domingo, 7 de abril de 2013

De marzo a marzo

Os veciños d´Os Praceres na súa afoutada defensa da praza e do Estado de dereito, mentres que a policía actuaba, presuntamente, en favor da trama portuaria, algo que o ministerio de Fomento que preside Ana Pastor sigue a facer, con agravantes certas. Estado de desecho, en definitiva. 

Pontevedra, 7.04.2013
Entrada n. 1639 do blog
Colaboración publicada en PontevedraViva como artículo de opinión. 


De marzo a marzo,
por Xesús López Fernández

        Roma, marzo do 2007. Estabamos na piazza di Spagna no noso andar pola cidade á procura de novas descobertas: monumentos, basílicas, catacumbas… Téñase presente que pra visita-las igrexas todas de Roma, a razón de seis cada día, non chegarían os 365 do ano. Os nosos días acortabanse e xa pouco nos quedaba por ver, se ben no 2009 acodiriamos novamente alá pra gañare o xubileo paulino na basílica maior de San Pablo Extramuros, a que nos próximos días vai visita-lo novo papa. Pero aquel 15 de marzo, despois de ter disfrutado de diversas panorámicas da praza, estabamos a agardare, perto da súa fontana, a hora na que nos ía recibi-lo embaixador de España, Paco Vázquez, cando sona o meu teléfono de peto. Unha chamada de España, Eladio Torres, o presidente da Plataforma prá Defensa da Praza d´Os Praceres, pra me dar unha boa nova: O Tribunal Supremo acababa de dictare sentencia. O ferrocarril, ilegal.

        Eladio estaba exultante; eu tamén, mentres me dirixía á embaixada co resto do grupo. Paco Vázquez acolleunos amablemente ó tempo que nos informaba do proiecto de restauración existente pró edificio (que financiaría Amancio Ortega). Inda tiven ocasión de falare con el un rato. En galego, que o home é dono dun fala fermosa, defensor declarado da lingua da oralidade, da polifonía de tantas aldeas da nosa terra que souberon mante-la fala viva, seguindo o maxisterio de Sarmiento, Losada Diéguez, Camilo José Cela, Ánxel Fole, Novoneyra e tantos outros, no que coincido con el. Pero volvamos ó  comunicado de Eladio Torres, algo así como unha nova prá esperanza, como se o Estado de dereito fose unha realidade. Os veciños d´Os Praceres, que na afoutada defensa da praza foran atacados pola policía, resulta que eran os verdadeiros defensores do orde; a actuación da policía aparecía agora como desproporcionada. Habería que demanda-la execución da sentencia.

        Os Praceres, marzo do 2013. Incumprida aquela sentencia, outras dictadas polo alto tribunal, firmes, siguen tamén pendentes. O 2 de marzo, o TSX de Galicia empraza á Autoridade Portuaria, presuntamente parte da trama existente, pra que retire os recheos de 300000 mt2 das súas instalaciós. Establece un prazo de vinte días. Ignórase a resposta, que o prazo xa pasou. Mais Fomento volve de novo, coa súa carga de irracionalidade, cunha proposta xa existente pra resolve-la súa responsabilidade na construcción do ferrocarril que, si se levantan os recheos, carecería de sentido. Falazmente, Fomento afirma que leva confeccionado doce proiectos prá execución da sentencia do 2007, cando realmente hai que supoñer que tenta evita-la execución. Sigue coa política cainita de cando pulou pola construcción do ferrocarril en contra da defensa que facía o ministerio de Medio Ambiente do terreo demanial, que quedaría comprometido con esa infraestructura dura, un atranco prá toma de posesión polos cidadáns das marismas de Lourizán cando éstas se vexan liberadas da presencia de tanta e irracional ocupación: empresas contaminantes, ferrocarril, avenida a Marín, edar ilegal d´Os Praceres. En fin, co Estado de dereito contra as cordas, parece que as xentes d´Os Praceres e outros colectivos teñen acción popular pra rato. E que esto cambie.

No hay comentarios: