por Xesús López Fernández
Parece que, despois de télo dormido, van sacar adiante o Plan Xeral, pero sustraéndolle ós cidadáns a posibilidade de intervir no debate do mesmo; de participar nun proceso que debería ser transparente e axustado á letra da Axenda 21 Local, compromiso adquirido polos concellos comprometidos coa Carta de Aalborg, ou Carta das cidades europeas cara a sostibilidade. Nun traballo de Xuño do 2000 ocupeime deste tema, sobre a filosofía da Carta, un compromiso nacido despois de estudios previos no que se recollen as ideas dos máis de 600 participantes nos 36 obradoiros da Conferencia de Aalborg, celebrada antre os días 24 e 27 de Maio do 1994. Tempo despois levaríase a cabo unha revisión en profundidade no marco da Segunda Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, en Lisboa, en Setembro do 1996. Pero o que daquela se anunciaba como signo de esperanza, a aparición dunha certa solidariedade, dun compromiso crecente antre diversas cidades, parece que, no caso de Pontevedra, adherida á Carta, significou o arranque dun proceso involutivo que está a acabar coa cidade.
No ano 2003, 12 de Abril, en “A adhesión á Carta de Aalborg” sinalaba as novas agresiós ó litoral coa política de recheos do porto de Marín-Pontevedra, co trazado do ferrocarril por terreo demanial, e co resultado de estar xa máis lonxe do mar por ter creado alí solares pra industrias que se poderían ter situado terra adentro sen afogar máis e máis ó mar. E sinalaba a traición ó espírito da Carta que xa na parte primeira, no punto 1.1. inclúe a seguinte declaración: “Nós, cidades europeas, signatarias da presente Carta, declaramos que no curso da historia temos conocido imperios, estados e réximes, e temos sobrevivido a eles como centros de vida social, portadores da nosa economía e guardiáns da cultura, o patrimonio e a tradición”. E decía “fálase de comunidades viables e de sostibilidade ambiental, de conservación do capital natural”. Nada que ver coas actuaciós urbanísticas sofridas, denunciadas por diversas asociaciós. E sete escindidas de “Castelao” falan do “carácter dictatorial e autoritario do goberno local” ó tempo que acomete a obra de Rosalía Castro.
O portavoz do colectivo, Armand Mathieu, afirma con ironía que o goberno actúa co “ordeo e mando, porque eles son infalibles, están iluminados pola verdade e todo o que fan é polo noso ben”, e de feitos consumados sen que os veciños poidan facer aportaciós. Cita o home os desastres de Concepción Arenal, Avda. de Vigo, San Antoniño, Cobián Roffiñac –“La corredera de los mosquerones”--, Avda. d´A Coruña, etc. Un longo etcétera, diríamos moitos que sabemos, como di o portavoz, que ós veciños se lles ten mentido e manipulado. A ver si acerta cando afirma que a prepotencia se paga moi cara en política. De forma máis simple decíame o outro día un líder veciñal que o equipo de goberno cargouse a Axenda 21, cando intentan sustrae-lo Plan Xeral ó debate cidadán, no que o arquivo da petición de innecesariedade de Ence en relación co dominio público marítimo terrestre de Lourizán abre unhas inmensas posibilidades. Pero o goberno local, ó que lle queima a xestión da Edar d´Os Praceres por non se ter cinguido á lei, suspende.
Tamén Boa Vila e Pontevedra Activa denuncian a actuación do equipo de goberno en relación co PXOM, e si Teresa Pedrosa afirma que a actuación do goberno local quer evita-la participación cidadá, é outro concellal do seu grupo, José Manuel Fernández o que denuncia que “a omisión de tres dos prazos da arrancada do PXOM, do citado Avance, elimina os pasos paralelos da Axenda 21 Local –a que se refire ás normas de carácter medioambiental--: mesas de partipación e foros de debate [….] e os plans específicos sobre sustentabilidade ambiental”. Ese portavoz parece máis comprometido que o goberno local co espírito da Carta de Aalborg, co Plan de Acción de Lisboa como orientación, coa necesidade de actuar en Pontevedra tamén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario