesitamos tódo-los cidadáns e que coa súa recuperación podemos soñar nun futuro inmediato. Alguén perguntaba hai uns días si existe algunha orde ministerial que xustifique a papeleira e sinalaba un horizonte claro prós responsables: A Constitución. Que non tumben a Lei de Costas, ríxida cos probes. A papeleira, noutro sitio, a agardar por Ence.

No hay comentarios: