viernes, 5 de junio de 2009

DE UTOPÍAS [3.10.2003]

A protesta ecoloxista, dibuxo informático.
-
Pontevedra, 5.06.2009
-
Entrada n. 971 do blog
-
Traballo recuperado, contemporáneo do inserido na entrada anterior. O artículo non perdeu nada d´actualidade e novas traiciós poden estar en marcha.
-
De utopías, [3.10.2003]
Por Xesús López Fernández
-
Tomo o título deste traballo dunhas declaracións de Teresa Pedrosa que, en relación coa ampliación da fábrica de Ence e a construcción da papeleira; en relación co estaribel ese da supramunicipalización que algús cidadáns non entendemos, ven de facer, demandándolle ó equipo de goberno terreos no propio término municipal pra acomete-lo traslado do complexo e a recuperación de Lourizán como entorno natural. Vamos, non é así como o dí, pero o que non podemos desbotar como obxetivo a prazo corto é ese arelado traslado. E non sería utopía se tódo-los partidos pularan por unha nova Ence máis estratéxicamente situada e con vertido cero. E si se quer, con papeleiras de papel tisú, de imprenta e de envolver, no horizonte temporal que poida determina-la presencia do “invasivo e incendiario” eucaliptu, se finalmente prospera esa utópica educación ambiental que tentan darlle ós máis novos, con presencia incluso da ministra de Medio Ambiente, Elvira Rodríguez. E pódolle decir a Teresa Pedrosa que eso do “vertido cero” non é utopia, que xa existen sobrados exemplos. Seguro que o sabe.

¿Pero qué lle responderán esos políticos ós nenos críticos que pergunten por qué non se fai unha verdadeira recollida selectiva das vasuras urbáas, por qué non se recicla o papel das cidades que noutros países vale como materia prima? ¿E os envases de aluminio ou o cristal? ¿Por qué a nós, nenos, dirán eles, se nos contan cousas en plan Walt Disney ou Rodríguez Lafuente, mentres os políticos se alinean coa contaminación salvaxe, que mesmo promoven? E perguntarán máis os nenos: ¿Por qué nos falan da conservación dos espacios húmedos se queren promove-la construcción dun campo de fútbol na Xunqueira d´Alba? ¿E a asignatura do mercurio, do poder contaminante dunha pía de botón?. Porque todas esas cousas lles están a contaren ós nenos, que ó mellor levan á escola as pías agotados, que alí recollen pra enviaren non sei dónde. Por este camiño, o artículo vai acabar nunha simple carta ecoloxista cando non é ésa a intención, senón a de comentar algunhas das últimas noticias.

Os “sabios” do Plan Estratéxico están a propoñe-lo traslado da Escola Naval Militar de Marín, ó tempo que piden non unha, senón dúas papeleiras pra completa-lo ciclo de ENCE. Algús “empresarios” [perdón polas comiñas] califican de disparate político a postura municipal en relación coa papeleira, cando o impresentable é seguir dando as costas á erradicación do complexo, de cuia marcha di Ence se derivarían perdas prá bisbarra de 110 millóns de euros ó ano. ¿E os beneficios que emerxerían cunha ría recuperada ou cun turismo de excelencia potenciado?. Porque o que sí é unha clara utopía é pensar que ese turismo vai permanecer e que a ría vai resistir moito máis, cando nestos momentos está nunha situación claramente terminal. I eso poderíao determinar incluso a consultora do señor del Álamo, se lle pagasen por facer ben o traballo. O que non se pode dar por boa é a afirmación de Ence dun impacto mínimo na auga e na atmósfera, porque levan moitos anos mentindo e, aínda que os políticos “tragaron” coas súas versións, velaí está a sentencia recente por contaminación continuada.

Que o Concello solicite a suspensión cautelar do proiecto de Ence é o menos que agardamos moitos cidadáns, que celebrámo-las declaracións conxuntas de Meijón e Mosquera, a oposición do Concello á supramunicipalización do plan de ampliación; que veríamos incluso con agrado que, unha vez agotada-las vías posibles e por elevación, a denuncia cidadá chegase ó Tribunal de Estrasburgo. E non vexo que exista unha clara oposición veciñal ó equipo de goberno, que ó tempo que certo medio facía esa afirmación publicaba unhas declaracións de diversos cidadáns: “Que a retiren [a Celulosa], Está afectando á saúde de todos, que a quiten daí, Todos sabemos o dano que ten feito ata o dagora...”. E José Vidal pronunciouse así: “Que a quiten con toda-las consecuencias, xa que eso non é só un problema; é o problema con maúsculas de Pontevedra....Ten detido o progreso de toda a comarca”. E outro persoaxe, Fco. Javier Peleteiro, chegou decir:”[...] aínda que, pensando nos postos de traballo, a solución sería trasladala de sitio, pero mantela aí en nengún caso...” Mentres que dende a Federación Castelao falan de “desenvolvemento salvaxe”, parece clara a contestación social a algo impresentable. Pode ser utópico pensar nun traslado, pero non-o sería o cerre e a construcción dunha nova Ence noutra parte de Galicia [aí sí pode cabe-la supramunicipalización], pero na nosa ría, medio sensible, hai que ser moi estrictos e poñer en marcha a aplicación da Axenda 21, algo que T. Pedrosa non quere, despois de teren asinado os representantes do seu partido a adhesión á Carta de Aalborg sobre cidades sustentables, algo imposible con Ence en Lourizán.

No hay comentarios: