miércoles, 2 de enero de 2008

O DISCURSO CAPADO [21.05.1999]

A noite de San Xohán, cando os antigos coidaban que o Sol podería morrer. Acabamos de deixar atrás o 24.12, cando aquelas xentes pensaban que o Sol comezaba a avivecer, os días a se facer máis grandes. Pero o home moderno está noutra línea e o cambio climático é consecuencia dos nosos pecados en materia medioambiental, do que tamén se fala no traballo hoxe inserido, e pró que os políticos non queren buscar remedio. Dibuxo de Xesús López.


Pontevedra, 2.01.2008

Tiña a idea de tocar algún outro tema, en plan breve, na fin do pasado ano, pero non me foi posible por razós de axenda familiar. Nen onte. Intentarei, nos próximos días, referirme a algunhas cuestiós: a concentración en Madrid, en defensa da familia cristiá; a morte de Cuiña Crespo. En definitiva, tecer algunhas ideas ou informes ó respecto. Pero non me parece mal arranca-lo ano con outro traballo do 1999, "O discurso capado", que vai da cousa política, da traición sistemática que está sofrindo a sociedade. (Realmente, o traballo xa está no blog, agregado o 23.8.2007, pero sigue sendo actual.)

O DISCURSO CAPADO (21.05.99)
por Xesús López Fernández

Estou aínda baixo o impacto dunha despedida, a fuxida cara as moradas do Señor dunha criatura moi próxima a mín, cansa xa da loita terreal. Eso lévame a facer hoxe algo distinto na consideración de certos valores, de certas mensaxes desta hora, do que cada día nos contan os portavoces dos que mandan no mundo, dos violadores da natureza e da felicidade posible nesta terra. Aí están, senón, tantos dramas cos señores da guerra alá ó fondo, os lobbies escravizadores tecendo a ruína de familias, de comunidades enteiras que, inocentemente, agardan polo discurso rexenerador, por unha nova camada de políticos honestos, especie desaparecida. Apocalipsis que ven.

A cousa globalizadora trae como consecuencia que tamén no discurso dos políticos máis próximos exista esa especie de impotencia pra prometeren unha situación distinta. Todo se volve o mesmo discurso...Todo son frases capadas, as mesmas carencias, a mesma estructura dialéctica, dirixido todo a unha sociedade que hai xa tempo perdeu a esperanza. O discurso chega onde chega e unha sociedade culta debería ter recursos pra cambia-lo curso das cousas: guerras, colonización salvaxe, traiciós á natureza, a degradación do home, a morte da familia, etc. E, collendo os discursos con pinzas, esculcando ó través das súas fírgoas e carencias, descóbrese que nadie, ¡nadie!, vai cambiar nada. Alá, máis alá, están os señores da guerra e os lobbies capando os discursos pra unha sociedade que creen está integrada por imbéciles.

I eu, que hai moito tempo me volvín agnóstico en política, lembro agora o argumento dunha novela forte, que trata do demo. É Lexión, continuación do Exorcista. Lexión era tamén o nome do demo dos Evanxelios: “O meu nome é Lexión porque somos moitos”. E na novela prodúcense unha serie de crimes dos que se vai deducindo o apelido do sacerdote exorcista que vencera ó demo na novela anterior e que fora morto e soterrado. Pero non, despois do sacrificio fora cambiado o seu corpo na tomba e, endiañado, seguía exercendo dende un manicomio, aillado e con camisa de forza. Os crimes os cometían, por delegación, algús tolos que disfrutaban dun certo réxime de saída, unha lexión de xentes que non eran donos da súa vontade.

E pergúntome se non se pode asimilar a ese esquema a actuación dos políticos de arestora, privados tamén de vontade, teledirixidos dende un Poder satanizado, como diría Romano Guardini. O grado de frustración da Humanidade chega nestos momentos a tal punto que semella que xa non queda lugar prá esperanza e que, en certo sentido, soamente podemos escoller un camiño menos malo que, desgraciadamente, éo na forma, tan sóo na forma. Máis alá dos discursos descóbrese a mesma estructura de violencia, de cobiza despiadada. Poden creeren algús que as diversas promesas políticas son distintas, que levan unha diferente carga ideolóxica. Persoalmente estou convencido de que os diversos oradores son simples mensaxeiros dun poder demonizado que se fixo coas rendas do mundo que está a reventar. Se fan outro discurso desaparecen. E cando o mundo revente non vai quedar lugar no que poidan repousar, nen paraíso fiscal. Ó mellor, tampouco o Señor lles vai ter reservada morada. Parece xusto. Nen o demo, sempre desagradecido.

No hay comentarios: