Pontevedra, 11.02.2008
Entrada n. 434 do blog.
Entrada n. 434 do blog.
Penduramos outro traballo do ano 2001, no que novamente se fai alusión á ruína da zona vella por medio de peatonalización previa, así como á perda de carácter das vellas prazas ou o atentado permanente contra as árbores, especialmente o bosco singular da praza da Verdura. Se hoxe, no lugar, prantaron seis liquidámbares e catro cerdeiras, foi pola protesta cidadá. Pra ilustrar algo ó ceporro do arquitecto Fole que dirixeu as obras, regaleille un libro americán titulado "All about trees", da colección Orthobooks, do que parece aproveitou a idea dos liquidámbares aínda cando el non era partidario de repoñer vexetación algunha, asunto no que foron decisivas as 1188 asinaturas denunciantes da actuación levada a cabo.
A RITMO DE OBRA NOVA [21.04.2001]
por Xesús López Fernández
Xa se produceu a inauguración da Oliva de novo deseño. Críticas pra tódo-los gustos, debemos valora-lo feito de que, nese espacio, houbo unha comunicación fluída antre os veciños –unha parte deles— e a administración local sobre o material a utilizar, ó contrario do que está a acontecer noutros espacios económicamente acosados, que dende hai case dous anos contabilizan perdas e agravios comparativos. Catro meses de obras na Oliva foron un tempo corto, sobre todo se temos en conta o inverno sofrido e que, aínda así, non se comprometeu a campaña daquel comercio no tempo de Nadal e Reis. “Igual” que na zona vella, da que, unha vez máis, están a falar como gran superficie comercial aberta. ¡Que non falte a maxinación, pero sen aparcamentos non hai siareiros nen transaciós! Difícil. Noraboa ós da Oliva, tanto se considerámo-lo espacio renovado como un entorno amable –little Chinatown-- como se o queremos ver como unha especie de gran patio de veciñanza, que tamén o é, aberto ós visitantes.
A ritmo de obra nova vaise peatonalizando máis e máis, convertindo a arribada a Pontevedra en aventura imposible, según moitos, porque non se crean lugares de aparcaxe, o que forza tamén a ruína do mercado local. As obras están en marcha en varias frontes sen que en moitos casos teñamos unha idea aproximada de cómo van queda-los espacios. E nos tememos que o exemplo de Curros Enríquez, gran pista de patinaxe, praza árida con pedras que non son bancos, poida ser repetido, porque semella foi pensada como un deserto, ou que na hora da canícula vai ser como unha camposa requeimada, sen herba. Primeiro foi o bosco, dixo Chateaubriand, despois o home, despois o deserto. E os veciños da praza da Verdura fanse estos días a pergunta de se o lugar vai ser, finalmente, outra pista; se van regresa-los bancos dos que se oufanaban –¡qué luxo de repouso!-- e o lugar tornar a ser oasis, porque non están seguros de que pranten árbores, aínda que se fale de arces, o que sería bó.
A obra entrou a pasada semáa nunha fase dinámica. Nos regos agora abertos apareceu un verdadeiro coiñal, depósito de coios, pelouros ou cantos rodados: algús, seixos con feitío de ovos; outros, máis aplainados, algo frecuente nas diversas terrazas xeolóxicas do Lérez. Xa se trate de que o río pasaba por aquí antes de labra-lo seu actual camiño, xa se trate dun espacio soerguido a consecuencia dalgún movemente tectónico, estamos a falar de pedras de centos de miles de anos. Decrúa fantástica, aí está o pasado remoto da praza prós que hai pouco perguntaban cómo era antigamente. Cando algús homes poden mesmo renunciar ás árbores, como na praza de Curros Enríquez --anque haxa alí uns laranxos, ornato cursi— pódeselles aínda ocurri-la idea de pavimenta-la praza en obras con pelouros...Así as cousas están a chega-los primeiros turistas --xentes vidas outros anos-- que, sobrecollidos, protestan polo aquí feito, polo baleiro vexetal momentaneamente --¿?-- creado.
¡Qué barbaridade!. Esa foi a expresión oída polo que agora escribe. Algús perguntaban cómo foi que consentímo-lo disparate da corta das arbres. Cuestiós técnicas á parte, está claro que a umbra daquel pequeno bosco urbán era o principal reclamo da praciña. Lembremos que as árbores, ombreando coa nova folla pra acougo de camiñantes e amigos, logo mostrarían os acios de flores brancas, prata nacente, albura de luz máxica... Os veciños piden o retorno dos bancos, que nada tiñan que ver coa concepción minimalista dos da praza de Curros Enríquez... Deixemos constancia de que, así como na Oliva existeu un diálogo puntual, incluso á hora de disimula-las arquetas, aquí poden o grupo de goberno e mái-la oposición descobrir un catálogo de tapas de rexistro, nove, que case se tocan, mostrario “fino”. Que veñan e brinden sobre esa chapuza. A ver, a ver. En fin, reinaugurada a Oliva, nova “little Chinatown”, a política vólvese noutras partes como cinza, conformadora de espacios áridos e desertos. Tamén de probeza, como se sabe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario