domingo, 10 de mayo de 2009

O DÍA DAS AVES [10.05.2009]

Agullas colipintas sobre o istmo da Lanzada. (Foto de Público, 10.05.2009.). Enlace de noticia relacionada.
Mencer no sotobosco. Alborada marcada por merlos e paporroibos que o home bárbaro quer silenciar ás veces. (Dibuxo informático de Xesús López).
-
Pontevedra, 10.05.2009
-
Entrada n. 940 do blog
-
Artículo semanal
-
O Día das Aves,
por Xesús López Fernández
-
As aves tamén teñen o seu día, o 9 de Maio, unha iniciativa da rede de ONGs Birdlife International, que promove a conservación de tóda-las especies que habitan o planeta. É unha celebración máis no calendario do Ecoloxismo mundial que se lembra da Auga, da Terra, do Medio Ambiente, da Biodiversidade ou da conservación dos espacios húmedos, relicarios de vida pró home, prós peixes, tamén prás aves. Se o medio ambiente, de cuia conservación depende a vida do home, da flora e da fauna, non chega té-lo valor de territorio sagrado, mal andamos; se acabamos con el, todo está perdido. E as aves son un claro indicador da saúde da Terra, de ata qué punto o comportamento do home, que tamén ten un día específico no calendario (o 31 de Marzo, coincidindo a súa celebración coa do Día Mundial da Auga), fai ben os deberes. Da auga, en definitiva, agromou a vida, pero resulta que o home perdeulle, en gran parte, o respeto sacral que aínda conservan algús pobos primitivos, lonxe da actuación bárbara de moitos de nós coas fontes, cos ríos, cos mares….

¿Qué valor ten a calificación dun espacio como ZEPA (zona especial de protección de aves), como LIC (lugar de interese comunitario), mesmo integralo en lugares Ramsar de protección e conservación das zonas húmedas?. Ou falar da Rede Natura 2000. En principio, vemos que son un claro recurso dialéctico pró discurso político, pouco máis cando un ramalazo de senrazón saído do organigrama oficial pode estropearlles o guión, decreta-la conversión dunha xunqueira en solar ou promove-la construcción de parques eólicos sen estudios de impacto ambiental, como cando se cargaron os nacentes dos ríos Eume e Landro. Os aeroxeneradores son causa de morte frecuente de aves de gran porte, como saben en Navarra, en Castellón….. Pero esas aves e as máis pequenas cumpren diversas funciós, porque axudan a esparexe-las sementes de árbores e arbustos, mesmo á polinización das prantas e cumpren tamén unha importante función recicladora.

Son vixías, celadoras da saúde ambiental do planeta; mesmo víctimas en casos nos que ten aflorado a barbarie aludida, como foi a morte masiva de cisnes de pescozo negro, endémicos en Chile e Arxentina, no santuario “Carlos Anwandter”, situado no río Cruces, en Valdivia, o primeiro humedal Ramsar do país en importancia. Naquel santuario morreron, o ano 2004, máis de 300 exemplares, botando polo baixo. Fuxiron máis de 5000 ó comprenderen que algo pasaba coas súas augas. Os estudios concluíron que había un culpable claro: a fábrica de celulosa Celco. Esta historia está documentada na Rede, con informes e videos. E así, por actuaciós como ésa e outras nacidas da irresponsabilidade, as aves están en peligro permanente, estimándose que dun total aproximado de 9700 especies, unhas mil están en situación límite se o home, o gran bárbaro, non cumpre cos seus deberes de respeto ambiental.

Estamos en tempo de pensar nas aves, grandes ou pequenas, mesmo de coida-la selección das nosas florestas, porque podemos así atraelas ás nosas vidas se nos convén, por exemplo, á hora de deseñare un xardín ou de reorienta-la vexetación dun monte cara á biodiversidade con árbores caducifolias, que formen terra vexetal, viveiro de insectos prá paxarada, pra darlle á paisaxe música e color. E non debemos esquecernos do seu cometido como herbívoros, insectívoros ou predadores de pequenas aves, anfíbios, reptiles e mamíferos, reequilibradores do ecosistema global. Na polinización das flores ou ó esparexe-las sementes fan un traballo contínuo, ou como fabricantes de guano, útil prá fixación de prantas nos riscos dos acantilados, mesmo base dunha economía, en Ecuador e Perú, derivada da súa exportación como fertilizante mundialmente demandado. Pidamos un maior coidado dos hábitats das aves que, como no caso citado de Chile, están pendentes de que fagamos ben os nosos deberes. E se non se achegan máis a nós é porque as asustamos.

No hay comentarios: