Pontevedra, 7.07.2008
Entrada n. 548 do blog
Artículo semanal remitido a diversos medios. A situación do Caurel é case terminal. O medio ambiente permanece como asignatura independente.
por Xesús López Fernández
As xentes do Caurel --ou Courel— fan nova denuncia da agresión á súa terra, que non cesa. Sendo como é a bisbarra galega cunha maior biodiversidade, espacio comprendido, en parte, na Rede Natura, tense prometido en máis dunha ocasión a declaración da zona como parque natural, máis ben miniparque, porque os danos a aquel espacio por medio de macrocanteiras nos tememos que van deixa-la zona completamente estragada, privada dos recursos que a súa poboación precisa, pois dependen vitalmente do grado de conservación do lugar. SOS Courel ven denunciando dende hai anos, por activa e pasiva, o abandono da comarca, as feridas que representan canteiras como a d´A Campa, con máis de tres décadas de agresión dende a súa posta en marcha. Xa o 20.02.2007 comentaba El País que a Xunta estaba a estudiar se dúas determinadas canteiras poderían provocar danos ecolóxicos irreversibles na serra do Caurel, como parece evidente. Ubicadas nos concellos de Folgoso do Caurel e Quiroga,a súa explotación foi autorizada pola Xunta anterior.
Se hai trinta anos non puideron frear algunha das agresiós postas en marcha sen autorización, desta volta e según daba noticia La Vanguardia, de Barcelona, o pasado 5.07, as xentes, que ven cómo a canteira d´A Campa comeu xa media montaña, defróntanse nestos momentos con 54 novos proiectos. Están feridos os ecosistemas do río Lor, no que desembocan as escombreiras de pizarra. E se a Xunta autoriza as previstas ampliaciós a ceo aberto, o monte terá desaparecido por completo. “Cotolovíos / ourioles, tordos, merleaos;/ paxaros e paxariños / polos ríos, / polo souto e polos chaos…./ e bandadas e bandadas de estorniños / polas labradas…”, decía Novoneyra. Soutos completos desaparecen devorados polas canteiras. Difícil maxinar un Caurel convertido en parque natural cando os 1300 habitantes do concello de Folgoso do Caurel –9 parroquias, 45 pobos— non se poñen dacordo sobre a comenencia ou non de mante-las canteiras nun momento no que parece vai a máis a sensibilidade en relación co medio ambiente, pero non nos centros de decisión. I eso, desvalidos, téñeno claro en SOS Caurel.
O desenvolvemento económico non debe conleva-la desfeita da paisaxe; pero a proliferación das canteiras non representan en sí unha riqueza certa. Antes ben, dibuxan un horizonte de ruína pra unha comarca con valores en alza pra un turismo cada día máis esixente. Algús veciños téñeno claro, debaten sobre qué medidas tomar pra evita-la apertura de novas canteiras e a morte da paisaxe. E así Evaristo Méndez, de 88 anos, que conoceu o Caurel con e sen canteiras, cerraríaas de inmediato. Emigrante el e os seus fillos, non quixeron recurrir á pizarra en nengún caso. Albañil de oficio, ten complementado o seu traballo co coidado dos seus castiñeiros –madeira e castañas pró ano— e cos trobos prá comercialización do mel. E tamén formou parte das súas vivencias o gando, vacas e ovellas. Economía de subsistencia. Dura e sabia.
SOS Caurel denuncia a política de boletín e promesas. Se o parque está na axenda, ¿cómo se entende a impotencia ou nugalla de Medio Ambiente pra frea-las catro canteiras aprobadas polo PP? A Unión Europea ten dado un toque de atención á Xunta do PSOE-BNG, por non ter comprido coa normativa que regula as canteiras. SOS Caurel pensa recurrir de novo á UE, porque a situación que están a viviren é atafegante, traicionados tamén polo tipo de reforestación que a Xunta promove no lugar: piñeiros en vez de castaños, faias, teixos, freixos, capudres, cereixeiras, avelairas…. La Vanguardia cita, por vía de exemplo, o caso de Juan Sánchez, ferreiro, o único veciño de Vilar, que pode estar a marca-lo camiño dunha posible recuperación socioeconómica da zona. Con visión comercial, o home ten unha pequena tenda na que vende mel dos seus trobos, castañas, licor café, e ademáis ofrécese como guía polos soutos, ata unhas ruínas prerromáas con vistas sobre o val. Así morre o Caurel coa explotación das canteiras, situación que parece irreversible. (Foto recibida de SOS Courel)
No hay comentarios:
Publicar un comentario