O profesor Tamames, economista, ambientalista, é aludido neste traballo en relación coas súas declaraciós sobre o futuro dos idiomas.
Entrada n. 8 do blog.
O futuro dos idiomas,(9.4.2007)
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
O 24 de marzo pasado, en Medellín, foi aprobado o texto da gramática panhispánica que vai ser editada o próximo 2008. “De Salamanca a Medellín”, foi o comentario do presidente da RAE, Víctor García de la Concha, antre moitos outros. A nova gramática abrangue unha visión nova do español, a da súa realización gramatical nunha espléndica realidade arrequecida coas particularidades de cada área lingüística, todo resultado de intensos traballos ó longo de nove anos, nos que interviñeron 22 Academias da Lingua Española. I ese 24 de marzo escenificouse o consenso: Unha a unha, as diversas Academias foron dando a súa aprobación á obra, na que se plasma o tronco común que une ós falantes dos diversos países coas formas privativas de distintas zonas. Dende hora e media antes da solemne i ecuménica ceremonia, comezaran a chega-los invitados á clausura do acto, presentes no mesmo académicos de tódo-los países de fala hispana, rectores de universidades españolas e hispanoamericás e representantes do mundo cultural colombiano, como rúbrica á presentación da gramática que toma o relevo da actual do 1931. O seu lema: “unidade na diversidade”. 76 anos pra pensa-las cousas.
Se a nova da gramática sirveu como pórtico á arrancada do IV Congreso de Cartagena de Indias, a celebración deste cobreu tóda-las expectativas, triplicándose o número de asistentes agardados: Xentes de todo o orbe, tamén de Asia e África, onde o español é cada vez máis demandado en países como Senegal ou o Chad. Na primeira sesión plenaria abreuse xa un debate interesante sobre o español como instrumento de integración, dando así apertura á programación do encontro académico: Cómo pode o español contribuír a enfortece-la identidade iberoamericá; os retos que hoxe ten o español no campo da ciencia; o valor económico do idioma, no periodismo, no mundo editorial; cómo as migraciós poden representar un crecemento da economía da nación, pero tamén unha maior expansión do idioma.
Imposible mostra-la riqueza de comentarios producidos ó longo do Congreso. Sí citarei o dito pola chilena Marcela Serrano: “La región más transparente, el Español”. Precisamente en Chile, dentro de tres anos, terá lugar a celebración dun novo congreso. O idioma, que se fala de forma compacta dende a Terra do Fogo ata California, que ocupa un área xeográfica a nivel mundial de 12,5 millós de kilómetros cuadrados, desperta tamén interese no Brasil, onde o presidente tomou a decisión de declaralo segunda lingua oficial. E precisan de case 20000 profesores que ensinen con “ñ”, a letra inventada por Afonso X, da que na nosa terra hai xentiñas que renuncian nunha especie de esperanza que non leva a ningures, divorciadas do chamado “bilingüismo harmónico” que talvez tería máis sentido no mundo que ven.
Sobre a saúde das linguas e a súa posible adaptación á crecente globalización, Ramón Tamames pronunciou recentemente unha conferencia na Universidade de Venecia, sobre a que veu elaborando algús artículos. Comentaba o home un estudio de Steven Roger Fisher sobre a evolución da comunicación e a situación planetaria actual, na que perviven 6170 linguas, coa maior densidade en Papúa/Nova Guinea, 1100 linguas, cinco veces as que existen en Europa, pola fragmentación das comunidades que viven ailladas na selva, con riqueza de recursos. A deforestación significou, en moitos casos, a morte de non poucas linguas. Pero a globalización abre perspectivas de resistencia ou de morte súbita. O valor económico dos idiomas ten moito que ver e, nunha estimación en base a certos parámetros discutibles, chégase estimar que, nun futuro de 300 anos, van quedar tres idiomas no mundo: chino mandarín, inglés i español. O alemán e o italián subsistirían como algo residual; o latín, o hebreo, o árabe permanecerían, cecáis, como linguas litúrxicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario