sábado, 6 de noviembre de 2010

Camiño i encrucillada

Benedicto XVI, en Compostela. (Foto de La Voz de Galicia). ZP non acodeu a Santiago; na chegada a Barcelona estaban Montilla e Carod Rovira (curiosamente sen a coroa d´espiñas que locira na foto dunha viaxe a Terra Santa). ZP, ¿acodirá a Barcelona? Hoxe, curiosamente viaxou a Afganistán. Igual vai de converso ó islamismo radical. 
-
Pontevedra, 7.11.2010
-
Entrada n. 1343 do blog
-
Artículo semanal.
-
Camiño i encrucillada,
por Xesús López Fernández
-
A visita de Benedicto XVI a Santiago, peregrino da fe, xa foi. Virán agora as lecturas, o estudio do contido das diversas declaraciós e discursos, como tamén da homilia pronunciada na Santa Misa celebrada na praza do Obradoiro, na que, como nun pequeno mosaico, había xentes chegadas de distintos puntos da nosa terra e xentes chegadas de lonxe, de Francia, Lituania, Cádiz. E algunha delas reservara sitio dende a noite anterior. Viaxe pastoral, como ben tiña avisado Francisco Vázquez, que aclarou tamén ós detractores da vinda do Papa, que da súa visita sóo vantaxes se habían derivare, que a ocasión era única pra colocare a Santiago e a Galicia no mapa, cuberta a información por máis de 1200 informadores duns 1800 medios, talvez máis. Viaxe pastoral que non impideu a Benedicto XVI manifestarlle ós periodistas, durante a súa viaxe a Compostela, ó mesmo tempo que o amor que lle ten ó noso país, a súa preocupación pola reapertura do defrontamento antre fe e laicidade, que é necesario reconducir a un encontro amical antre ambas.
-
Hai que reevanxelizar Europa, tarea prá que o Papa pensou nos grandes países do continente, pero sobre todo en España, onde tamén se torna necesario respondere agora ós desafíos do laicismo i explica-la fe nunha lingoaxe contemporánea, doído o home da situación acaída no país que foi patria de Ignacio de Loiola, Teresa de Ávila, Juan de la Cruz, renovadores do catolicismo; que non se dean novas ondas de “laicismo, secularismo e anticlericalismo” como aconteceu nos anos 30 do século pasado, porque a disputa antre fe e modernidade ocurre tamén hoxe de forma viva. Pero o acontecemento de Santiago estivo marcado por momentos de verdadeiro colorido e ledicia, e de certa emoción: Os saúdos de don Julián, os de Benedicto XVI e, sobre todo, a homilia que pronunciou na Santa Misa e que comezou en galego: “Benqueridos irmáns en Xesucristo: Dou gracias a Deus polo don de poder estar aquí…”
-
Na homilía estivo presente a idea do Camiño de Santiago, como tamén nas palabras de don Julián, que insistira na trama dos diversos camiños que converxen en Santiago e nos que tanta xente tiña atopado o verdadeiro sentido da vida, que constitúen unha verdadeira raigame que sirveu pra construíre a idea de Europa. E agora Benedicto XVI acodeu como “mensaxeiro do Evanxelio que Pedro e Santiago asinaron co seu sangue, e dende aquí desexo volve-la mirada á Europa que peregrinou a Compostela. ¿Cáles son as súas grandes necesidades, temores, esperanzas, cál a aportación específica e fundamental da Igrexa a esa Europa?.[...] Ésta: que Deus existe e que foi el o que nos dou a vida […]. Que Santiago, o Amigo do Señor, acade abundantes bendiciós pra Galicia, prós demais pobos de España, de Europa e de tantos outros lugares alén mar, onde o Apóstolo é sinal de identidade cristiáa e promotor do anuncio de Cristo”.
-
Na catedral entrou como peregrino pola Porta Santa e orou na cripta do Apóstolo; e agradeceu ós católicos españoles a súa colaboración coas instituciós de beneficencia; que a Igrexa, cando as políticas “progresistas” fracasan, convírtese no auxilio de moitos. Benedicto XVI sabe da súa misión martirial, como sinala Juan Manuel de Prada. E inda existe, contra o labor da Igrexa, un certo despotismo. Pero a vella Europa, si se quer salvare, ha ter que dá-la mesma resposta que Santiago dou a Cristo: “Eu sí podo”. En fin, Benedicto XVI veu como peregrino pra se integrare na longa ringleira histórica que aquí acodeu ó tempo que traballaban nos fundamentos cristiáns de Europa. Nese contexto resultou especialmente emotiva a petición de Don Julián na Santa Misa, a imitación dos discípulos de Emaús: “Quédate señor connosco”. Que o Camiño volva ser un vector de espiritualidade, de encontro ou respeto de xentes diversas; Camiño i escrucillada, claves do ser e cultura europeas.
-
-

No hay comentarios: