viernes, 29 de junio de 2007

A ARIA DO NASEIRO [7.12.2003]

Os oficios vanse perdendo. Os naseiros, xa pola famosa "toxina", xa por outras catástrofes [recheos, cargas de dinamita, contaminación industrial] téñeno cada vez máis difícil na nosa ría. Dibuxo informático de Xesús López.

Pontevedra, 29.6.07

Entrada n. 23 do blog.

O tema vai da contaminación da ría de Pontevedra, que con frecuencia ha ser tratado neste espacio. Dentro da información disponible, son moitos os silencios que se levan producido. O escrito apareceu no Diario de Pontevedra e no Xornal.com con data 7.12.2003. Nel faise referencia a unha serie de agresiós que veñen de moito atrás, da fin dos 50, cando os políticos optaron pola desaparición das Marismas de Lourizán e pola degradación da ría.


Hoxe, cando se acaban de cerrar novamente moitos polígonos de bateas, porque outravolta anda polo medio a "toxina", cando tampouco é apta pró consumo directo a ameixa que miragreiramente se poida recoller naquel entorno, cando os recheos dos que se fala no traballo que fai alusión a unha situación preocupante xa no 1992 creceron e son solar de contenedores ou de diversas fábricas; soporte tamén dun ferrocarril sobre o que existe sentencia firme do Tribunal Supremo, ilegalizando os pasos a nivel da praza d´Os Praceres, a situación de caos apocalíptico parece xa unha foto finish na que vai ter un papel activo, seguro, a depuradora abocada ó emisario descrito no traballo, ilegal por dúas vías: a do Raminp (Regulamento de Actividades Molestas, Nocivas, Insalubres e Peligrosas) e a da Lei de Costas, que prohibe a construcción de depuradoras na beiramar. Nulidade radical.

Pero a contaminación conocida ven xa de moito atrás. Haberá ocasión de volver con non poucos traballos, sobre o particular. Desgraciadamente, máis alá dos discursos de "fume" dos diversos políticos, das tramas que se perciben, non parece que haxa neste momento outro colectivo disposto a denunciar certas situaciós en relación co devandito caos de contaminación, agresión ó medio natural, sobreabundancia de organoclorados, de endrín e mercurio, repito: non parece haxa outro colectivo ecoloxista disposto a levar estos temas, de forma solvente, ante a Xusticia, que o chamado SALVEMOS PONTEVEDRA.

Pero, xa digo, volverei sobre estos temas. Non se trata de contar agora toda a "novela". Sigue o traballo:


A aria do naseiro, [7.12.2003]
por Xesús López Fernández


Coido que a manifestación do 28.11 en repulsa da papeleira que nos queren montar en Lourizán foi un claro éxito. Tendo en conta que chovía e que os pontevedreses somos como somos --que moita xente perdeu a alegría de vivir, que perdeu o olfato, que xa todo lle dá igual-- o certo é que a mesma pode marcar pra moitos un punto de retorno, de esperanza na posible salvación. Non vou entrar na guerra de cifras que, según algús, puideron andar en torno ós 15.000 manifestantes, antre os que me atopei cómodo facendo memoria de tempos pasados cun vello loitador ecoloxista, á par que camiñabamos perdidos no río da xente. Seguramente que ésta non ha se-la última das protestas se ben temos que insistir, poñe-lo máis forte dos acentos posibles en demanda-lo comprimento da Constitución, dese artículo 45 ó que aínda hai pouco me teño referido e que nos seus tres apartados afirma que todos temos dereito a un medio ambiente axeitado pró desenvolvemento da persoa, e o deber de conservalo; que os poderes públicos teñen a obriga de protexer e mellora-la calidade de vida, defender e restaura-lo medio ambiente apoiados na necesaria solidariedade colectiva; que os que violen o apartado anterior poden ser sancionados penalmente, etc.

Coido que os que participamos na manifestación estabamos a defende-la aplicación da Carta Magna. E chamoume a atención ver que algunha xente se sinteu decepcionada, incluso certa persoa que históricamente veu apoiando as marchas da Asociación pola Defensa da Ría; que mesmo fixo inventario de nomes --algús de cidadáns xa desaparecidos-- que deixaron memoria pra sempre da súa enérxica postura en defensa do medio ambiente. Nese relatorio de valoraciós cítanse os traballos de Xesús López e o seu naseiro --A travesía co naseiro, 7 das “cartas ecolóxicas” publicadas no desaparecido Xornal Diario, ano 1992--, nas que aquel home da mar fixo de nexo, de fío conductor, pra que un equipo de TV chegado onde nós puidese face-las tomas necesarias prá súa reportaxe: un video que se titularía “Demasiados resíduos para Europa” e no que acabarían finalmente por recoller testimonios gráficos dos catro puntos negros do litoral hispano: Bilbao, Pontevedra, Huelva e Cartaxena. Mantiven o relato ó longo de sete semás, ata o 9.4.1992. Daquela finalicei a serie porque xa tiña aviso de Jaume Barceló de que o vídeo estaba listo prá TVE, que xa había data.

Acabo de recupera-los ditos traballos, dende a descripción primeira da nosa partida coa marea baixa, “o ceo aínda entoldado pola néboa daquela mañá fría, intermisturada co “foggy” de orixe industrial, un auténtico telón de fondo na ría. Tras de nós quedaba o absurdo recheo de Estribela que parece quere devora-lo mar. O naseiro maniobrou con pericia pra --en pouco tempo e con escasa visibilidade-- achegármonos á boia indicadora do remate do tubo emisario do complexo de Lourizán --ésa é a intención certa da súa construcción, decía--, onde as bateas de Raxó. Testigos calados naquela mañá fría, ó pé do faro de Tambo, quedaban unha colonia de gaivotas e outra de canilongas ou cormoráns e unha parella de insólitas grullas.”.....E así comezaba o traballo no que se irían trenzando diálogos, mesmo opiniós de xentes do equipo que, escandalizadas do que estaba a acontecer, dos recheos sen estudio de impacto ambiental, perguntaban: “Pero, ¿qué clase de autoridades tendes? [...] Esto pode ser un claro delito ecolóxico. E alá, na nosa terra, pode que xa algún fiscal lle tivera entrado ó asunto”, afirmou o cámara con vagar, a atención posta no “travelling” que estaba a filmar ó tempo que a motora araba o mar por antre aquela riqueza de bateas en peligro de extinción”. --Parece que existe un proiecto de erradicación das bateas das rías prás levar a mar aberto. ¿A quén lle convén? ¿A qué intereses?--

Falou o naseiro ó tempo que levantaban acta videográfica do que decía. Naquel decorado de caos e contaminación, a súa tráxica testemuña quedaría privada de carga emocional pola grande resignación do home, que iría deixando constancia, sen ira, das súas lembranzas, de cando a zona era unha especie de Arcadia feliz --o mellor banco de ameixa fina conocido-- no que había traballo e mantenza pra todos. Ata que chegou a fábrica de pasta Kraft......As cargas da mariñería e da garda civil son parte da información que foi tirando da súa memoria, do seu “banco de datos” particular. E falou tamén da situación familiar, da morte da dona, de cáncer; de cómo tivo que loitar por catro criaturas sen renunciar á cita cotiá que él e mái-las súas nasas tiveran de sempre coa mar, soporte e sentido da súa existencia, condumio da súa familia esgazada...Conocedor dun tempo sen Constitución podía, como moitos, non creer na Carta Magna. A súa aria pódese unir a outras voces, facer un canto coral.

No hay comentarios: