domingo, 12 de abril de 2009

UN DÍA EN VENECIA

23.03.2009. Estamos a completa-la travesía do Canale di S. Marco. Xa se esculcan o Palazzo Ducale, o Campanile e as cúpulas da basílica bizantina de S. Marco. Téñase presente que o Campanile, que ten ascensor, pode se-la primeira visita obrigada pra ter unha boa panorámica da cidade e da lagoa, como se dí no artículo. (clicade sobre as fotos pra velas en tamaño ampliado. Atentos tamén ós enlaces.)
Canal típico venecián.
Antre as dúas columnas que se ven na foto executábanse as penas capitales. Algús veneciáns, supersticiosos, aínda hoxe evitan pasare por antr´elas. [Uso o apóstrofo con toda intención, xa qu´a súa renuncia significou unha perda de non poucos rexistros prá nosa lingua. Ós italíáns, como puiden apreciar, non lles molesta o uso dese signo]
Vista parcial do Palazzo Ducale.
Hai unha gran oferta de máscaras, especie de antroido virtual.
Máis máscaras sobr´o fondo do Giardinetto, ante o Canale di S. Marco, un dos escasísimos espacios verdes de Venecia.
Un home lee a prensa ante o Giardinetto, o 23.03.2009.
Lateral do Palazzo Ducale, antigua residencia do dux. Piazza de S. Marco, basílica.
Un dos pórticos da basílica. Visible o león de S. Marco.
Outra vista da basílica.
Na piazza de S. Marco, esta torre mostra un soberbio leon.....
...e tamén un reloxio que cambia de color según a estación do ano.
Pórtico da basílica, impresionante, con exuberancia de columnas, parece que todas procedentes de Constantinopla.
Outra vista parcial da fachada da basílica.
Establecemento de demostración e venta de artesanía de Murano.
Ponte de Rialto.
Vista dende a ponte de Rialto.
Outra vista dende a ponte do Rialto, no Gran Canal.
Panorámica no Rialto.
O pulo do comercio degrada edificios emblemáticos, convertindo chiringos feirales en auténticos adosados. Algo deberían face-los veneciáns pra evitaren este deterioro.
Na igrexa de S. Giacometto, Santiaguiño, do lado do Rialto, anunciaban pró 26.03 unha xornada de rezos "per l´unitá de la Chiesa". Estos días se celebran alí concertos de música de cámara. Neste templo existe tamén un chiringo adosado de mercadeo.
Outra vista do Gran Canal.
Gran Canal. Primeiro plano de góndolas.
Os catro cabalos que ornaron o palco do Emperador de Bizancio no Hipódromo de Constantinopla, locen agora na basílica de S. Marco.
Encarámonos case coa noite, xa de retorno cara o pantalán. Aí están as dúas columnas, o espacio no que se executaban as penas de morte.
-
Pontevedra, 12.04.2009
-
Entrada n. 905 do blog
-
Artículo semanal
-
Un día en Venecia,
por Xesús López Fernández
-
Despois de pernoctare en Treviso [a antigua Tarvisium] seguimos camiño ó embarcadeiro, pra alí colle-lo barco que nos levaría a Venecia, a capital do Véneto, sobre a que existen presaxios dun demorado afundimento; tamén plans de salvación. A cidade, orixinouse no s. V, cando, con ocasión das invasiós dos bárbaros, os habitantes dalgunhas cidades, Padua antre outras, comezaron a se acobillaren nas illas, máis de cen. Concentración insólita de cultura a partir dos inicios en base a simples moradas lacustres erixidas sobre palafitos, Venecia foi autónoma dende o século IX, independizada de Bizancio, e como tal cidade-estado, a Serenísima República de Venecia [tamén chamada Serenissima Repubblica di San Marco] resistiría ata o 1797. O goberno da cidade ostentábao un dux, ou dogo, con carácter vitalicio, non hereditario. Séculos de poderío, de política de alianzas, de comercio e cruzadas como conta a historia, orixinaron a actual concentración de arte e riqueza.
-
¿Qué podo contar despois dunha visita fuxidía?. Coido que serían máis ilustrativas as fotos e pequenos videos que fixen o 23 de marzo, que non caben neste traballo e podo ir metendo no blog: a travesía, as colores do día e da auga, as vistas da Giudecca ou da illa de San Marco á que nos acercabamos; as vistas das diversas cúpulas, do Palazzo Ducale, do Campanile que, caído no ano 1902, foi reconstruído no 1912, “dov´era e com´era”, donde estaba e como era, ante a insistencia das autoridades. Con 99 metros de altura e doutado de ascensor, permite a visión panorámica completa da cidade, como tamén da largacía lagoa que fai de depuradora biolóxica da urbe, onde os pescadores siguen a faenaren. Curiosamente, nada máis sair do pantalán da arribada atopámonos cun grupo de Pontevedra... Reviso agora as fotografías da piazza de S. Marco e da basílica de estilo bizantino do Santo Patrón, co seu magnífico exterior de cúpulas de arcos múltiples. A súa construcción, comezada no XI, iría cambiando ó longo dos séculos, especialmente despois da cruzada do 1204, do saqueo de Constantinopla efectuado polos veneciáns.
-
Os catro cabalos que aparecen no alto da basílica foran ornato do palco do Emperador de Bizancio no hipódromo de Constantinopla ata o expolio devandito. Fundidas no s. II, as estatuas cambiaron de sitio por un tempo, levadas por Napoléon, pero despois de Waterloo foron retiradas do Arco do Triunfo de París, pra volveren mostra-la súa maxestade no alto de S. Marco. Por certo, no interior da basílica percíbese ese afundimento do chan que algús agoiran prá Venecia toda, sostida sobre troncos de árbores traídos dos Dolomitas ou da antigua Yugoslavia, millós de pilotes soterrados. Hai moitísimos lugares que son cita obrigada: igrexas, museos, o gueto. A ponte Rialto é un obrigado esculcadoiro pra percibire a vida do Gran Canal, así como a diversidade de “palazzos”, a ambas bandas, que se miran no seu espello.
-
O día da nosa visita, Venecia parecía unha festa, ateigada de turistas á procura de apura-lo tempo, de recolleren vivencias: a asistencia a unha demostración de soplado de vidrio por un experto de Murano, unha viaxe en góndola ou vaporetto; o carnaval, nalgún tempo de seis meses de duración, estaba presente nas mil e unha máscaras penduradas en distintos puntos de venta. Moitas tendas…. Pergunteille á guía polo famoso teatro de La Fenice, no que Donna Leon desenvolve parte da trama dunha novela levada ó cine: “Morte en La Fenice”. Indicoume a súa localización e dixo tamén que existe un turismo, o francés, que tenta recrea-los itinerarios maxinados pola autora nas súas obras... Xa que cito La Fenice, digamos que aí foi onde Verdi presentou La Traviata o 6.03.1853. E pra estos días están previstas novas representaciós desa ópera, en Venecia, ademáis de diversos concertos de Antonio Vivaldi, un dos fillos ilustres da cidade; de Mozart, Rossini e outros. Seis, incluso máis concertos algús días…. ¡Qué lonxe, lástima!

No hay comentarios: