miércoles, 20 de febrero de 2008

AS CATALPAS E ALGO MÁIS [16.02.2001]

A vella praza da Verdura, cos seus bancos de pedra e catalpas, outra forma de concebi-lo urbanismo. Era un icono da vella Pontevedra, un rincón de cine. Por eso a reitero no blog. Torrente Ballester valorou sempre este espacio, tal como aparece na fotografía.
Baixo da Casa da Luz, agora "zona húmeda". Foto do autor.

Reis, Xaneiro 2008. Acaban de colocar novos bancos, despois de sete anos privados dos de pedra, que son os que a praza sigue a reclamar. Foto do autor.

Pontevedra, 20.02.2008

Entrada n. 441 do blog. Este traballo é continuación doutro anteriormente recuperado, "Adeus ás Catalpas". Non hai nada máis que leelo. Moitos dos presaxios fóronse comprindo. A praza é hoxe un espacio distinto, impropio xa pra fixar residencia. O edificio da Casa da Luz permanece infrautilizado máis alá da súa utilización fidelizadora, de cando en vez. As fotografías inseridas corresponden ó antes e o despois das desgraciadas obras.

(Este traballo foi publicado no seu día no Diario de Pontevedra. Remitido tamén á web de Vieiros, ó se tratar dun medio sectarizado incapaz de asumi-la crítica ó goberno local do Bloque, non foi tomado en consideración)

AS CATALPAS E ALGO MÁIS [16.02.2001],

por Xesús López Fernández

Retomo en parte o tema do meu traballo anterior, porque a tala das árbores da praza da Verdura aínda colea. E vai seguir coleando en tanto non se faga un tratamento digno daquel espacio. Está claro que ás árbores se lles acaba por querer e as xentes, mesmo as chegadas de fóra, quedaban asombradas ante a presencia das nosas catalpas, aínda que as mesmas foran mal tratadas xa dende a súa primeira prantación, sen terra pra afondaren as raices. E, vísta-las árbores xa abatidas a cuestión era simple. ¿Cómo terían resistido de pe? ¿Cómo non cairan?...Coido de razón decir que levaban tempo caindo, cada día máis penzas tres das catalpas. Nun espacio aberto hai tempo que o vento tería acabado con elas. En fin, agora tócalle ós urbanistas escolle-lo tratamento que lle vaian dar á nosa praza, se convén prantar tres, catro, seis ou máis árbores dentro da gama, por suposto, das caducifolias.

Téñase presente a importancia de escoller un cultivar adecuado, algo no que o Centro de Lourizán pode asesorar ou algún Garden Center podería ter xa a solución de recambio, ora no mundo das catalpas, ora no dos arces, liquidámbares, tilos, etc. Que se entenda que hai unha preocupación social certa, que non renunciámo-los cidadáns á calidade de vida que representaba ese espacio de umbra, recanto amable. E os veciños fixemos chegar ó longo da pasada semá máis de 120 instancias particulares ó señor alcalde, tres peticiós asinadas: reposición da arboreda por medio dalgunha especie adecuada, enlousado en función das fachadas, perguntándonos algús o por qué de tanto despilfarro, porque gran parte da pedra vella podería ser reutilizada mentres que un cambio a tonos grises pode mesmo cambia-la idiosincrasia da praza. En terceiro lugar, os veciños solicitamos que non se retiren as mamparas do antiguo edificio da Policía e que se integre naquel espacio algunha actividade positiva.

¿Non se pode pensar en lle dar ó edificio un contido social? Espacios pra exposiciós, aulas prá terceira edade; as asociaciós de barrio poderían dispoñer aí de local, oficina permanente de turismo, viveiro de empresas, mesmo algún colexio profesional, etc. Pero derruba-las mamparas, ir á política a quitar ou poñer mamparas, parece un sensentido, novamente a política do gasto tonto. E sobre todo estaríase a configurar, na práctica, un novo albergue de mendigos, unha asignatura pendente na que os cidadáns estamos sorpendidos do grado de estulticia dun goberno baleiro de soluciós, incapaz á hora de se decidir pola construcción dunha casa de acollida pra esas xentes. E lembro agora unha carta aparecida no Diario de Pontevedra a raiz da pretensión do anterior alcalde de cobri-la rúa da Peregrina. Hai aí un diñeiro de Europa, o 60 por cen dos veciños está dacordo, e vaise facer, fora daquela o discurso do señor Pedrosa. Os veciños que estaban na xuntanza miráronse extrañados porque nengún pertencía ó colectivo do 60 por cen. E cundeu a alarma.

Na carta aludida no parágrafo anterior dábanse ideas: a rúa da Peregrina como albergue de mendigos. Apuntábase a posibilidade de doutalos de sacos pra dormir e facerlles así as noites máis levadeiras. Na ausencia cara o comedor de San Francisco ou ó Vao se lles reservaría a súa praza de tocadores de frauta ou de exhibidores de mimo, etc. Desconozo se a carta valeu dalgo máis alá de avivece-la polémica. Falouse incluso de modelo de cidade –de mendigos--, configurado por esa presencia non desexada. Renunciouse á coberta. E agora estamos preocupados de novo, sonaron as alarmas polo que se vaia facer no entorno da praza, da praza das Catalpas que tamén lle decían. Téñase en conta que a Casa da Luz estaba totalmente cerrada por unha parede branca, situada a porta da entrada no centro do tramo que daba á praza. Tamén se aprecia unha gran chimenea nunha foto histórica. ¿Por qué non a repoñen tal como era se a queren seguir chamando Casa da Luz?. Sentidiño, por favor, pedimos ó Concello e a Patrimonio dende a praza da Verdura ou das Catalpas.

No hay comentarios: