sábado, 30 de junio de 2007

EN ROMA

Coliseo de Roma, fotografía do autor.

Pontevedra, 30.06.07


O que se dí na fin deste traballo é de manual: a campaña do Bloque estaba reventada. Sen embargo, non se entende que a ICPRACERES, avalada por dúas sentencias [a do Tribunal Supremo do Estado sobre a ilegalidade do ferrocarril pola praza e a do TSXG en relación cos recheos do porto que, inda que recurrida en casación, sonlles favorables], non obtivera representación no Concello pontevedrés. Lembremos que os de Praceres, no ano 2003, sacaran 666 votos, o número da Besta, o número do Poder, a suma dos valores alfanuméricos dos nomes dos emperadores románs escritos en grego, a lingua do Apocalipsis de San Xohán, porque o grego, ata Constantino, fora lingua oficial da Igrexa. O traballo foi publicado o 19 de marzo do 2007, no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.

En Roma [19.03.2007],
por Xesús López Fernández

Botei uns días en Roma, cunha delegación diocesá da Pastoral da Saúde. O mércores 14 recibíanos o Papa nunha audiencia á que tamén acodiría o noso arcebispo, don Julián Barrio, e xentes de tódo-los continentes. E tivemos ocasión de falar con el en San Pedro, en diversos momentos, ou ó día seguinte, Xoves, despois dunha Eucaristía concelebrada por el e os sacerdotes da delegación, nunha das capelas existentes baixo a basílica de San Pedro. Tamén compartimos con don Julián un xantar nun restorán próximo ó Vaticano. I ese mesmo día, ás once da mañá, estivemos con Paco Vázquez, que nos mostrou a embaixada española, moi coloquial e simpático; que tamén nos dixo que a cidade poderiase recorrere ben se non fose tan grande. I é difícil se non se conta cun guía experto –unha guía no noso caso--, que xa o Luns nos fora introducindo na Roma antigua, explicándonos o sentido do Colosseo e o do Circo Massimo, gran hipódromo; do arco de Constantino e o Senado, o cogollo do Imperio. E a visita a prazas e fontanas: piazza de Spagna, piazza di Trevi, prodixio de arte e auga, sorpresa final dun recorrido. Tamén o cristianizado Pantheon, coa súa magnífica cúpula [1 mt. máis de diámetro que a de S. Pedro] e o lucernario.

O martes 13 –o da visita de Putin ó Papa--, un gozo o recorrido pola praza e museos de San Pedro, onde existen ó parecer sete kilómetros de galerías con obras non clasificadas. As visitas á capela Sixtina –restaurada coa financiación do Xapón-- e ás salas de Rafael, sempre coa puntual aclaración, rica en datos e anécdotas, da nosa guía, foron doadas. Moitos visitantes. No templo, onde loce espléndido o baldaquino de Bernini, pasamos tamén ante a escultura da Piettá de Michelangello, restaurada despois do atentado sofrido. A guía comentou tamén o sentido acolledor das case 300 columnas que circundan a praza de San Pedro, na que está centrado o obelisco do Circo de Nerón. Alí reuníronse unhas 40000 persoas o día da audiencia, o 14. Xunto coas xentes chegadas de Galicia había representaciós de todo o mundo, especialmente significativa a de Shalom, con integrantes de Brasil e outros países, un movemento emerxente dentro da Igrexa católica, movemento nascente en sintonía cos testimonios que o Papa está a lembrare ultimamente, ese día 14 o de San Ignacio de Antioquía. E Shalom está a traballar con grupos de oración, evanxelización e renovación catequética, especialmente ledos os alí presentes, como con ledicia fresca mirei pasar un grupo de monxas da orde de Tereixa de Calcuta.

Don Raúl Lage foi o noso cicerone nas visitas a Letrán e Sancta María Maggiore [alí están soterrados dous papas], e a San Pietro in Vínculi, onde está o Moisés de Michellangelo e se mostran, nunha furna, as cadeas de San Pedro. Optamos tamén por visita-las catacumbas de San Calixto, con máis de vinte kilómetos e catro niveles, abertas nun pequeno recorrido do segundo nivel, no que se pode incluso oficiar misa. As inscripciós en grego corresponden a un tempo no que era ésa a lingua da Igrexa, antes de Constantino. Aínda tivémo-la sorte de contar cun caldense no Vaticano, o P. Froján, da Secretaría de Estado, que nos mostraría parte dos xardíns, aclararía moitas cousas do pequeno estado e sinalaría o lugar exacto onde nalgún tempo estivo situado o obelisco que hoxe é centro da praza de San Pedro.

Traio moitas ideas e apuntes non decantados que deberei ordear vagariñamente. Pero sí quero decir aquí que, privado de noticias de Pontevedra, despois de ter baixado a gran escadeira da piazza de Spagna, cando faciamos tempo prá cita con Paco Vázquez, recibín unha chamada polo teléfono de peto. Era Eladio Torres, ¡n-horaboa, amigo!, que me daba noticia da sentencia do Tribunal Supremo de Madrid ratificando a ilegalidade do ferrocarril da praza dos Praceres. Boa nova. E haberá que sumar forzas pra demandar da Administración a execución da sentencia. Lores, que urxira a súa construcción, pode agora lembra-la viaxe inaugural con Cuíña e Tonecho, e as malleiras dadas ós veciños da parroquia mártir de Lourizán. A campaña electoral do BNG pode estar reventada. ¿Quén lles vai repara-lo dano físico e moral ós veciños?. Certamente, hai xentes que deben desaparecer da Política.

No hay comentarios: