martes, 8 de enero de 2008

O LONGO AGARDAR [10.12.1999]

Excavaciós no vello porto pontevedrés, na Ponte de Burgo. Museo efímero que vai quedar consolidado e incidir, talvez negativamente, na dinamización que dende a zona vella están clamando residentes e comerciantes. Foto de Xesús López Fernández.


Deseño Gulag, pra evita-la revitalización da cidade. Cobián Roffiñac, agora corredoira. Fotografía de Xesús López.


Pontevedra, 8.1.2008 Crónica do 1999, unha máis sobre a mala actuación do goberno local de Pontevedra. Ainda que na parte final parece destilarse un certo optimismo, habería que retira-las palabras, porque o BNG suspendeu a asignatura clamorosamente. Eles siguen coa "foto-finish" do Gulag, da fin da democracia, dunha involución cada vez máis consolidada. ¡Probe Pontevedra!.

O LONGO AGARDAR [10.12.1999]
por Xesús López Fernández


Volve esta-la zona vella vestida de ornato funeral, tristes guirnaldas pra faceren aínda máis triste ese espacio, sombras sobre sombras que non animan ó persoal a visitala. Estase a celebra-lo cabodano como o requiem xa contado en decembro do 1998, e recúrrese á mesma idea, ó alumeado triste no que se gastaran daquela –decían— quince millós setecentas mil pesetas. E poderíanse asimilar de novo as colgaduras a crespós de tanatorio. Pero a zona está inorde, triste de tódo-los xeitos e os residentes entendemos que non se traballou con intelixencia na revitalización da mesma, se acaso telumbramos un certo chalaneo na defensa de intereses capitalistas bastardos. A cidade vella nótao, e o comercio todo da capital tamén. Por eso o 13-J resultou como resultou, ademáis de outras cuestiós aínda non resoltas.

Estaba previsto o cerre do Mercado de Abastos no outono 98. A incapacidade dos gobernantes pra marca-lo paso --confiados a unha improvisación constante-- trouxo como consecuencia unha certa ralentización na escenificación da ruína ademáis do sobregasto na construcción do mercado provisional. ¿Por qué non saíron as contas? ¿Orzamento mal redactado ou é que o costo do material disparouse máis alá da conxelada inflación?. Existe a opinión –dabondo xeneralizada-- de que tentaban poñer atrancos pró retorno da actividade ó Mercado de Abastos, inviable sen infraestructuras e sen aparcamento como se sabe. E van xa alá dous meses da inauguración da instalación provisional --¿?--, na que non hai necesariamente alegría. Existe a impresión de que a xente non vai aguantar un ano. Algús desesperan.

O equipo de goberno ten agora unha papeleta difícil. A nova da viabilidade do aparcamento soterraño sirveu pra motivar a moita xente, que permanece agora atenta ós prazos: a ver si realmente comezan as obras en xaneiro, a ver cómo se traballa día e noite pra acorta-la duración das mesmas. a ver, a ver...O Bloque --se fai ben as cousas-- pode agora comezar a gaña-las elecciós de forma real. Pero que teña en conta que se está a falar de posibles movilizaciós porque moitos comerciantes non van resistir. I é vital pra Pontevedra que se poida reconverti-la zona vella nun verdadeiro centro comercial e social, ó que se poida acodir sen présa, incardinado no recinto histórico, idea xa considerada pola primeira corporación democrática da nosa capital. Que demostren que a cidade non é un simple enredo.

Quixeramos ser optimistas, ver que a cidade vella sigue sendo posible, viable como marco de convivencia, como lugar habitable, como centro de transacciós. A tarea é enorme en canto ás necesarias restauraciós de rúas e casas, en canto á eliminación do xarabaldo noitarego, defensa do mobiliario urbán, limpieza, educación no tema dos residuos, hai que sinaliza-la peatonizalización decentemente, etc...Coido que o equipo de goberno tomou o mandato con ilusión –co referente de cómo traballaron en Allariz— e que aquí teñen un marco grande de posibilidades. O traballo vai ser inxente a pouco que se queiran aplicar. E sería bo o traslado de Tafisa pra outro lugar, sen vertidos nen emisiós. Non esquezamos que con ela chegou a morte a esta ría. Fernández Lores ten diante súa un labor duro, rexenerador, envidiable. Hai que acorta-la longa espera programada pola oposición. E que o Mercado volva.

No hay comentarios: