domingo, 25 de enero de 2009

LOURIZÁN NA MEMORIA [26.01.2006]

Dende Lourido, o inferno de Lourizán. Cando era areal largacío era espacio ricaz en ameixas e croques. Tamén foi lugar de entalladas. Todo estragado dende o 1963 e pró que non existe vontade rexeneracionista polo evidente contubernio político-pasteiro.
-
Pontevedra, 26.01.2006
-
Entrada 795 do blog
-
Artículo semanal.
-
Lourizán na memoria,
por Xesús López Fernández
-
Agora que os partidos están en campaña volve entrar nos discursos o tema Ence. O PSOE non compreu as promesas nos seus catro anos de goberno co BNG, e agora súmase ó circo de ofertas da posible solución ambiental o PP. ¿Coa idea de Telmo Martín? Non, gracias. Pero ese partido non quer botar man do seu gran argumento, pasado o susto de Tisú de Lourizán --¿pasado?--.Foi en tempos de Isabel Tocino, no 1996, cando se fixou o deslinde das marismas de Lourizán e zonas de Mollavao como dominio público marítimo terrestre; e da súa condición de inembargable, inalienable, imprescriptible e insusceptible de desafectación asinou tamén decreto a ministra Cristina Narbona antes de ser eliminado o ministerio de Medio Ambiente --engulido con Agricultura e Pesca nun novo organismo--, posible arrancada dunha nova involución na defensa da Ecoloxía que no organigrama de Núñez Feijóo tamén perdería importancia ó fusionala con Fomento, aquí en Galicia.
-
Un lembra o tempo no que Lourizán e Os Praceres eran as praias de Pontevedra, comunicadas por tranvía, o mesmo medio que usaban algús pra se achegare ó lugar a tomar unhas ameixas. Pero todo se iría desnaturalizando co tempo, comezando pola construcción da avenida de Marín, que tamén “é mar” porque está asentada en dominio público marítimo terrestre, que se convertiría nunha gran cetárea antes de procederen ós recheos prá concesión da pasteira. Coa posta en marcha da mesma sen tere en conta a súa nulidade radical, comezaría o alcatreo e a serie longa de enfermedades aínda constatables nos Boletíns Epidemiolóxicos de Enfermedades de Obrigatoria Declaración, polo menos mentres se incluíron nos mesmos, o que serviría pra rubricare o informe do ministerio da Vivenda do 1973 en relación con Ence i Elnosa, ó tempo que negaban a recalficación das marismas de Lourizán como chan industrial: “la construcción ahí de esas dos fábricas fue un error del que solamente problemas para la salud y convivencia humanas se podrán derivar. Habrá que trasladarlas a otro lugar en momento aún no determinado”. Máis sinceros que agora.
-
A contaminación da ría, xunqueiras incluídas, comezada por Tafisa e os vertidos urbáns, acentuaríase de forma grave, como quedaría demostrado polo ESCORP [Estudio de Contaminación da Ría de Pontevedra], feito en dúas fases, que dalgún xeito tentaron tapar. Outras agresiós: o desecado das xunqueiras e os recheos do porto, constantes ó longo de vinte anos con independencia do partido político que controle a Autoridade Portuaria, como tamén coa construcción do ferrocarril que invade 55000 mt2 de terreo demanial, unha fronteira co dominio público marítimo terrestre denunciada polo ministerio de Medio Ambiente, oposto ó de Fomento do propio goberno Aznar. Diremos tamén que as sentencias favorables á Asociación de Veciños d´Os Praceres, en relación cos pasos a nivel da praza d´Os Praceres e coa factoría Tradepana, permanecen sen executar. A edar ilegal tamén incide na morte da ría, e denunciémo-lo proiecto do macronudo de Mollavao. Xunto coa pretendida construcción dunha pasarela ó longo da autovía, poderían mostra-las verdadeiras intenciós dalgunhas forzas políticas en relación co futuro das marismas deLourizán.
-
Lembrémo-las promesas de Touriño de hai catro anos, en Pontevedra: “Ence sí, pero non aí”. A rexeneración ecolóxica da ría non arrancou. Aínda o 4.05.2008 decía Manuel Vázquez: “O goberno galego non lle vai fallar ó pobo de Pontevedra”. I é triste que queiran seguir usando Ence como cimbel electoral, que xa non é posible dende a presentación o 14.01.2004, unha data pra relembrare porque, en exercicio da acción pública, coa presentación de escrito de denuncia ante as Administraciós públicas, Salvemos Pontevedra desencadearía o conocemento da verdadeira trama política e socioeconómica do entorno de Ence-Elnosa en Pontevedra. Algús aínda levamos na memoria o Lourizán que foi traicionado coa ría toda. E a traición sigue.

No hay comentarios: