Negra sombra. As normas que non van. Dibuxo que uso un pouco como icono nalgús dos traballos sobre o idioma. Fantasía informática do autor.
A traición á lingua galega ven de hai tempo. A pretensión dalgún grupo de minimizala, de privala de palabras enxebres, de renunciaren ó depósito popular, foi denunciada no seu día por Xosé Luís Franco Grande, como se dí no artículo que sigue, do 1.12.2001, un dos "clásicos" que irei pendurando no blog. Desgraciadamente, a RAG, en contra do que se comenta na colaboración publicada no Diario de Pontevedra, perdeu a súa independencia. Deixou de ser notario pra se converter en inventora. Se acaso, se algún día fai exame de conciencia, pode levanta-la acta de defunción da nosa fala por non ter sabido face-lo que recomendaba Vicente Risco nos anos vinte do pasado século: TRABALLAR CIENTÍFICAMENTE O LEIGADO DE ROSALÍA E CURROS ENRÍQUEZ.
NO RELEVO NA ACADEMIA GALEGA [1.12.01]
por Xesús López Fernández
Como home preocupado polas cousas da fala son tamén lector habitual de Francisco Fernández del Riego dende a publicación –¡hai tantos anos!— da súa obra “Galicia no espello” como de moitas das que iría publicando no correr do tempo, traballos de prensa incluídos. Extraordinaria a súa capacidade de traballo i entrega, o seu talento dinamizador, renovador, evidenciaríase no tempo da súa presidencia da Academia, na que agora están presentes vellos conocidos, un deles –Méndez Ferrín-- amigo dende a súa época pontevedresa, cando as súas primeiras obras eran aínda un xermolo. Fernández del Riego deixou dito que non se debe abandona-lo debate do cambio de normativa; mais non sería oportuno retoma-lo tema axiña. Deixemos pasar un tempo.
Prudencia, como tamén recomenda o presidente da Xunta pra non separar aínda máis o sermo nobilis do sermo rusticus como se propón dende certos sectores. Cando se celebrou o primeiro debate –en Outubro, sen acordo--, o que agora se supón pode se-lo novo presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, falou do interese da discusión. “Haberá outro debate, tal vez máis”, dixo ó tempo que insistía na non obrigatoriedade das normas e no protagonismo da sociedade. De confirmarse esa afirmación como unha línea de traballo, daquela teríamos unha Academia máis preocupada por achega-las normas ó sermo rusticus, pra algús xa moi fóra do tempo, porque esas máis de cen mil vivendas abandonadas no noso rural corresponderían a douscentos ou trescentos mil falantes que poden estar xa na Eternidade, prós que se acabaron os problemas de diglosia ou de endodiglosia, como pode se-lo caso dos que din que galego e portugués son unha mesma fala, “algo sabido polos analfabetos de ámbo-los dous países”, según afirmaba hai escasos días a autora dun traballo.
E pode ter razón se está a falar de iletrados ou de ágrafos tontos. Só así. No debate da chamada “normativa da concordia” entendo gañou a independencia da RAG, por máis que teñan aparecido colaboraciós en distintos periódicos denunciando a presión política exercida sobre diversos académicos. Pero os que así falan do acontecido foron parte importante da politización do tema dende certos grupos, dos que promoven --según expresión dun crítico-- a posta a punto do “galegués”, ó que máis dun autor foi arrimando xa por “endodiglosia”, por creeren que “falar portugués é falar mellor”, ou xa por comenencia editorial, por cuestión de mercado, por entenderen que se lles abrirían novas posibilidades nun momento especialmente difícil, marcado por unha míngoa na tiraxe das ediciós do orde do 30 por cen. Así visto, enténdese a urxencia por aproba-las controvertidas normas e cuestiónome se non serían as editoras as primeiras inductoras da tal “concórdia”, acentuada á portuguesa. ¡Menos mal que a RAG mantivo a súa independencia!.
¡Cántas crónicas dende fóra en tono descalificador!. Sí sabemos de tres ou catro académicos/as que defenderon unha ou ben a outra posición. Nun perfil breve dos 28 homes e mulleres da RAG fanse definiciós cecáis inxustas. E así, díse de Franco Grande que se reconoce como antipático e crítico, cando gracias a el sabemos algo do que pasou e que as normas foran presentadas como un todo intocable, “de maneira que só cabía votar todo ou nada”. ¿Qué clase de debate foi o celebrado?. Fixo ben Franco Grande en nos aclara-la pouca elegancia dos membros do grupo promotor, que “nunca foron comisionados pola Academia pra mante-las conversas que sostiveron con partidos, mesas, plataformas ou o que sexa”. Actuaron sempre por conta propia e non como académicos. As persoas críticas, con conciencia, deben posicionarse claramente, como acaba de facer Xosé L. Franco. Dende os grupúsculos denunciados polo home pretendeuse o silencio da RAG, o silencio dos cordeiros. Franco Grande, home de ben, actuou como un notario cabal. Agradecidos de que teña levantado acta. Pra que a RAG, con nova presidencia, siga sendo ibre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario