
-
Pontevedra, 27.12.2010-
Entrada n. 1387 do blog
-
Artículo semanal
-
A persecución relixiosa, hoxe,
por Xesús López Fernández
-
por Xesús López Fernández
-
Parece que o mundo [fieles e xentes de boa vontade] celebrou estas festas de Nadal como unha especie de magno canto coral á esperanza, sumadas nesa gran cantata xentes de tódo-los continentes. Tiven ocasión de ve-la información dada por algús medios, antre outras estampas a das tropas destinadas no Afganistán a cantaren panxoliñas diversas, non faltando a simpática lembranza duns soldados galegos: “A virxe de Guadalupe cando vai pola ribeira/ descalciña pola area parece unha rianxeira…”; en Bangla Desh, un país castigado pola falta de recursos, a minoría católica viste pra asistire ós cultos as mellores das súas galas, e nesas celebraciós participan xentes doutras creencias que ven na festa do Nadal un motivo de encontro ecuménico, da paz tensamente agardada, especialmente polos máis homildes; Barack Hussein Obama pide apoio prás tropas de Afganistán e Irak… Prás tropas. Pero as xentes, especialmente os cristiáns, viven un especial martirio, como se o espírito de Herodes andivese solto, encarnado en moitos líderes e ideoloxías.Claro que estas festas están marcadas pola ledicia, porque a presencia de Deus, que nace de novo antre nós, ensancha os nosos corazós, como os dos pegoreiros que retornan do portal e van comentando a todos a Boa Nova; contan o que viron como notarios de excepción, urxida a súa presencia polo arcánxel, e contaxian a súa ledicia ós demáis. I ese signo pervive nos saúdos que estos días cruzaron o ancho mundo: cartas, felicitaciós, chamadas telefónicas, internet, todos nós que nos temos achegado a Belén e adorado ó Neno que, como dí Fray Anxélico, naceu nun pesebre pra que todos acodiramos onde el, pra acollelo no noso corazón…
Cando se foron os magos, o ánxel do Señor, [según nos le
mbraba Mateo no evanxelio do pasado Domingo], aparecéuselle en soños a Xosé e díxolle: “Levántate, colle ó neno e á súa nai e fuxe a Exipto; quedaivos alí ata que vos avise, porque Herodes vai buscare ó neno pra matalo”…. Pero pasado o tempo e xa regresada a Sagrada Familia acobillaríanse en Galilea, en Nazareth, porque na Xudea reinaba Arquelao, fillo de Herodes… Esa parece unha constante da Historia, que na súa verdadeira memoria ten mostrado a non poucos novos Herodes, condenádo-los homes a “novas presencias” daquel rei malo, neoplasias ás que as sociedades [menos ou máis evolucionadas] teñen que estar atentas. Aínda así, cando se concreta o peligro, [como forza asesina ou como ideoloxía involucionista xustificada dende un relativismo dogmático] pode ser xa tarde. Así, no Irak foron asesinados máis de dous mil cristiáns dende o ano 2003, según información da sociedade cultural caldea irakí. En Mosul mataron a douscentos polo que a maioría dos cristiáns residentes na cidade con maior presencia cristiáa do país, marchan nunha fuxida real da súa terra.
Poderiamos facer un certo inventario das mortes causadas en países de África, Asia e Oriente Medio, a propia India, estimándose que hoxe sofren persecución uns 350 millós de cristiáns, talvez máis. Pero a situación no Irak é desesperada. As familias liquidan as súas propiedades; sí solicitan nas súas parroquias partidas de bautismo, salvoconducto pra unha nova vida xa fóra do seu país. A emigración masiva estáse a producir cara ó autónomo Kurdistán, coa esperanza de se poder asentar nalgún país occidental, ou en Australia. Benedicto XVI acaba de denunciar novamente a persecución que se está a dar en diversos países nos que profesa-la fe de Cristo é como facer oposiciós á morte; pero tamén fala de formas máis sofisticadas de hostilidade que se dan hoxe en Occidente, con estratexias que fomentan o “odio e os prexuicios” contra os católicos. Son fenómenos de apariencia diversa, como anverso e reverso da mesma moeda: un anverso de sangue e loucura; un reverso renarte e sibilino, que mata as almas. Moeda acuñada antre vapores de xofre, di o Santo Padre. Pero un Herodes director, de retorno e omnipresente, debe estar ledo.