Pontevedra, 23.04.2009
Entrada n. 914 do blog
Artículo recuperado do 12.05.2003, previo á campaña na qu´os Verdes e os de Praceres foran unha vouga esperanza, sen resultado. A senrazón do disparate urbanístico permanecería, aínda permanece enquistada no Concello, pendente de lle dá-lo toque final ó gueto no que tentan convertiren a Pontevedra por eles recibida, agora auténtico desastre.
Da campaña [12.05.2003],
Por Xesús López Fernández
Xa pasou a noite das primeiras pegadas, o arranque noitarego da carreira electoral. E hai un repunte case obsceno na marea propagandística dos grandes contra a falta de cartos dos pequenos, que non dispoñen dun euro pra faceren chega-la súa mensaxe, qu´os cidadáns entendan qu´o abano de posibilidades é agora maior que nas pasadas elecciós, que pode ser bo estudia-lo seu programa porque ofrecen soluciós a problemas urbanísticos i ecolóxicos qu´os grandes esqueceron [praia urbáa, plan de emerxencia] ¡Moita bandeira do Nunca Máis, cartelada do Non Esquecemos, cando os electores poden ter xa decidido non votaren Nunca Máis a certas opciós, Non Esquece-la mala xestión urbanística nalgús casos levada a cabo! E menos mal que a algús dos partidos minoritarios lles queda a xestión do boca a boca [máis ben boca a oído] ou a imaxinación pra configuraren un certo marketing revelador de ausencias e desastres producidos nos últimos catro anos de xestión municipal.
Así, Os Verdes de Galicia montaron en Pontevedra o 9 de maio, na vella praza da Verdura, un acto emotivo, unha auténtica sorpresa prós conocedores daquel espacio, prós que sempre fomos críticos co urbanismo desalmado que alí se puxo en práctica. Eu regresaba dun paseo tanxencial polo parque do río Alba, abandonado dende a súa inauguración como tamén o pulmón verde da Illa das Esculturas. Viñamos comentando esta falta de coidados cando chegamos á praza da Verdura, na que estaba prevista a queimada d´Os Verdes pero, ouh sorpresa, descobrimos alí uns bancos de cartón a imitación dos vellos bancos de pedra...¡Eso é facer marketing! Marketing homilde, pero que calou fondo nalgús dos participantes na festa e nas xentes que por alí pasaban naquela hora. E volveron as perguntas de sempre: ¿Ónde están os vellos bancos, aqueles bancos ergonómicos e indestructibles? Alguén aclaraba que Mosquera os tiña retidos e que os quería levar prá Parda se Cultura [autista] o permitía.
Pero é que estos bancos de cartón que na mañá do 10.5 permanecían na praza coas súas leendas: “Estos bancos eran gratis, non levaban comisión” [porque agora hai que se sentar nunha silla de madeira e consumir]; “¿Dónde estás banco de amor/ que en esta plana plaza/ ya no lucen las catalpas/ y nos sentamos peor?” [clara denuncia do arboricidio e da aberración arquitectónica agora configurada]; “Con qué criterio quitou o concello os bancos que co seu esforzo fixeron os canteiros”. Esas e outras frases eran agradecidas polas xentes mentres nun aparte parecían contrariados algús membros do “agitprop” da falsa “calidade de vida”, cando a calidade de vida era alí a que representaban as árbores e os bancos tan útiles prás xentes da terceira edade. E unha señora comentaba que no seu paseo de todo-los días facía alí dúas paradas, descansaba no seu camiñar..... Falei con algún d´Os Verdes, participei na súa queimada. Están optimistas e pensan obter representación, tres. Sería bo.
Sería bo que tamén a ICPraceres obtivese outros tres pra así configuraren unha nova relación de forzas i evitar outro secuestro da democracia, porque aquí, en contra do que diga o equipo de goberno, non houbo diálogo nada máis que con persoas interpostas. É certo o que din Os Verdes e mai-lo que denuncian os da Inciativa Cidadán d´Os Praceres, que ten a chave pra levare a bo término as denuncias por eles presentadas en solitario polas agresiós ecolóxicas producidas. E, críticos coa peatonalización, a súa mensaxe incide sobre a ruína económica desencadeada, tamén sobre o material usado no enlousado. A pedra utilizada parece bastarda, escacha con facilidade, algo que algún día deberán explicar. Non é como a que o concello de Vigo [outro modelo de xestión urbanística] está empregando nas rúas peatonalizadas [Príncipe, Velázquez Moreno], pedra de porpiaño ben cortada, pavimento pra séculos...Convén achegarse alí e ver antes de votar.... O que non é de recibo é o recado que trouxo Ós Verdes unha rapaza que viña do fondo da praza: “Alí estaba o arquitecto [non o creo, non se atrevería] e dixo que van poñer outros bancos máis bonitos que non os vellos de pedra, da época do peor alcalde de Pontevedra.” Non entendín se o recado que traía era qu´o alcalde foi malo por ter posto os vellos bancos, porque se os mesmos valen pra calificar unha xestión, o actual sería o peor de todos por telos quitado. Só conozo en Galicia uns bancos co empaque dos secuestrados, coa súa elegancia, aínda máis longos: a serie duns dez que existe no Gran Cantón da Coruña, que sirven pra conformaren aquel espacio, pra dotalo de máis señorío, se cabe. Pra que as persoas da tereceira edade se senten, sen teren que pagar, como acontecía aquí no bosco urbán das catalpas. Da súa desfeita máis que do chapapote que anda nos discursos debemos calificar neste próximo 25 de maio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario