viernes, 29 de junio de 2007

XIGANTES ENFERMOS [15.10.2004]

Os xigantes enfermos non compren con normativas de nengún tipo. E todo acaba, máis ou menos, así, escondido con urxencia no fondo mariño. Xesús López.
O 15.10.2004 foi remitido o traballo que sigue. Era o momento no que estaba aínda sobre o tapete a posible liquidación da ría de Pontevedra como depósito de vida, como factoría prá alimentación. A pantasma de Georgia Pacific parece que desapareceu do escenario definitivamente, pero aquí todo vai estar en función da carga de irracionalidade política, de non querer ver con criterio socioeconómico e ambientalista, que a primeira riqueza a conservar e potenciar é o medio ambiente, xenerador de capital social, algo vital pra que os homes e as mulleres se entendan e acaden a necesaria calidade de vida. Sigue o traballo:

Xigantes enfermos,
Por Xesús López Fernández

Unha revista de ámbito rexional (Tempos Novos, Outubro 2004) inclúe un estudio sobre a norteamericá Georgia Pacific Corporation, á que define como xigante enfermo. E mellor que reproducir aquí parágrafos dese traballo é remitir ós curiosos á súa lectura. A citada revista ocúpase tamén de Ence nun reportaxe en profundidade sobre “As trampas do papel tisú”. Curiosa coincidencia a da publicación coa visita inaugural do pesidente ós Praceres e a súa corta viaxe con Lores ata as rotondas-trampa do Norte pontevedrés, convertido o seu vehículo nunha especie de confesionario pra impoñer penitencias, porque parece que aquí non temos sentidiño e que o desenvolvemento sostible é o que definen Ence e don Manuel en contra do que diga Lores en cuestiós de Ecoloxía.

Gustáronme máis as palabras do alcalde, a súa simple afirmación de que os postos de traballo son trasladables, e de que hai que rexenera-la ría, única, pró disfrute de todo-los cidadáns, prá súa recuperación ambiental e productiva tanto no sector da pesca como no do marisqueo ou no turístico, actualmente hipotecados. ¡Qué absurdo vir a Pontevedra pra pasa-lo verán se aquí temos unha praia secuestrada, convertida en solar de okupas que deberán abandonala pola situación de ilegalidade e de nulidade radical que se dá en case todo-los casos trascendidos ou por trascenderen. Da lectura do traballo pódense tirar certas conclusiós, ademais de ter unha panorámica da situación actual do gran problema pontevedrés. Tamén se aclara quén é quén en todo este asunto e as agresiós planificadas ó abeiro da supramunicipalización decretada pola Xunta. Defínese a actuación de Salvemos Pontevedra ante as Administraciós e os atrancos pra lle dar presencia en dous plenos do Concello, no exercicio da acción pública, cuestiós estas que o concellal Mosquera obvia no sentido de que responden a unha estratexia de descreto da loita do BNG contra ENCE “da que xa foron víctimas noutras ocasiós”.

É decir, o BNG non ve como intruso no terreo demanial de Lourizán nada máis que a ENCE, cando hai outras empresas que a día d´hoxe están ocupando solar na zona sen concesión nen licencia. E algo tería que face-la Administración local, lastrada aí, posiblemente, polo “pensamento único” da organización frontista, do “ENCE, fóra da ría”. Non se entende que a pesar da evidencia manifestada polo concellal de que dende o 1990 ENCE non obtivo novas licencias do Concello, éste non incoe os corrrespontes expedientes. Como tampouco se entende que o Concello deixara de se posicionar no tema da innecesariedade, algo vital prá consolidación da fábrica de celulosa alén do 2018. E pró asentamento da fábrica de papel tisú nun terreo gratis total. Sería bo que o director da fábrica nos aclarara que quer decir cando afirma (na súa línea dialéctica de que a fábrica ou se autoriza ou se cerra) que “non é posible facer unha fábrica nova hoxe por hoxe. As fábricas só se fan en América do Sur ou no sudeste asiático, onde se poden facer este tipo de cousas, sobre todo polo precio da madeira”. Abonda eso, como outras afirmaciós que fai prá xente simple de que a empresa cumpre coa lexislación vixente, cando sabemos que non é así e que pesa como unha lousa sobre a súa actividade a cuestión da “nulidade radical”, freada a actuación das Administraciós e a aplicación da lei polas distintas levas políticas que van alternando na súa conculcación. ¡Mira que pedirlle o señor Fraga a Lores que non entorpeza a expansión de ENCE! E novamente, ademais, a demagoxia de que ben vale a pena destroi-la ría.

Desenvolvemento contínuo, chamoulle a eso, cando o espacio está a morrer.
Son palabras contrarias ó dito pola nova Nobel da Paz, a keniata Wangari Maathai, no sentido de que hai que mante-lo medio ambiente vivo pra que o home non morra. Pero sen necesidade de ir tan lonxe, no traballo da revista inclúen as declaraciós de Isabel Veiga e Dolores Sartal, que relacionan a mortandade da ameixa de Lourizán, da que tanto falan os de ENCE, co movemento de lodos pró asentamento da pasarela presuntamente ilegal. O mercurio, os bifenilos policlorados... Aí pode esta-la causa. Como tamén son críticas cos procesos asmatiformes que no entorno da fábrica sofren seis de cada oito dun mesmo grupo familiar, aínda que non se recollan estadísticamente estos procesos. Confíase en que axiña ha haber novas. E Lores, que non é integrista, terá que explicar algún día o por qué da súa urxencia do tren a Marín. ¿Quén se beneficiou da invasión de 55.000 metros cuadrados de terreo demanial ademais de ENCE, xigante enfermo? Porque o ferrocarril, se non se levanta, vai ser fronteira co mar, bastida que vai impedi-lo acceso das persoas no caso da posible recuperación daquela zona pró xogo das mareas, dos nenos, dos maiores e das xentes da ribeira que tiñan no marisqueo o seu medio de vida. ¡Cánta riqueza estragada!

No hay comentarios: