martes, 26 de junio de 2007

LEMBRANZA DE LOSADA DIÉGUEZ

Na casa familiar permanece esta figura de Ferreirós, unha alegoría da xa viuda de Antón Losada Diéguez e os seis fillos orfos.
Esta capilla mandaron face-los ldos. Bartolomé Francisco i Diego Tiçón, hermanos, ano 1651. Na casa de Antón Losada Diéguez.
Igrexa de Moldes, con cruz celta, onde repousan os restos de Antón Losada Diéguez.

O título orixinal do traballo é o de "En Moldes, lembranza de Losada Diéguez".

Antón Losada Diéguez foi un gran dinamizador no galeguismo da xeneración Nós e, con Risco, fundaría a revista dese nome. El soubo atraer ás Irmandades da Fala a homes que resultaron definitivos no estudio da nosa Historia, da Etnogrfía, da Lingua, e aí, nese grupo, estarían Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas.....

En Pontevedra foi presidente fundador da Coral Polifónica. E presidente, tamén, da Acción Católica, vencellado igualmente ó Movemento Obreiro Católico. Como Risco, era partidario de promover un agrarismo nacionalista, algo que, por desgracia, non chegou a se converter en vizosa realidade. Galicia sería hoxe distinta, segura de sí. Sigue o traballo, tal como está na web Xornal.com. A fotografía é miña. Nesa igrexa románica é na que repousan as súas cinzas. E curiosamente, no cimiterio do adro existe un panteón no que repousan os restos de Chamoso Lamas, outro fillo ilustre de Boborás, da parroquia de Moldes, na provincia de Ourense.

LEMBRANZA DE LOSADA DIÉGUEZ [18.06.2007],
por Xesús López Fernández
-
O pasado 9 de Xuño asistín ós actos organizados con motivo da entrega dos premios “Antón Losada Diéguez”: misa e ofrenda floral na igrexa de San Mamede [onde repousan as súas cinzas no panteón familiar], e á entrega dos premios do seu nome ó escritor Manuel Rivas, pola súa novela “Os libros arden mal”, e ó filólogo Gonzalo Navaza, polo seu traballo sobre “Fitotoponimia Galega” [anos e anos de traballo de campo], que mostra un inventario de oito mil nomes de lugar relacionados coa vexetación autóctona.

A fachada da igrexa está coroada cunha “cruz celta”, similar á de Santa María de Frades, outra igrexa románica. O propio San Mamede está asentado, según oín comentar a un estudioso, nun vello castro, hoxe dominado pola vexetación, rebolos ou cerquiños fundamentalmente. Tamén castiñeiros.

Antón Losada Diéguez naceu no 1884, na parroquia de San Mamede, e antre o pazo familiar de Moldes, nese lugar, e mai-la Estrada, onde o pai execeu de notario, transcurrirían os seus primeiros anos, antes de cursar estudios de Bachelerato no Colexio Apóstolo Santiago que os xesuítas mantiñan aberto en Santa Isabel de Camposancos. Conseguiría o título no Instituto de Pontevedra, no ano 1899, pra seguir despois estudios en Deusto, Salamanca, Madrid e Santiago. Doutor en Filosofía e Licenciado en Dereito, comezaría a traballar como axudante de Armando Cotarelo Valledor, momento que marca a arrancada da súa relación co movemento galeguista e co agrarismo social católico. Loitaría sempre porque o agrarismo tivese un oco no nacionalismo e tamén quixo tender, sempre, pontes antre o galeguismo e a Igrexa. E xa convertido en catedrático de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito, exercería en Ourense. No 1919 sería destinado a Pontevedra.



O seu papel foi relevante na conformación da ideoloxía nacionalista en Galicia, e a el se lle reconoce o mérito de ter atraído ás Irmandades da Fala a Risco, Noguerol, Otero Pedrayo e Cuevillas, dinamizadores do Grupo Nós. A súa obra está composta, fundamentalmente, de ensaios. Morreu no 1929, ós corenta e cinco anos, e nese mesmo ano lle foi adicado o número 71 da revista Nós. Na crónica a el adicada déixase constancia da súa fé cristiá, da súa permanente consulta do Kempis, da súa traducción, xa daquela, do Pater Noster e da Salve Regina, á nosa lingua.


Tamén se publican algús poemas do autor que permanecían inéditos. No titulado “Lonxe” comeza o poeta: “Probes rosas, saudosas/ esperando amañecer;/ Loumiñadas, degaradas/ por medrar y-arrecender./ Tristes rosas amorosas,/ todo chega, y-o fin chega/ cando a pola se dobrega/ e non vos pode soster./ Craros soños, frolecidos/ cobizando un ideal…..”. Na pista que baixa ó pazo familiar, unha muller do lugar mantén vivo un pequeno verxel: rosas a ambos lados do camiño, que coida como sabe e que seguro que Antón Losada ha contemplar con benevolencia dende a Eternidade.

Na entrega dos premios, Dolores Vilavedra, Manolo Rivas e Gonzalo Navaza ensalzaron o labor de Losada Diéguez e da Xeneración Nós que souberon esperta-lo mellor da enerxía positiva que latexa no noso pobo. Gonzalo Navaza defineuse como “master na aldea ou turismo rural de gabinete”, como revisionista dos nomes de lugares. E o seu discurso estivo preñado de anécdotas, tanto as relacionadas co sonido das campás [limitado ó ámbito parroquial], como cando, a forza de perguntar, de se interesar por un e outro lugar e accidentes: valiñas, regatos, fontes, pontellas, un bo día acláranlle o nome dun monte. Chámanlle “Onde morreu Martiño”, e ven xa de antes da guerra, foi o que lle dixeron. ¿Pero quén foi Martiño, algún “cazador”?. O Navaza daría coas claves da “memoria histórica” cando, anos despois, nun documento do século X que examinou en Celanova atopou a resposta, en latín. O monte, situado en Lobios, estaba alí: “o monte onde morreu Martiño”. Gonzalo Navaza móstrase como un continuador dos traballos de Sarmiento, P. Sobreira, Isidoro Millán e outros.

1 comentario:

o blog de xesús lópez dijo...

Non cito apenas nada do discurso de Rivas porque me dou pena ver cómo esqueceu os rexistros da Historia.
Paréceme unha completa estupidez falar do 18.7.1936 como dun golpe de Estado. ¿É que o democrático sería deixare que os socialistas e comunistas seguiran matando, queimando iglesias?
Coido que o Rivas ten que estudiar historia, comezando quizaves pola revolución d´Asturias do 1934.
Lamentándoo moito, xa non leo a Manolo Rivas. Coido que non vale a pena, sometido o autor, desta volta, á dictadura do galegués dos comisarios estalinistas.