A praza da Verdura é un dos largos permanentemente agredidos, con espacios públicos privatizados polo incumprimento da normativa de veladores e máis pola escasa presencia da Policía local, que non está ou non sabe máis ou finxe ignorar denuncias en relación con temas de trapicheo perto do lugar da fotografía do autor. Con que tivesen un can entrenado como Rex, moitos casos quedarían aclarados.
Pontevedra, 3.02.2008
Entrada n. 424 do blog. Comezo agora a repescar traballos do ano 2001. O que sigue vai do desastre do modelo de cidade que aquí levan oito anos a imprantaren. Todo tascas. Aínda hai poucos días que o propio alcalde lle propoñía a un empresario do automóvil que reconvertira en taberna a súa exposición permanente de vehículos, na conxunción da rúa da Ponte con Valentín García Escudero, agora privada de circulación. Finalmente parece que o asunto se resolveu aínda inutilizando un dos espacios citados, na teima de proseguiren coa sequía urbanística da cidade, coa involución decretada polo goberno estalinista.
Entrada n. 424 do blog. Comezo agora a repescar traballos do ano 2001. O que sigue vai do desastre do modelo de cidade que aquí levan oito anos a imprantaren. Todo tascas. Aínda hai poucos días que o propio alcalde lle propoñía a un empresario do automóvil que reconvertira en taberna a súa exposición permanente de vehículos, na conxunción da rúa da Ponte con Valentín García Escudero, agora privada de circulación. Finalmente parece que o asunto se resolveu aínda inutilizando un dos espacios citados, na teima de proseguiren coa sequía urbanística da cidade, coa involución decretada polo goberno estalinista.
A CHARINIZACIÓN [17.03.2001],
por Xesús López Fernández
Convertido Coventry nun campo de ruínas, derrubádo-los seus edificios e industrias polas bombas dos alemáns asañados especialmente naquela zona infradotada de defensa antiaérea, ós ingleses quedoulles, ademáis do posible laio e constancia histórica do feito, o consolo de defini-lo acontecido por medio dunha palabra de novo cuño: to coventry, coventrizar. E a verba foi usada pra defini-la cidade arrasada na guerra, convertida en solar de miseria urbanoindustrial; aplicada tamén a outras urbes masacradas. Polisemia aparte, a miseria en forma de movida noitarega i efectos de tipo colateral é definida aquí e arestora coloquialmente como “charinización”, en tanto que presión sobre un certo “hábitat” urbán. E ten ademáis un verbo, charinizar, na medida na que o mal se reitera, vaise estrando a outros lugares, con Chariño i entorno como referente definitorio. Tamén aquí renovámo-la língua.
O uso do vocablo, oido por primeira vez a un veciño e amigo, está asumido, e garda relación non tanto cunha situación de arraso por bombardeo como co feito da movida nocturna, mobiliario urbán estragado, perda do silencio necesario, saturación de chiringos na zona vella; coa instalación de seudopubs e de mal chamadas tabernas e a sobrecarga delirante de decibelios que conlevan, ademais do consumo de alcohol nas propias rúas, que son como un contínuum real dos bares, ás veces de moi corta cabida. O fenómeno supón a degradación de hábitats urbáns, moitas veces agredidos por garulos cimarróns, que incivilizados –latín— ou apolíticos –grego--, desconocen o valor da cidade como marco de convivencia ou que a noite é o tempo no que o corpo máis agradece o descanso necesario. Se alguén quer permanecer de vixilia, que o faga, pero que non moleste. Na rúa Chariño como na Barón, na Isabel II ou na Cousiño, na Princesa ou no Teucro, a situación é límite.
¿Por qué, pois, falar de charinizar e non isabelizar, baronizar, princesizar? Simplemente porque Chariño é un espacio máis longo, con máis entidade, aínda que as concentraciós de xente resulten similares ás das rúas citadas. A rúa do almirante do mar Paio Gómez Chariño é un marco onde a policía se pode perder ou a ambulancia non chegar; onde calquer traballador, que alí viva e teña que viaxar de mañá cedo, pode dormirse ó volante como consecuencia da situación vivida, consentida longos anos, un crime anunciado, unha víctima da violencia que vai a máis, que non remite na medida desexada. En Nova York e con Giuliani, sería ésta unha cuestión a resolver pola policía municipal, que tería autoridade pra precintar tanto local fóra da lei, en contradicción coa normativa de ruídos ó pasárense nos decibelios e facer imposible o descanso na noite. ¿Pode haber intereses solapados nesto da charinización? ¿Unha lectura deconstructiva do término, aclararía algo? Que a fagan. Porque se algús propietarios queren mellora-las súas casas non poden, mais en Chariño con Tetuán, apréciase unha obra nova de moito fuste, outra vara de medir. Curiosamente, douse previamente un cambio na propiedade do solar.
Quizáis unha cova pra noitarengos de elite, especie de lavado de cara, de cambio de ritmo na charinización que, como mancha letal, vaise estrando polo barrio histórico da cidade, cada vez máis orfo de moradores ó longo do día, activado como decorado de circo na noite. ¿Qué se intenta montar aquí? Vivir, resistir no casco vello, constitúe un acto de heroicidade; fuxir, implicaría o abandono, a liquidación de algo adquirido con ilusión. ¿Pode a charinización ser táctica pra forzaren o abandono de algo que entraría na bolsa do mercado inmobiliario dos promotores-especuladores do sisema que, chegado o momento, forzarían novas normas, outra forma de ve-las cousas, acabarían co caos imperante? A charinización xogaría ó seu favor, irreversible ata o desprendemento masivo das propiedades liquidadas a precio de saldo, o que marcaría o novo tempo urbanizador. Charinizar, palabra con polisemia, pode ser rentable. Pra algús.
No hay comentarios:
Publicar un comentario