Pontevedra, 6.04.2009
Sigo lembrando algús aspectos da viaxe recentemente efectuada a Italia. Casualmente, hoxe é noticia un movemento telúrico, un terremoto de grado 6.3 na escala de Richter, en L´Aquila, situada non lonxe da nosa ruta.
Entrada n. 894 do blog
Apuntes dunha viaxe,
por Xesús López Fernández
No artículo de hai sete días [“Unha viaxe con neve”], cara a fin do mesmo citaba a arribada a Florencia, capital da Toscana, nalgún tempo capital de Italia. O tempo permanecía frío, pero xa sen neve, na cidade que está considerada como a maior concentración de arte do mundo. Cara ó ano 1000 comezaba a súa edade d´ouro. Non se trata de facer agora historia da cidade, senón de tentar transmitir algo do visto na nosa visita, como a catedral de Santa María del Fiori, situada no casco vello da cidade e que data do século XIV, en pleno Renacemento temperán, deseñada por Brunelleschi, un dos máis grandes arquitectos renacentistas. O baptisterio está afastado, porque o bautizo era previo á entrada na Igrexa dos novos cristiáns. Convén visitar estos lugares, o edificio de Dante Allighieri, o principal forxador da ortografía italiáa, a piazza da Signoria. O día da nosa visita estaba en fase de restauración unha copia do David de Miguel Ánxel, no mesmo lugar no que estivo exposta ó longo de séculos a obra orixinal, hoxe no museo de trá-lo Duomo.
Parece increíble que unha cidade poida estar marcada pola impronta cultural de homes como o citado Miguel Ánxel, Leonardo da Vinci, Boticelli, Fraangelico, Rafael, Dante, Boccaccio, Girolamo Savonarola, Nicolás Maquiavelo e un longo etcétera, e o mecenazgo dos Médici, naturalmente… A guía foinos explicando polo miúdo, aspectos do Ponte Vecchio, que conserva sobre el o pasadizo prás necesarias saídas das xentes do Palazzo Pitti, ou o seu relato sobre o Mercato do Porcellino [realmente non é un porquiño, senón un xabarí a escultura representada], un mercado vivo o día da nosa visita, fundamentalmente de prendas de vestir. Alí estivo situado o Mercato da Paglia e previamente exerceran o seu oficio os banqueiros, que poñían alí o seu banco. O incumprimento dun compromiso, traguía como consecuencia o seu descrédito: a bancarrota, e rompíaselle o banco. No seu libro, o banqueiro podía transferir unha suma de diñeiro dun cliente a outro, o que se chamaba “giro di partita”, que sería tamén, máis tarde, a principal razón de ser dos famosos “banchi di scritta”, do Rialto venecián, lugar por onde andariamos dous días despois.
Na visita a Padua, no Véneto, e de xeito casual, tivémo-la sorte de dar cunha guía especial. Xa visitarámo-la basílica de San Antonio, e cruzado en diversos sentidos a gran praza chamada Prato della Valle, considerada por algús como a máis grande do mundo e tamén a catedral, cando nos encontramos cunha profesora universitaria de español que nos informaría sobre a realidade universitaria de Padua, Padova: 60000 estudiantes. Situounos no lugar exacto da arrancada dos estudios universitarios, no 1222, por vontade dalgús alumnos e profesores, algús agostiños chegados de Bologna, Alma Mater de tóda-las universidades. O impresionante Palacio do Bo, sede principal e antigua da Universidade de Padua, inclúe o antiguo Teatro Anatómico, a cátedra de Galileo Galilei e a magnífica Aula Magna. O hospitum bovis, o albergue do boi, vulgarizado en véneto, “bo”, foi un dos edificios ocupados pola Universidade de Padua no seu progresivo asentamento; e o cráneo do boi, insignia daquel albergue, permaneceu como símbolo da Universidade.
En Padua aínda tivemos ocasión de visitar lugares como o emblemático café Peddrochi, espacio donado por un home poderoso, coa condición de que o local debería permanecer aberto as 24 horas do día, tódo-los días. Hoxe, sen embargo, está cerrado con cristal. Mantense un recanto pró ritual de que os veciños poidan acodir a tomar un vaso de auga e leé-la pensa. En Peddrochi pódese tomar un café famoso en toda Italia. E xa que falamos de cafés, en Padua é normal o precio de 0.90 euros. Pero non así en Venecia, onde co pretexto da execución dun “Granada” nun piano desafinado, poden cobrare 11 euros, ou máis. Unha estafa. Esto non dá máis de sí. Procurarei volver con algún novo apunte da viaxe: Venecia, Milán….
No hay comentarios:
Publicar un comentario