miércoles, 25 de marzo de 2009

NO DÍA MUNDIAL DA AUGA [23.03.2009]

Fonte de Gándara, en Mondariz. Foto do titular do blog, que está seguro de non selecciona-las mellores de que dispón pra esta entrada que vai sobre o Día Mundial da Auga. Podería mesmo presentar algunha do río Tea baixando antre freixos en flor. Era a primavera do ano 2008.
O regato de Valdecide, en Mondariz, que protagoniza algús dos espacios de tra-lo vello balneario, hoxe reconvertido en edifico de apartamentos, reconstruído despois de que unha man incendiaria acabara co vello e grandioso edificio cargado de historia, sede de encontros internacionales.
Outra vez o regato de Valdecide, en Mondariz, soporte de vida e, neste caso, dunha economía familiar.
O Muíño da Rá, xa na beira do río Tea.

Pontevedra, 25.03.2009

Entrada n. 888 do blog

Artículo semanal do pasado luns, 23.03.2009, escrito realmente o 16.03.2009, a víspera dunha viaxe-peregrinación a Italia. Aínda estou rememorando os distintos momentos da mesma antes de deixare constancia no blog dalgún dos relembros traídos na caixa da memoria e na conciencia.

No Día Mundial da Auga,
por Xesús López Fernández


A celebración deste día o 22 de marzo de cada ano, foi un acordo da Asamblea Xeral das Naciós Unidas de data 22.12.1992. A serie de celebraciós comezaría o 22.03.1993. Son foros, reflexiós pra repensa-la nosa relación, dependencia e respeto á auga, fonte de vida. Algús países parece que, efectivamente, foron aprendendo os deberes; outros, en cambio, diríase que están lonxe de se pór no camiño. Diríamos incluso que orientados desta volta nunha especie de involución, sen o medio ambiente como un tema de cabeceira, que inda lembrou Rosa Díez recentemente, na súa charla de Pontevedra, de cómo foran Os Verdes os que marcaran o camiño, o reconocemento da sensibilidade social de que algo se estaba a facer mal. Na medida na moitos sí aprenderon que se trataba dun tema prioritario e de que o Urbanismo non era merecente dese nome se ó tempo de marcare un desenvolvemento irracional se cargaba o medio ambiente e o protagonismo da auga en distintos espacios.

Diríase que no noso país o discurso ambientalista oficial non vai máis alá do simple discurso, ata o punto de que o crecente sentir ecoloxista da sociedade parece que foi ninguneado polo actual Goberno; que tal parece significa-la supresión do ministerio de Medio Ambiente. Lembremos que o mesmo fora creación do Goberno de Aznar e que se puido ter adiantado en diversos asuntos cunha sociedade máis viva. Pero o momento é especialmente delicado na medida na que algunhas leis poden perde-la súa aplicación normativa, pexadas dende os poderes autonómicos, mesmo polos concellos. Aínda é recente un recurso de Salvemos Pontevedra contra a Lei 18/2008, de 29 de decembro, de Vivenda de Galicia, por entendela en contra da adicional terceira da Lei 9/2002, do 30 de Decembro, de ordeación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, por presunta vulneración da competencia exclusiva estatal na determinación do deslinde do dominio público marítimo terrestre; en contra tamén do principio de seguridade xurídica.

Naturalmente, no medio ambiente, en canto ó seu respeto e conservación, converxen moitos intereses, como decía hai poucos días o profesor Tamames ó urxi-la creación dun PAC intelixente que tivese en conta a relación coa terra dos labregos, pois deles depende a administración do 85% da superficie do país. E aí, nese mundo, existe un manantial diverso e a necesidade de fixar, en cada caso, o necesario patrón cultural: gando, regadío, sementeira, nun sector decote máis aburado pola competencia transfronteiriza que vai desertizando os nosos campos, as nosas aldeas. ¡Claro que é necesaria unha política agraria intelixente! Pero os males non se solucionan suprimindo un ministerio, o de Medio Ambiente, que debería ser crisol de pautas asumibles, posibles, pra que a natureza non morra, como denuncian decote os pescadores [escorrentías por gandería intensiva, vertidos de fábricas, ou das propias urbes], denuncias que non remedian os males.

Volvendo ó Día Mundial da Auga, non parece que dende a súa instauración cambiaran moito as cousas na nosa terra, na que permanecen unha serie longa de problemas, en espacios sensibles ou, se a Xusticia non-o remedia [qué as veces parece que non], en todo o litoral. Cando se anuncian novas agresiós en Reza, Ourense, ou n´O Lagares, Vigo; cando Touriño xa non pode facer bo o seu discurso en relación con Ence, agardemos que Núñez Feijóo non asuma o leigado de Fraga en relación coas Marismas de Lourizán ou coa ocupación do litoral por medio de granxas de peixes, prás que sí pode haber plan sen agresión á Rede Natura. Vexo un pouco de precipitación nos discursos primeiros. Alguén xa falou de lle brindaren novamente a Pescanova o solar de Touriñán, un espacio sagrado. Pero é necesario amplia-lo discurso. O discurso sobre a Auga, máis alá do Día Mundial, debe manterse sempre. A beiramar, coa súa relación osmótica co mar, coa mar, tamén debe entrare no discurso.

No hay comentarios: