miércoles, 4 de junio de 2008

O MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO SAGRADO [23.06.2003]

Peixes e contaminación. A traición do home ó medio ambiente. Dibuxo do autor.
Flores de breixo [ou carrasco, uz, queiroga ou queíró.....], nesta primavera. A vida sigue...Non sei o nome que máis ll´acomoda a este exemplar de xardín. Foto do autor.
Fondo mariño. A vida que se renova. Dibuxo do autor.
As catro estaciós nunha mesma árbore. Dibuxo inacabado do autor.
Alborada de San Xohán. Dibuxo do autor.

Pontevedra, 4.06.2008


Entrada n. 502 do blog.

Mañán, día 5, é Día Mundial do Medio Ambiente, celebración instituída internacionalmente no ano 1992, pola ONU. Repesco un traballo do ano 2003, que coido dabondo explicativo, enumerador de pautas e carencias, mesmo definidor da derrota deste país chamado Galicia, na medida na que se perdeu a lección das aldeas, que sabían xa do conservacionismo da natureza moito antes de que se acordara, no 2005, a promoción da Década do Desenvolvemento Sustentable. Sigue o traballo:

O medio ambiente, territorio sagrado [23.06.2003],
por Xesús López Fernández

Hoxe pola noite a sociedade retoma o mito e os ritos en relación co solsticio do verán [o día máis longo, a noite máis corta], e disponse a prende-las cachadas, a delonga-la presencia da luz máis alá do lusco-fusco. E faino así dende época inmemorial pra que o sol non morra, pra que o planeta siga vivo, algo que temos comentado en anos anteriores. Este ritual máxico, como tamén o uso da “auga de San Xohán” no mencer do día 24 [auga aromática preparada coas diversas herbas nela sereadas pola noitiña] ou a interpretación do feitío extraño da clara dun ovo nunha xarra d´auga [definitorio dun futuro non sempre claro, talvez unha viaxe por mar, un perderse na lonxanía], son prácticas que veñen dos nosos ancestros, con raíces no tempo antigo, de cando o home era máis responsable e respetuoso co medio ambiente pró que hoxe se volven moitas miradas, mesmo dende as relixiós monoteístas, tal como comentabamos nun traballo recén en relación coa presentación do libro do Worldwatch Institute, “A Situación do Mundo 2003”.

Deciamos daquela que Gary Gardner, presentador da edición e autor dun dos traballos incluídos no libro, salientaba o feito relixioso, o compromiso das grandes relixiós cos mecanismos de conservación do medio ambiente. Do citado libro saco a referencia que nel se fai ó vencello antre ritual, ecoloxía e cultura sostible [algo profundamente relacionado coa economía conservacionista, de cuio abandono ven a morte de tantas e tantas aldeas da nosa terra] que habería que concretar nun espacio maior do que dispomos pra este artículo. E citarei o caso dos monxes budistas “ecoloxistas”, comprometidos en Tailandia coa reforestación intelixente do país, idea dun monxe chamado Prhaku Pitak que no ano 1991 axudou mesmo a dar vida a un movemento local conservacionista do bosco na aldea de Giew Muang, ata o d´aquela ineficaz. O seu traballo centraríase no entorno boscoso de dez aldeas, esquilmado despois de décadas de explotación.

O home comezaría por diversas lecciós, proiección de diapositivas pra ensinar ás xentes a comenencia de certas prácticas agrarias e de respeto ambiental, complementarias coa cultura da fraga ou do souto. Buda foi o primeiro “ecoloxista”, explicaba o monxe, e a súa vida transcurreu en constante relación cos boscos, insistindo tamén na permanente relación antre a auga, a fraga e a obtención de alimentos, aproveitando a ensinanza budista sobre a interdependencia das cousas. Pero o máis importante da campaña de Prhaku Pitak foi a asimilación do ritual dos habitantes das aldeas, seguidores doutras relixiós ademais da budista. E así chegaría a dispoñer un altar no bosco [a suxerencia das xentes da aldea] pra, na presencia dos máis vellos, demanda-la protección do espírito do lugar. Deseguido, procederíase á celebración do ritual budista e, acompañado doutros dez sacerdotes, oficiarían a sacralización dunha árbore [a máis grande], envolta nunha túnica a xeito dunha ordeación sacerdotal. Conseguiríase así un maior compromiso dos habitantes do lugar, actitude de respeto que o autor cita en relación con outros pobos [xentes da Amazonia, hopis de Arizona..].
Eu pergúntome se no tempo dos celtas non existiría un respeto así polos carballos, sendo como era o druída do clan o “home-carballo”. D´aquelo e da economía de subsistencia pouco queda. A morte de tantísima aldea, a perda contínua de poboación, sitúanos ante un feito pavoroso: o ser ou non ser de Galicia, que mal poden remedia-las políticas prometidas de subvenciós. O feito tráxico das aldeas que xa non falan, que poden ser mesmo raiz de xentes que viven ou malviven na emigración, non parece ter remedio se non se produce unha nova ruralización da nosa sociedade. Nas aldeas, nos campos e montes, pode haber traballo pra moitísima xente, o que precisa doutra visión das cousas, do abandono da economía do despilfarro, de pensar na aldea como unidade de producción, posible se os políticos queren alén de pelotazos urbanísticos. Con outra políca fiscal. Pero sen política agraria eficaz, levados ó límite os productores de leite, temos chegado ó esperpento de anunciar unha casa de turismo rural cercada por un gran eucaliptal [perda de biodiversidade e de policromía], que sintetiza a nosa desgracia, o fracaso da nosa política económica, a falta de sensibilidade ecoloxista. Se os nosos políticos fosen budistas estaríamos en mellores mans que agora, xa que parece que aquí non conta a lección da relixión católica, actualmente comprometida co medio ambiente, como as xentes que se dispoñen a celebraren esta noite o ritual das fogatas. Pra que o Sol non morra nunha Galicia que perdeu o carácter sagrado que indican os ritos desta noite máxica que nos marcan camiños perdidos, necesarios pra retoma-la terra como territorio sagrado.

No hay comentarios: