sábado, 27 de junio de 2009

A RECUPERACIÓN ECOLÓXICA [29.06.2009]

Piñeiro d´Oregón, tamén chamado abeto de Douglas, douglasiáa ou pseudotsuga menzeiensis. Prantación en San Pedro de Rocas, Esgos. O rendemento estudiado en Galicia mellora os rexistros máis óptimos de prantaciós de Inglaterra ou Fancia.
-
Pontevedra, 28.06.2009
-
Entrada n. 997 do blog
-
A recuperación ecolóxica,
por Xesús López Fernández
-
¿Podemos pensar seriamente nunha recuperación ambiental do territorio galego, das súas frondas autóctonas, ríos, rías e todo o espacio litoral?. A resposta é fácil: podemos. Outra cousa é que o poder político queira asumi-la tarea de velar polo comprimento das leis, pola restauración real da legalidade. E Núñez Feijóo, que prometeu en campaña [coido que xa o temos comentado] a recuperación do litoral de Lourizán, volveu falar do tema Ence en Pontevedra o pasado 26. “Non cabe a posibilidade de mante-la fábrica na ría”, dixo, como que tamén era ésa unha decisión persoal e vontade do Goberno galego que xa tiñan comunicado á dirección da empresa. O que xa non debería ser preocupación da Xunta é a futura ubicación da pasteira, que presuntamente carece de concesión dende a súa privatización, polo que o seu cerre é cuestión de vontade política, que debe poñerse á tarea da recuperación do capital natural, da praia de Pontevedra. E que ninguén pense, como xa pasou, que é un solar. A reubicación no concello sería mala. Os vertidos á ría continuarían; o marisqueo seguiría cuestionado, cando non prohibido pola aparición de toxinas.
-
¿Facemos algo de memoria? Ano 1973, tardofranquismo, cando a Pontevedra non lle aproban o chamado Plan Xeral de Urbanismo do 1970. No tal plan pretendiase a recalificación das marismas de Lourizán como zona industrial. O ministerio da Vivenda negou a tal posibilidade. Aínda máis, comunicaba na súa reprobación que a ubicación de Ence i Elnosa fora un erro do que sóo se poderían derivar problemas prá saúde e convivencia humáas, como é sabido polos cidadáns de Pontevedra e Marín. O poder tiña conciencia de culpa, incluso falaba daquela do traslado das empresas en prazo e data por determinar; pero daba máis avisos pra que o Concello xestionara do MOPU outro trazado prá autopista que ía cruza-la ría i evitar así a construcción da ponte da Puntada, polo seu tremendo impacto paisaxístico. Tamén, presuntamente pola decantación nas xunqueiras dos vertidos das industrias, procedeuse á desecación das mesmas, verdadeiras depuradoras biolóxicas.

A dita desecación trouxo como consecuencia un cambio profundo na dinámica das mareas e a perda do canal central da ría. Témolo comentado en ocasiós. Que no 1996 e sendo ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino quedase claramente deslindado todo o que é dominio público marítimo terrestre, marismas de Lourizán incluídas, debería actuar como desencadeante da rexeneración do espacio, sobre o que Cristina Narbona tamén chegaría a pronunciar no sentido de que toda a zona definida como d.p.m.t. conservaba as súas características de “inalienable, inembargable, imprescriptible e insusceptible de desafectación”, o que tamén desautoriza a construcción irresponsable da edar d´Os Praceres, o ferrocarril a Marín que ocupou 55000 metros cuadrados de terreo demanial según o ministerio de Medio Ambiente do PP, oposto á súa construcción, e sobre o que hai sentencia de levantamento. Outro claro sensentido son os recheos na ría, espacio privilexiado, pra xeraren solares gratis total pra industrias non relacionadas co mar, ou porto seco.

Pero volvendo ó tema inicial dunha posible recuperación ecolóxica hai que se perguntar qué vai face-la nova Xunta. Da presencia de Ence derivouse una política reforestadora que acabou con moitos rexistros da nosa terra. Acabou con aldeas, con montes e fontes. O país enteiro foi estafado con ese tipo de prantación cando, nos montes aptos, poderíase ter optado por outro tipo de especies: carballos americáns, piñeiros de Oregón, castiñeiros, faias, cerdeiras de monte, nogueiras…Ou ter apostado pola gandería extensiva…Non se quixo pensar nese futuro… E despois do verán incendiario 2006, deberiamos ter asumido de forma franca a recuperación dos montes prá biodiversidade, algo que non se ve.. Programa interesante prá nova Xunta se realmente quer apostare en clave ambientalista.
-
Enlace:

No hay comentarios: