martes, 5 de mayo de 2009

A HORA DO PARO [4.05.2009]

O primeiro de Maio, trá-las bandeiras ían Goberno e sindicalistas liberados. Foi fundamentalmente unha manifestación contra as empresas e contra a Banca, tan favorecida polos gobernantes.
-
Pontevedra, 5.05.2009
-
Entrada n. 929 do blog
-
Artículos semanal
-
A hora do paro,
por Xesús López Fernández
-
Que por razón das elecciós do 2008 chegaramos oí-la promesa de ZP dun claro horizonte laboral con pleno emprego, sabiamos que non era máis que un truco de simple marketing electoral, que non se sostiña coa política económica do seu propio Goberno ó longo do pasado mandato. O seu discurso foi cuestionado por voces críticas e hoxe, pasado máis dun ano, a cifra do paro mostra unha situación alarmante: máis de catro millós de parados, un millón de familias con tódo-los seus membros sen traballo, a fame chamando a non poucas portas; a hora dos comedores sociales. Os críticos tiñan razón. ¿Pero qué se pode facer? Porque está claro que está perdido o Norte, que non se sabe cómo reactiva-la vida das empresas, cómo xerar nova riqueza no ermo económico no que foi convertido o país: As empresas que resisten viven momentos tensos; as forzas sindicalistas, con 300.000 liberados, claro apoio do poder, son parte do problema e nada fixeron ó longo dos pasados cinco anos por chegare a consensos, a posibles acordos e vías prá creación de riqueza.
-
A cifra de poboación ocupada non mellorou coa mentira como método de goberno que, según diversos analistas, foi práctica común estos anos. Pola contra, o repunte da tasa de paro foi no 2008 de 1.280.300 persoas, que a 31.03.2009 pasa dos 4.100.000, o 17.63% da poboación activa, sendo a cifra de destrucción de postos de traballo no primeiro trimestre do ano de 766.000, a maior dende hai 32 anos. Que estos datos, según Elena Salgado, constitúan un reto pró Goberno, non explica que o seu equipo económico leve cinco anos sen reorienta-las políticas activas cara un futuro máis prometedor. É máis. Parece non existir sintonía pra un posible consenso, pra modula-las sinerxias necesarias e que o país poida seguir adiante. Quedou xa atrás a promesa de traballar por un desenvolvemento sustentable, imposible se non se toman medidas ferreñas. Porque nalgús foros apúntan cara ós sectores primarios da Economía [agricultura, gandería, pesca, enerxías renovables] como posible relevo pró necesario cambio a un modelo económico non basado no pelotazo urbanístico.
-
Pero non parece vaian por aí os discursos. Siguen amagando con máis do mesmo, transferida a culpa dos males do país, ó abeiro das europeas, a Bush e Aznar. Os sindicatos, de esquerdas, mentres convocaron contra Aznar unha folga xeral, carecen desta volta de sensibilidade, a mesma que decían sairía reforzada co goberno zapaterista. É máis, parece que xa non teñen outra función social que a de se integrar no aparato propagandístico do Goberno e de actuar como lanzarotes contra a clase empresarial e o liberalismo, contra os neocón resucitados nos últimos discursos socialistas. Pero os sindicatos revélanse impotentes pra faceren un discurso reivindicativo destinado ó Goberno, incluso nas circunstancias dramáticas que vive o país, polo que se intúe o seu próximo suicidio social, porque xa non son sindicatos de clase e, con 300.000 enlaces liberados, subvencionados, silenciados ó longo dos últimos anos, carecen de forza moral pra representaren ós traballadores.
-
Saben os sindicatos que a súa escasa imprantación antre os traballadores impediríalles unha actuación autónoma ante os poderes políticos. Non terían capacidade económica pra funcionar no caso de deixaren de estar subsidiados, incapaces de entenderen que non hai Goberno máis antisocial que o que non frea a perda de miles de postos de traballo cada novo día. A irritación está tamén agora nos que creían nos discursos do Goberno, que falaban dunha bonanza inmediata, do remedio da deriva desastrosa da economía dos sectores do ladrillo ou do sector servicios. Antes mesmo definían como optimista ó discurso de ZP, ou pensamento máxico. Pero gran parte da sociedade entendeu que non era certa a mensaxe que lles chegaba, que incluso os seus ven como unha pura estratexia calculada pra conte-lo descontento ata que a recuperación apunte, quizaves antes do 2012. Si hai sorte.

No hay comentarios: