domingo, 4 de enero de 2009

GOBERNANZA I ECOSISTEMA HÍDRICO

Foto da xunqueira do Lérez, hoxe convertida en solar de campus universitario e recinto feiral, perdida pró río non sendo o treito conocido como o d´A Illa das Esculturas.

Pontevedra, 4.01.2009

Entrada n. 767 do blog

Comezo o ano con algo de retraso, como se aínda estiveramos no 2008. Este d´hoxe é o artículo pró primeiro Luns do 2009. Saúdos a todos.

Gobernanza i ecosistema hídrico,
por Xesús López Fernández

A gobernanza debe representar, antes que nada, a posibilidade dun cambio nas cousas, máis alá da política. Ora sexa a nivel global, ora a nivel local, a sociedade cosmopolita e as entidades menores deben dispoñer dos necesarios resortes pra cambia-las cousas. Dende a promulgación da Directiva Marco de Augas, da UE, do ano 2000, deberiamos ter sido capaces de establecer novas pautas de conducta, de forzar mesmo ó noso Goberno a actuar de forma clara en relación coa xestión de ecosistemas diversos, máis alá do rollo dos tecnócratas que negan voz ás xentes que poden ser portadoras e transmisoras dunha cultura da auga enraigañada no uso sabio da mesma polos seus ancestros. Agora, cando falamos da nova cultura da auga, hai que desbotar do concepto o lastre apocalíptico dun ecoloxismo anti-sistema. Hai que comprender que estamos nun tempo de cambio, con marchas adiante ou atrás, con contradicciós antes de asimilar como necesaria a “nova cultura da auga”.

Decía Pedro Arrojo, Hidrólogo i Economista de renome mundial, nunha conferencia pronunciada en Sueca no mes de Novembro do pasado ano, que a DMA da UE era un marco do que estabamos necesitados. Pode o poder pasar da Directiva, como pode tamén cargarse a Lei de Costas, algo no que están a trebellaren algús políticos menores, pero a sociedade dispón hoxe dunha perspectiva longa sobre o resultado de certos abusos e pode mesmo definir como burradas as obras dalgús tecnócratas prá saúde do planeta. Na devandita conferencia citaba o profesor Arrojo as consecuencias ecolóxicamente negativas da construcción da presa de Asuán, no río Nilo: perda de biodiversidade, desnaturalización e salinización do delta de Alexandría e que xa á volta dun ano da súa construcción era evidente a menor presencia de sardiñas e bucareus, perceptible incluso na costa turca. É máis, moitas praias da costa norteafricáa, perderon area que, agora sí se sabe, procedía non tanto da erosión orixinada polo mar, como da erosión continental traballada polo gran río.

A DMA quer introduci-la cultura dos ecosistemas. E así un río non é só un caudal de auga que vai dare ó mar. Non, é un ecosistema e hai que contemplalo dende o seu nacemento ata a desembocadura; as prácticas de cultivos e a vexetación do sistema fluvial deben ser respetuosas coa calidade das augas; os esteiros, as xunqueiras e deltas son espacios a respetare, case sagrados pola biodiversidade que neles se dá. O profesor insiste na necesaria prudencia ó toca-lo orde natural, á hora de actuar sobre o medio natural e sobre as augas. En Pontevedra falan agora de rexenera-la xunqueira d´Alba máis alá dos traballos alí feitos. Pero a súa declaración como “espacio natural de interese local” non pasa de presunta falacia cando siguen adiante coa nova ponte das Correntes, un ariete contra o humedal.

A intervención de asociaciós e grupos ecoloxistas debería condicionar en todo momento a gobernabilidade do país, dictar unha gobernanza só dende o prisma da nova cultura da auga, máis alá da visión dos poderosos das fragas e soutos como simples almacéns da madeira. Non é preciso ser técnico pra saber que un bosco é algo máis, que sirve pra controlare as grandes chuvias, pra incluso filtra-la auga que recibimos pura das diversas fontes e acuíferos. A sociedade terá de mentalizarse pra ver de lle marca-los deberes en todo momento ó Goberno, que carece de discurso ambientalista. Citaba o profesor Arrojo na súa conferencia o caso da catástrofe do camping de Biescas, avisado o peligro por xentes que tiñan memoria de enchentas, a vella sabiduría da auga dos maiores. O home ten, certamente, que face-la paz coa natureza e cambia-lo modelo de facer xestión da auga baixo participación cidadáa. Vital pra certos usos e consumo respetuoso, a auga non debe ser, nunca, un factor de enriquecemento. Deus nos libre de políticos augadores e, sobre todo, dos que queren matar ríos. Aínda que non-o digan. Pola gobernanza do mundo hai que denuncialos.

No hay comentarios: