Contenedor na antigua rúa Cega, que recibe as miserias de varias tabernas, restos de fritangas incluídos. Moitas veces queda destapado, como o día da foto, ou a vasura acumulada triplica a súa capacidade, dificultando a entrada na rúa. As gaivotas baixan e co seu peteiro esgazan bulsas e queda todo feito unha chafuldra. Foto do autor.
Tapa-trampa, unha de tantas que se mantiveron como feridas abertas no corpo da cidade ó longo de moitos meses. Esta da foto corresponde á rúa do Laranxo, agora escindida en dúas: Laranxo de Riba e Laranxo d´Abaixo, pola fractura do recanto da balaustrada, no Museo.
Pontevedra, 31.07.2008Entrada n. 575 do blog
Recuperamos outro traballo que non perdeu actualidade. Hoxe Pontevedra é conocida tamén como unha cidade sucia. Non importa que, como bandeira, mostren os chacaritas dos nosos gobernantes a premiada accesibilidade, premio co que algo tivo que ve-la ONCE cando resulta que son os cegos os máis perseguidos pola demencia urbanizadora que vimos sofrindo.
Pero algo de trinque urbanístico pode haber no fondo do premio, algo sobre recalificación de chan que a ONCE e o Concello poden estar aínda a pactaren. O outro premio, outorgado pola Consellería de Cultura non é nada máis que un autopremio ós que hai tempo deberían estar fora da política. Como sexa, o problema da recollida de vasuras sigue pendente, a sofriren sobre todo os veciños que viven en rúas estreitas, demonizados polo Politburó local. I está anunciada folga do servicio de recollida.
Peatonalización e vasuras [27.07.2002],
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
Insistamos. A política urbanística do concello está a ser censurada por moitos colectivos por claramente involucionista. Cada vez son máis as voces que se definen como partidarias dunha plataforma electoral independente cara ós comicios do 2003. Teríamos que ser posiblemente unha sociedade máis culta prá cristalización da tal idea como un trebón que golsase lonxe de nós a forma actual de gobernar ou de facer oposición, calado o PP porque o plan peatonalizador co que moitos non estamos dacordo era tamén o seu plan, coa excepción, cecáis, das aberraciós do feito en Daniel la Sota e San Xosé, e agora coa disposición do tráfego na estrada de Vigo e Sagasta. Digamos tamén que, dentro do caos urbanístico, existe outra asignatura que o equipo de goberno está a suspender: a da recollida das vasuras urbáas.
Os tratados sobre urbanismo incluían ata hai pouco como un simple apéndice o relativo ó medio ambiente. A relación de materias foi cambiando, cada vez máis salientado o último dos temas citados, ata o punto de que agora fálase de “medio ambiente e urbanismo”. Estase a priorizar claramente o primeiro dos citados porque un urbanismo pouco intelixente pode comprometer mesmo as nosas propias vidas na medida na que están a faceren obras e realizaciós sen estudio de impacto ambiental: fábricas de Lourizán, desecación das xunqueiras, recheos nos portos de Marín e Sanxenxo, ferrocarril en superficie polos Praceres, o río como cloaca. É decir, abusouse da natureza e aquí, ainda que cínicamente aludan ó desenvolvemento sostible sabemos que minten e que a peatonalización salvaxe impide o plan de emerxencia exterior, prometido pra conciliaren o que por lei está prohibido.
Hoxe é fundamental a recollida selectiva das vasuras, algo aquí diferido e do que sóo falan ó longo do tempo electoral. En moitos sitios hai tempo que chegaron á solución da recollida selectiva, cos contenedores ubicados no chan que o camión recupera cun mando a distancia. E sei por un amigo residente en Alemania que na cidade onde el vive ten que acceder ó depósito da vasura por medio dunha chave, co que se impide o seu uso a xentes doutras partes. É decir, a recollida faise alí de forma selectiva: materia orgánica, papel e cartón, cristal, botes de aluminio, etc., e supón un claro compromiso da sociedade por un medio ambiente san, algo do que aquí aínda estamos lonxe. E pode ser que incluso –alguén xa o dixo por non saber qué facer cos contenedores— nos acaben por propoñeren o retorno ás bulsas. Demencial. A desexada plataforma cidadá tería que dar solución tamén a este problema.
Unha das consecuencias da peatonalización denunciada é a desaparición de contenedores en espacios como Curros Enríquez. Aumenta a súa presencia en lugares máis discretos, en rúas estreitas e degradadas, onde non poden estaren porque por desgracia non se fai un tratamento digno dos residuos e máis que crear espacios limpios parece que queiramos tentar novamente a aparición da peste, potenciada pola “asinatura” de moitos peatós contra as paredes, asunto éste sobre o que non se fai nengún tipo de vixiancia. Estamos en fase de plena regresión e van equivocados os hosteleiros que queren ter á beira da súa terraza un contenedor ás veces privado de tapa e sen lavar, que alcatrea ou do que saen as moscas que inciden na súa perda de clientela. O camión da vasura aparece ás veces pasáda-las tres, porque antes impedirían o seu labor as terrazas, nas que os políticos poden ver posibles votos. Algunhas delas impiden o descanso dos veciños. Música e ruído. Cando o camión fai o seu labor, a enguli-lo contido dos contenedores, é característico o ruído das botellas dos taberneiros, a escachar. O camión vai compactando todo e cando marcha pode mesmo deixar unha pucharca de lixiviados, suciedade que se confunde coa xerada polas terrazas na pedra innobre coa que están a enlousaren. Así as cousas, os traballadores da limpeza anuncian folga pró 2 de agosto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario