domingo, 21 de abril de 2013

REPENSA-LA TERRA

 Outras formas de pensa-lo urbanismo sustentable. En Konya, Anatolia (Turquía asiática), sí é posible o tranvía, o comercio e unha vexetación harmónica. (Lembremos que Pontevedra caeu na involución cando renunciou a ese medio colectivo de transporte)  (fotografía propia)
En Turquía. O canal do Bósforo é unha arteria viva con pontes intelixentemente pensadas. (foto propia, ano 2011)

Pontevedra, 21.04.2013
Entrada n. 1652 do blog
Artículo semanal no D. de Pontevedra


Repensa-la Terra,
por Xesús López Fernández

            Hoxe é un día pra pensar na Terra, mellor dito pra repensala. É o Día da Terra que dend´o 22.04.1970 e por iniciativa de Gaylor Nelson, senador dos EEUU, vense celebrando no ancho mundo, especialmente nos países que foron tomando conciencia certa sobre os múltiples problemas que hoxe sofre o noso planeta: superpoboación, contaminación, conservación da biodiversidade e outras preocupaciós ecolóxicas prá conservación da Terra, hoxe en situación límite. I é que pode que xa non teñamos tempo pra unha auténtica revolución medioambiental. A clase política sigue coa súa teima de nos vender crecepelo ou bolas de neve co seu discurso balaínzo, de falso ecoloxismo pero, en relación co ambientalismo real, nada de nada. Non queda tempo, non. Seguramente miran polo espello retrovisor da memoria histórica, nos miles de anos que levou a revolución agraria ou no par de séculos da industrial. 

            De momento, a conciencia dos gobernos non parece vaia máis alá dos discursos sobre un cuestionado cambio climático ou sobre a sustentabilidade que, curiosamente, na nosa terra estaba inventada mentres as aldeas funcionaban como unidades de producción e conservación da biodiversidade, á par que como forxadoras da fala, da oralidade actualmente traicionada. Hoxe son moitas as aldeas galegas abandonadas a consecuencia da falta dunha política agrogandeira intelixente [¿podemos falare de etnocidio, Galicia derrotada?], que mesmo nestos momentos os productores de leite están en situación límite. E cando as cidades, engulidas pola gran trampa da economía global e das grandes superficies, son auténticas forxadoras de ruínas, o home síntese de cada volta máis deslocalizado, privado do máis elemental. Quixera volver ás raíces, á aldea dos seus ancestros, traballa-la terra, poñer o monte en valor por medio doutro tipo de forestación ou con gandería extensiva, pero sen oficio eso preséntase como aventura certamente dura, esgazada a tradición familiar.        

            A situación na que nos atopamos é, certamente, final. Sabedores das ameazas existentes, cando se dan cambios dramáticos nos patrós de producción e consumo, o reto de salvación ten sido asumido por xentes como Gorbachov, Leonardo Boff, Wangari Maathai, fundadora do movemento Cinturón Verde, en Kenia, impulsora da prantación de trinta millós de árbores no seu país; Marina da Silva, o Anxo da Amazonía, etc. E no seu país está moi viva a conciencia ecoloxista cidadá; non tanto  no seu Goberno. E a celebración do Día da Terra ten máis colorido nos países con poboación rural importante, como se aí resultase máis evidente que o home é fillo da Terra e non ó revés; máis capaces de comprenderen os catro principios básicos da Carta da Terra que, preludiada por Gorbachov, son: Respeto e coidado da vida, Integridade ecolóxica, Xusticia social i económica e Democracia, non violencia, e paz. A Carta conclúe con palabras alentadoras: Que sexa o noso un tempo pra lembrare polo espertar dunha nova reverencia ante a vida.

              Os problemas que ten a Terra hainos que pensar tamén en clave local, os cidadáns teñen que ter unha visión crítica e denuncia-los incumprimentos que a Administración fai das leis concebidas prá salvagarda da terra, do litoral e dos ríos, tamén da biodiversidade. Que non nos rouben o noso entorno con actitude de total desprecio. Aquí veñen a conto as palabras do xefe indio Seattle [que sí entendería a Carta da Terra], cando responde ó Gran Xefe de Washington que lle quería merca-las terras: “¿Cómo podedes mercar ou vende-lo ceo, o calor da terra? Esta idea parécenos extraña, pois non somos donos da frescura do aire nen do escintilar da auga.[…] Decímolo oportunamente. Debedes saber que cada partícula desta terra é sagra pró meu pobo. Cada folla ourilocente, cada praia areosa..[…] son memoria i experiencia do meu pobo, como que a savia que circula nas árbores porta a memoria do pel roxa; os mortos do home branco esquécense da súa terra cando van camiñare antr´as estrelas. Os nosos homes non-a esquecen porque somos parte desta terra i ela é parte de nós….” O Xefe Seattle sí entendería a Carta da Terra, pero os nosos políticos siguen pensando en infraestructuras, en recalificaciós, non na sustentabilidade da que, ousados, falan. 

addenda:E pasou o Día da Terra, artículo do 2011.Leédeo sen piedade, especialmente os comentarios. (Leédeo sen piedade, especialmente os comentarios.)

segunda addenda: A rebelión de Atlas, de Ayn Rand, escritora estadounidense de orixe rusa. A frase que sigue non ten precio; unha fotografía real, parece, da sociedad actual e dos políticos profanadores da Terra:



"Cando vexa que pra producire necesita dunha autorización dos que non producen nada; cando comprobe que o diñeiro flúe cara os que trafegan non con bens, senón con favores [con conciencias]; cando perciba que moitos se fan ricos polo soborno e por influencias e non polo traballo, e que as leis non-o protexen en contra deles [violadores da sociedade e do mundo], senón que, pola contra, son eles, o poder, os acobillados contra vostede; cando repare en que a corrupción é premiada e a honradez convírtese nun autosacrificio, daquela ha poder afirmare, sen temor a estar fóra da verdade, que a sociedade está condenada" (Ayn Rand, 1950).




2 comentarios:

Candela Ca dijo...

Fotos preciosas, y el lugar nada tiene que envidiar a las marismas pontevedresas.

Será que la voracidad de los políticos españoles supera la media porque es incomprensible que no encuentren otras opciones.

o blog de xesús lópez dijo...

Gracias, Candela:
El canal del Bósforo está muy cuidado, como todo el entorno del mar de Mármara.
Hoy existen sobre el canal dos puentes sin apenas impacto: uno de más de novecientos metros; el otro pasa de los mil. Y creo que manejan el proyecto de un tercero. Me encantó ver que, además de las mansiones que allí existen, no han abandonado la diversidad boscosa, que resulta exultante. Otra forma de cuidar el paisaje. Y eso que Estambul tiene algo así como 16 millones de habitantes.
Konya, la ciudad que corresponde a la foto primera, es una ciudad santa musulmana, pero allí el islamismo gira en torno a Rumí. Diríase que es otro islamismo, místicos. Ya me he referido a esto en el blog cuando hice el viaje a Turquía.
Un cordial saludo