jueves, 4 de abril de 2013

ACCIÓN CIDADÁ [21.05.2004]

Esta foto vale pra lle lembra-los deberes a unha Administración carente de moral, que nunca se fixo cargo das súas obrigaciós. É fotografía xa reiterada no blog e que, seguro, non ha sé-la última vez que se presente prá provocación dos ignaros que inda desta volta siguen a xogaren cos cartos de Europa pra consumaren as ilegalidades por eles concebidas ou consentidas.  O artículo desta volta presentado é un máis dos que vou recuperando e corresponde ó ano 2004, de cando estaba recén o exercicio da acción popular ante o Concello por Salvemos Pontevedra, á que se lle negou a posible presentación dunha ponencia nun pleno municipal, algo que confirma a falta de transparencia do señor Lores e o seu equipo, traidores ó ecoloxismo aínda que algús non-o crean. 

Pontevedra, 4.04.2013
Entrada n. 1637 do blog
Artículo do 2004, recuperado, que mantén unha vixencia total.

Acción cidadá, [21.05.2004]
Por Xesús López Fernández

            Que a nova fase da guerra colonial de ocupación de Lourizán estea momentaneamente detida non implica o vencemento real da hipoteca medioambiental que pesa sobre a ría,  ou a reposición da legalidade que dende as asociaciós cidadás se veu reclamando ó longo de anos. Pero sí parece que algo está a cambiar e que as Administraciós se queren mover ou aparentar que comulgan cos postulados dalgús deses colectivos que están a exerceren a acción pública. E coido que a orde de paralización das obras de Ence e a apertura do expediente sancionador e de reposición da legalidade emanan da acción pública, da denuncia urbanística de “Salvemos Pontevedra” do 14.1.2004, no Concello, amén doutras entradas por rexistro na Delegación Provincial de Costas. I en parecida sintonía podería ter actuado o  Concello no que se refire ó ramal do ferrocarril ou ós deshonestos recheos do porto, oportunamente denunciados pola Plataforma da Defensa da Praza dos Praceres, sempre desatendida. O Concello optou polo abandono de funciós ou mesmo valeuse de disculpas que non van a misa .

            Estos días producíronse dúas noticias a ter en conta. A primeira delas, as afirmaciós do Seminario Carlos Velasco, que conclúe decindo que Ence non vai permanecer en Lourizán  eternamente e propón outro tipo de desenvolvemento, polo que é de pensar que, a partir dagora, tamén as asociaciós de empresas van ver máis claro,  entender que a restauración da ría pode valer prá xeración de riqueza e postos de traballo máis que a permanencia do complexo de Ence-Elnosa. Por outra banda, Rodríguez Yuste solicita agora diálogo antre a empresa e os colectivos cidadáns e políticos, o que estaría ben sobre a base de restaura-lo dominio público marítimo terrestre. Ence podería programa-lo seu traslado a outro lugar. Ese é o diálogo posible, non outro. ¡Que traballe a Xunta no deseño dun polígono prá fábrica no horizonte temporal da presencia do eucalipto na nosa terra! Porque co actuado ata o dagora e coa irracionalidade  engadida da papeleira  nun entorno sensible non parece serio falar de inversiós necesarias. Pode parecer utopía, pero a desfeita urbanística de Sanxenxo, que quere acabar coa mar [Silgar é xa un areal degradado] pode te-lo seu contrapunto na recuperación de Lourizán, eliminando todo o que hai que eliminar antes xa do 2018.

            Esa era a filosofía da ponencia de Salvemos Pontevedra, apresentada por rexistro no Concello o 11.5.2004, ó tempo que daba nota da O.M. do Ministerio de Medio Ambiente do 14.10.1996 [tamén ante Costas o 10.5], pola que se instaba á Demarcación Periférica de Costas a “rectificar las situaciones jurídicas contradictorias con el deslinde” do dominio público marítimo terrestre da franxa litoral comprendida antre Marín e Poio. Se ben a carta de Lores ó presidente de Salvemos Pontevedra non excluía a lectura da ponencia, senón que suxería outra redacción, as declaraciós de G. Vázquez son zafias porque falou de saída de tono na petición. Que a  competencia sancionadora é atribución do señor alcalde, é algo de todos sabido, como que tamén moitas veces a Administración fai deixadeza de funciós [no caso Ence, no caso do ferrocarril, no caso dos recheos sen estudio de impacto ambiental, 300.000 metros cuadrados]. Os medios do 16.5 informaron  da pergunta de Olaia Fernández ó Congreso polo tema da innecesariedade, a tenor da dita O.M., ¡coincidencia!, cuestión que se lle pasou durante oito anos a G. Vázquez, un “caladiño” máis nesa cuestión.

            E pra denuncia-la deixadeza de funciós das Administraciós i exerce-la acción cidadá fóronse constituíndo algunhas  asociaciós de diverso ámbito, en Pontevedra. A ponencia de Salvemos Pontevedra tiña o apoio puntual de varios colectivos, e tamén recollía o tema dos recheos, a defensa do privilexio de ser cidade da beiramar; i evitar de forma radical que o dominio público marítimo terrestre e o porto se convirtan en polígonos prás industrias privadas, sobre terreos gañados ó mar. Nos Praceres parécelles unha burla o tema do Plan Especial do Porto, consolidación da ilegalidade que eles levan anos a denunciaren e sobre a que manteñen diversos contenciosos. E, desamparados polo Concello de Pontevedra, no seu día formaron un partido político con capacidade de comparecencia en toda Galicia: Iniciativa Cidadán Os Praceres, que nos comicios de maio 2003 acadou 666 votos. O número parece premonitorio, apocalíptico, por se-lo que no libro sagrado se lle atribúe á Besta. Pero a lectura de Stanislas Gyatt [El Apocalipsis y la Historia, Ed. Taurus] vale pra aclarar que o tal número ven de suma-los valores alfanuméricos [do alfabeto grego, por estar escrito o libro nese idioma] dos nomes dos emperadores románs. Está claro, pois, que a Besta é o Poder. E ó Poder hai que lle lembra-los deberes. E impedir que faga o mal. Pra eso están a acción, as ponencias cidadás. 

No hay comentarios: