jueves, 14 de febrero de 2008

MEDIO AMBIENTE E FEÍSMO PAISAXÍSTICO [9.06.2001]

Unha forma de restaura-la paisaxe. Neste monte de Pontecaldelas dominan xa os carballos americáns, outra forma de poñe-la paisaxe en valor, de lle devolver á nosa terra o atractivo perdido. Foto do autor, outono 2007.
Foto recente do autor: O monte do Alto da Mira, ou Altamira, chegando a Rubiáns, Vilagarcía, xa case desaparecido. Os enormes petoutos que dalí foron levando aparecían nalgún caso a modo de pezas dalgunha construcción singular, asentados como se formaran murallas ciclópeas. É un de tantos montes arrasados polas pedreiras, sen que Medio Ambiente entre na posible restauración destos espacios, algo que se ven denunciando dende diversos colectivos. Nalgús casos son afectados acuíferos que xa non se volven recuperar.

Entrada n. 437 do blog.

Pontevedra, 14.02.2008 De novo haberá que ter en conta que se trata dun traballo xa vello, do ano 2001. O triste do asunto é que hoxe poderíamolo reiterar de novo, cunha Xunta incapaz de ordea-la paisaxe. O feísmo paisaxístico é un pecado permanente, unha endemia do poder e dos grupos de presión, unha especie de consigna: "Hai que acabar co país porque nos vai ben, ben ás nosas economías particulares". Non se pode entender doutro xeito que non cheguen ós postos de responsabilidade as persoas dispostas a poñer as leis en valor, a practica-la reposición da legalidade en tantísima cousa, urbanismo, medio ambiente, que precisan dun traballo enérxico de salvación. Non hai color, nen desta volta, cando estamos na precampaña das elecciós xerales do 9 de Marzo. De momento paréceme que só Rajoy falou do proyeuto --escríboo así aposta, como aparece nun diccionario de Marcial Valladares-- Costa Natura, de recuperación do capital natural, aínda que non-o dixera con esas palabras. Aí teñen os políticos un viveiro de votos. Pero xa non valen as mentiras. Contos non enchen.

MEDIO AMBIENTE E FEÍSMO PAISAXÍSTICO [9.06.2001],
por Xesús López Fernández

A pasada semáa estivo tinguida de verde, promovida a ecoloxía dende distintos foros, marchas e asociaciós. Simpática a actuación dos nenos dun centro escolar a repoboaren unha zona do Castrove con carballos e castiñeiros, todo elo no marco dun programa de protección ambiental. É tamén de agradece-lo acto da Federación Castelao na punta das Corbaceiras, a lectura de poemas de Amado Carballo e de Otero Espasandín, a entrega de flores á ría, o esforzo rexenerador de verteren alí auga nacente do Lérez e mai-lo Gafos. ¡Xa quixera eu que o Gafos tivese a forza dun gran río, xa que por nomes non é!. Sabido é que o Amazonas cambia de nome; o Gafos tamén, pois en Marcón chámase Pintos, convírtese no Tomeza cando cruza o val, chámanlle tamén Tablada cando pasa pola ponte dese nome en Campolongo, pra desembocar xa como río Gafos en lembranza do edificio que foi alí lazareto, a casa dos gafos, dos enfermos de lepra, lepra que hoxe parece sigue na nosa paisaxe.

Resulta que nesta pasada semáa tamén foi declarada a ría como zona sensible, denominación ésta que se terá de manter polo menos durante catro anos e que nos avisa de urxencias como a de que os lodos das depuradoras e outros fangos non poderán ir á ría, i eso no-lo dín cando está recén o percance da depuradora d´Os Praceres, estoupido de alcatreo que alarmou ó vecindario. Pois ben, non vai abondar coa depuración secundaria, senón que será necesario o tratamento biolóxico dos vertidos, algo reclamado hai moito tempo. Pero, ¿e os posibles accidentes que se han producir se seguimos a pensar nunha depuradora única de dubidosa eficacia? ¿E qué criterios se van adoutar, máis alá das auditorías, pra manter á raia os efluentes das industrias que afean a paisaxe ademáis de comprometeren a saúde dos cidadáns?

Sobre feísmo falouse tamén estos pasados días e asináronse acordos, parece que consecuentemente ó debate promovido por algús urbanistas –Xerardo Estévez, Gallego Jorreto, Precedo Lafuente— que se definiron de forma moi crítica co que aquí se fixo e co que se sigue a facer. “O feísmo é a nosa vergonza, a vergonza de ter descoidado a organización do territorio en trinta anos de desenvolvemento. Temos mercado bonos de fealdade a cambio dun crecemento importante e preocupa que despois de tres décadas de democracia esto aínda aconteza”, son palabras de Estévez. “Falamos de arquitectura popular, pero ¿Cal é a paisaxe galega dende Ribadeo ata Santa María de Oia, con esa invasión de eucaliptus?”, palabras éstas de Gallego Jorreto, moi puntual nesa cuestión que chega a decir que a eucaliptización implica torpeza, desinterese, destrucción estúpida, inconsciencia.

¿Vai pode-la Xunta ordea-la paisaxe? ¿O acordo asinado cos concellos vai servir pra algo, se hai tempo que é a principal responsable na aprobación de plans de urbanización como o de Pontevedra, un acelerador máis do proceso de degradación ambiental?.O día da marcha sobre Lourizán descobría o muro das lamentaciós que se está a construir como parte das obras do ferrocarril, feísmo a consolidar por mandato parlamentario. Tornemos á idea de Gallego Jorreto. Un amigo tenta poñe-lo seu monte en valor por medio de nogueiras e castiñeiros. Actuaciós dese tipo e a recuperación de terras de labor poden marca-lo camiño de retorno ó campo, que tamén quere a Xunta repoboar con xente nova, algo difícil se non se acompaña de medidas como a da supresión do imposto sucesorio, posible si se ten a vontade de face-las cousas ben. Nesta panorámica constitúe unha ameaza seria a permanencia de ENCE, causa en gran parte do feísmo na paisaxe natural “dende Ribadeo a Santa María de Oia”. Os nenos que repoboaron no Castrove deben tamén aprende-la lección de que o eucalipto foi un gran impulsor do feísmo denunciado, causa mesmo do abandono de aldeas. Confío que a Federación Castelao ha ser sempre crítica cos partidos no marco da comisión medioambiental que están a promover. Fala fai.

No hay comentarios: