domingo, 22 de junio de 2008

A BALAUSTRADA E O LARANXO [23.06.2008]

Composición feita nas vísperas da inauguración, cun laranxo cedido por un establecemento da zona así nomeado, "El Naranjo", pra deixare neste blog constancia da ausencia. Foto do autor. Elaboración de tapa-trampa en Padre Luís/Laranxo. Así acaban por escachar todas elas.
A muralla "china" de mosquerós tipo Mao Tse foi xa reemprazada pola cerca carcelaria en Cobián Roffignac, "la corredera de los mosquerones", como noutras partas da cidade. Xa se aprecia a rampa prós skaters, reventado o espacio da vella balaustrada. A columna coa labra dos Mariño estaba aí, no momento da foto, pousada, mal restaurada. Aprécianse as cicatrices.
Pontevedra, 23.06.2008

Traballo semanal publicado en diversos medios.

Entrada n. 525 do blog.
A balaustrada e o laranxo [23.06.2008],
por Xesús López Fernández

Ben está que se premie un traballo de reforma urbáa ben feito, da restauración, renovación e cambios operados nunha cidade. Pero se nos referimos ó Premio Nacional (galizo) da Cultura outorgado a Pontevedra, caben diversas cuestiós: ¿Falamos de premio ou de autopremio? ¿Estáse a premiar unha actuación urbanística decente ou, pola contra, hai moitos puntos escuros no traballo realizado? ¿Fíxose obra digna pra fixare poboación ou, pola contra, os residentes que resisten están agora a sofriren unha maior presión e desamparo?. De certo que sí. Porque á facilidade coa que algús grupos convirten as vellas prazas en circos, coa demasía decibélica que lles pete e sen policía que os pare, poderiamos engadir unha serie longa de trastornos: falta dun verdadeiro plan de emerxencia, acceso imposible prás ambulancias medicalizadas por manteren vivo un terraceo que non se adapta á normativa de veladores e impide o paso incluso por soportales, espacios públicos. ¿Por qué a policía local non comparece ou mira pra outra parte?

Entenderiámo-lo premio á restauración operada nas rúas de San Román ou Manuel Quiroga, parece que xa con outra asistencia técnica, coa calidade de obra que no seu día, hai máis de sesenta anos e sendo alcalde don Remigio Hevia Marinas, apreciamos moitos pontevedreses na pavimentación da rúa Real, praza de Curros Enríquez e outras. Teñamos presente que á hora de renovaren por renovaren algús desos espacios, o que se fixo foi unha obra nova de mala calidade, con tapas-trampa nas arquetas, esgazadas ou afundidas en moitos casos, especialmente na rúa Real. E como mostra de obra mal feita, aí temos que non poucas das citadas tapas-trampa –algunha renovada ata sete veces— foron incluídas nunha especie de plan Renove, procurando darlle ás novas un maior espesor, a ver si resisten, no canto de adouta-la solución das tapas de fundición, como en San Román, como en Manuel Quiroga, que sí parecen obras xustificadas. Pero haberá que deseñar un plan Renove cobizoso, porque algunhas das prazas remodeladas –da Verdura, das Galiñas— quedaron desalmadas. Eso non se premia e hai que lles devolve-lo seu enxebrismo.


Estos días andan a voltas cos últimos toques da agresión á balaustrada do Museo sobre a que, según T. Pedrosa, Patrimonio non chegou decir nada e incluso a Xunta de Galicia, no ano 2006, dou orde de non tocar. As obras daquel entorno, rúa do Laranxo e Padre Luís, comezaron en Setembro do 2006. Pero só agora conclúen de mala forma. A nova balaustrada nada ten que ver coa vella que, aínda que maltratada, facía un todo harmónico cos edificios do Museo. A nova aparece axigantada, a baranda como marcando tres rasantes sobre un plano penzo, e os balaustres que ten a maiores parecen de cartón pedra. Pero o esperpento maior é a absurda escadeira, con dúas caídas, abeirada ó edificio Fernández do Museo, os primeiros pasos como coitelos, marca técnica da casa, como os que se poden ver na praza da Verdura, que dobran cara Sarmiento, causa de non poucas caídas e accidentes; como os do palco que preside a entrada á igrexa de San Bartolomeu. E outras cousas.

E da actuación na rúa Laranxo decíanme hai uns días que, cando foi colocada a pavimentación agora renovada, acabáranse os cartos. Os veciños procederan a unha aportación económica pra que desen rematado as obras. Si eso é certo, poderían reclama-la reposición da pedra alí existente que, alisada e asentada sobre formigón e morteiro, podería ser garantía de duración eterna, que non a pedra usada dende o comezo da “restauración” premiada. Evitaríanse sobregastos, como na realización da “gran muralla” de mosquerós “Mao Tse”, que agora cambian pola cerca carcelaria de barrotes de aceiro. En fin, seguimos sitiados. E tamén perguntan si se vai reprantar, e donde, o laranxo, no que parece non pensaron. É seguro que, si o repoñen, a árbore non se vai identificar coa nova balaustrada. Co alí feito prós skaters

No hay comentarios: