viernes, 8 de febrero de 2008

A REVOLUCIÓN PRIÓNICA [27.01.2001]

Carro do país, con canizo ou caniso, como decía Cabanillas: "Hoxe corredoira abaixo, mañán corredoira arriba, mentras tí dures e eu viva, teremos un camiñar. E cando tí xa apodrezas e eu dea o laio derradeiro, que fagan do teu chedeiro a caixa pra me enterrar". O carro de Cabanillas tiña "o eixo de ameneiro e os canisos de sanguiño"... Desconozo si o carro da foto sigue activo ou si é xa unha simple peza de museo.
San Cibrao de Lás, en Lugo. A que fora importante citania, non é nada máis que evidencia histórica gracias ós arqueólogos. Pero son moitas as aldeas galegas que van camiño de se convertir en lugares deshabitados, ruína total a deste país.

Pontevedra, 8.02.2008

Entrada n. 432 do blog. Desta volta penduramos outro traballo do ano 2001, A Revolución Priónica, no que se fala da ruína inducida dos nosos campos. O tema das vacas tolas e o do leite subvencionado que nos chega de Europa pra reventare aínda máis a precaria economía agraria, situánnos nunha situación de difícil retorno, da imposible recuperación dunha economía agrogandeira que puido ser plasma socioeconómico e cultural unificador na identidade deste país --como ben decía Risco-- e na defensa da súa lingua, que agora tentan arrasare dende certas sentinas políticas non galeguistas.

A REVOLUCIÓN PRIÓNICA [27.01.2001]
por Xesús López Fernández


Éste vaise e aquel vaise, e todos, todos, se van, Galicia, sen homes quedas, decía Rosalía nun dos seus moitos retratos da nosa emigración, causa daquela sociedade na que eran nota característica e dolorosa as viudas de vivos e mortos, os campos de soedade, e Curros urxiría o retorno dos emigrantes no recado que pra eles manda por Mariquiña, Dilles que sin eles non queren pinta-las viñas, rega-los regos....., Dilles que súas obrigas eiquí os esperan e se onde elas non morren que se condenan, e moitas veces, cando don Manuel tenta promove-lo retorno dos fillos e netos de emigrantes, véñenme á memoria eses e outros poemas, ou a realidade por min conocida de tantísimo emigrante como teño tratado persoalmente, emigrantes de ida e volta en moitos casos, ou viudas que endexamáis souperon do home marchado por outra cousa que polas cartas e cheques en dólares que cada un tempo recibían.

A perda de poboación do rural foi mesmo potenciada na época dos plans de desenvolvemento, pois contabase coas súas remesas a modo de financiación que pouco reverteu na nosa terra. A entrada na Unión Europea veu impoñer máis éxodo rural, a desaparición incluso de aldeas. Na Galicia interior resistiron en condiciós duras, orientada a súa actividade cara ó gando de estabulación fixa, cara á fabricación de leite, condicionados permanentemente por límites na cantidade a producir ou por multas, tendo que competir co leite subvencionado que chega doutros países e que, ás veces, tense vendido baixo marca galega. Nun traballo pasado, De vacas tolas e globalización, fixemos unha primeira alusión ó escándalo que estamos a vivir, a esa maldición que parece recorre Europa como consecuencia do uso das fariñas cárnicas na mantenza do vacuno, que foi sempre herbívoro. Os prións parecen estar máis presentes do que en principio se dixo, como se foran omnipresentes e van forzar unha revolución, un cambio profundo e longo da cousa agraria. Agardamos.

Como sexa, entramos nun tempo de espera tensa, porque han seguir aparecendo vacas tolas e terá de transcurrir tempo pra acadar unha desinfección total da nosa cabana, mesmo no control das fariñas de uso noutras especies. Cada día chegan novos datos: que si a Unión Europea admite que os cordeiros poden desenvolve-lo mal, que si a Xunta declara que os veterinarios recibiron pouca formación antes da primeira vaca tola, que si España opúxose durante catro anos en Bruselas ó plan en contra das vacas tolas, que se non hai capacidade pra incinera-las reses mortas e o material de risco, que en Elche din estaren desfornecidos, carentes de suministro de pel, que van autorizar enterramentos nas propias explotaciós, etc. Estáse a radicalizar co tema da incineración, pra moitos a panacea, xusto no momento no que clausuran unha incineradora de Valdemingómez por emisión de quince veces a cifra máxima de dioxinas e furanos, productos presentes en carnes e leites de orixe francesa, cuestión denunciada vai facer dous anos.

Falouse días atrás da posibilidade de retornar a unha política agroambiental certa. Reconocíase que en Galicia existen oitocentas mil hectáreas, posible soporte dunha gandería extensiva. Aínda no tema das fariñas sería fácil, según Lidia Senra, recuperar moito barbeito, terra poula, prá sementeira de especies oleaxinosas, sen así dependermos das fariñas americás de soxa transxénica, outra das rodas con que xoga o capital transnacional. A sindicalista incideu tamén no tema de tantísimo monte absurdamente repoboado, apto pró soporte da avenza ou do gando mostrenco si se quer. Faría falta xente. Habería que planificar intelixentemente, porque moitos decendentes de galegos que quixeran vir prá terra dos seus ancestros, xentes nacidas na Arxentina, Brasil, Venezuela e Cuba terían de se adaptar a un traballo se cadra novo pra eles. Pero quén sabe, o recado de Curros pode seguir vivo na memoria transmitida. Os prións poden potenciar ese retorno ó pasado. A ver qué fai a Xunta.

No hay comentarios: