domingo, 17 de mayo de 2009

RAMÓN PIÑEIRO [17.05.2009]

Ramón Piñeiro, fragmento de retrato.
-
Pontevedra, 17.05.2009
-
Entrada n. 953 do blog
-
Artículo semanal
-
Ramón Piñeiro,
por Xesús López Fernández
-
Como é sabido, o Día das Letras Galegas foi instituído pola Real Academia Galega no ano 1963, no centenario da edición de Cantares Gallegos, de Rosalía, a nosa cantora universal. Achégome decote á súa obra, á edición de Aguilar prologada por Victoriano García Martí, da que tamén se fala na última revista de Grial, dos filtros pasados prá súa edición. Rosalía non resultou sospeitosa pró Réxime nen tampouco outros libros relacionados coa súa obra. Un deles, titulado “7 ensayos sobre Rosalía”, foi o primeiro volume colectivo da Editorial Galaxia e contén traballos de Ramón Piñeiro, Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Salvador Lorenzana, Carlos Maside e Jacinto do Prado Coelho. Foi editado no 1952 e autorizado pola censura o 3 de Xullo daquel ano, informado polo censor co seguinte comentario: “Conjunto de artículos encomiásticas de Rosalía de Castro, en general de buena calidad, y en donde posibles pequeños lunares no impiden su publicación”.

Precisamente a Ramón Piñeiro, un dos autores citados, adícaselle este ano a celebración do Día das Letras Galegas. Conocido como o filósofo da saudade, o home, nacido no seo dunha familia labrega de Armeá, en Láncara, viveu dende moi novo como galeguista, formando primeiro parte da dirección da Mocedade Galeguista de Lugo, ocupando axiña cargos no Partido Galeguista e nos seus Comités do Estatuto de Autonomía…Despois, tempos de guerra, de estudio, de cárcere… Xa en libertade, instálase en Santiago pra exercere como impulsor culturalista mesmo en contra da línea marcada polo galeguismo do exilio, o que se viría chamar co tempo “o piñeirismo”, con obxetivos claros: lirismo, saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo, obra que iría tomando corpo coa materialización do proiecto editoral de Galaxia, sempre o seu esforzo mancomunado co de Xaime Illa e Paco del Riego.

Queira Deus que os estudios que se publiquen sobre o autor agora celebrado permanezan sempre como referente, pra nos achegare o máis posible á súa xigantesca obra e perfil biográfico. Non deixou de sere unha figura controvertida, culpado mesmo da non re-creación do Partido Galeguista, pero eso queda contestado polo propio Piñeiro en entrevista do ano 1981, de Carlos Fernández. “O galeguismo non é monopolio dun partido concreto”. “O feito de publicar en galego, fose o que fose, xa tiña unha significación política”. No último Grial publícase, antre outros varios artículos, un de Damián Villalaín titulado “Triunfo e fracaso de Ramón Piñeiro”, de comenente lectura. O autor cita, no apartado de “nacionalismo e galeguismo” a afirmación de Piñeiro de que “o galeguismo non implica nacionalismo” e que el mesmo nunca se defineu como nacionalista, nen tan siquer no tempo da súa entrada no Partido Galeguista, no ano 1933 e que conceptos como autodeterminación ou “soberanía nacional” foran sobardados polos acontecementos históricos e condenados á calificación de simples anacronismos, según as súas palabras.

Ó tratare da “reformulación do galeguismo” afirma Villalaín que Piñeiro fíxoo de forma non moi distinta a como fixera anos antes Vicente Risco, e de que existía un galeguismo espontáneo, de raiz ética, que procede dunha identificación preideolóxica coa terra natal e coa comunidade de xentes, “o pobo” que nela vive. Esa lealtade aniñou de sempre no autor do que facemos memoria: “o galeguismo é un sentimento que alenta en tódo-los corazós dos galegos”. A súa eficacia vai depender de que acade a categoría de conciencia. E por aí marcharon os traballos da súa vida. Escritor a recuperar porque non deixou novelas, relatos, dramas ou poemas, é no campo da correspondencia cos amigos [con previstas ediciós], en numerosos artículos i ensaios breves, onde se descobre o seu pensamento bulideiro. E vai quedar pra sempre unha posible pescuda do seu labor en clave socrática [Sócrates non deixou obra escrita] a carón da mesa camilla, ambiente que estes días recrea a Fundación Penzol, en Vigo.

No hay comentarios: