sábado, 12 de enero de 2008

POLÍTICA I ECOLOXÍA [2.02.1999]

Reiterámo-lo icono do "antes" e o "despois" de Lourizán. Como os políticos carecen de moral rexeneradora suscriben o "despois" do dibuxo; o Bloque tamén, que resolve o problema dos vertidos levándoos polo emisario ó fondo da ría. Pero a merda aboia e aparece nas praias, como recentemente en Tambo, a illa que queren sustraer ó Parque das Illas Atlánticas. (Dibuxo de Xesús López)

Pontevedra, 12.01.2008

Entrada n. 404 do blog. Tería que inserir novas cousas, breves sobre a política local e mái-lo urbanismo Gulag que sigue condicionando a vida dos pontevedreses. Por falta de tempo pra me centrar en diversos temas, un abano deles, recupero un novo traballo do 1999, que vai sobre Política i Ecoloxía, que habería que redifinir como "Impotencia política prá Ecoloxía", como se sabe agora polo que leva acontecido estos últimos anos.

Digamos, por contra do afirmado no artículo, que Lourizán-Praceres, en contra da pretensión de Rivas e Cuíña de convertilo en zona industrial é, por decreto do 14.11.1996 do Ministerio de Medio Ambiente de Isabel Tocino, dominio público marítimo terrestre.

Desta volta, non-obstante, parece que os partidos todos están planeando sobre as "Marismas de Lourizán" como se as mesmas fosen un solar, unha inversión de futuro, un pelotazo urbanístico de dimensiós incalculables.

O Bloque, que apuntaba unhas certas ideas ecoloxistas, está agora completamente desacreditado, aínda que algús traguen a bolita ou fagan de simple corrrea de transmisión do seu falso ecoloxismo, como acontece coa APDR. É o PSOE o que nestos momentos volve falar de traslado de Ence non se sabe pra donde; é o Bloque o que comeza co futuro PXOM, cun sistema viario sustraído á Axenda21Local, con agresiós demenciales en Mollabao, nas Correntes e nos Salóns do Lérez, que teñen a protección máxima. Non digo máis porque han seguir saíndo cousas de contínuo. Sen máis lonxe, lean o traballo "El paseo marítimo prohibido", de Francisco C. Díaz Sánchez, incluído neste blog, no que se pon en evidencia a falaz actuación dos nazionalitaristas.

POLÍTICA I ECOLOXÍA [26.02.1999],
por Xesús López Fernández

A agresión medioambiental en Pontevedra, na ría toda, hai tempo que nos levou a perde-lo noso entorno, a perder incluso o noso pasado. Os políticos perderon tamén o seu discurso a prol da cidade, esquecendo que a cidadanía está aínda viva como se demostrou na manifestación do 5-J. E agora somos moitos os que agardamos un discurso sen trampas, veña de quen veña; pero desgraciadamente sóo unha candidatura independente –que non sabemos se vai poder vertebra-la súa presencia nos próximos comicios— ousa falar de peche do complexo de Lourizán. Así, claramente, como no seu día deixara dito Beiras --o lider do Bloque--, ó falar de industrias de enclave colonialista, de industrias de vertedeiro, que é o que realmente siguen a ser.

Todo semella que o Bloque pode ter un “tempus” favorable, óptimo, co vento de popa nos próximos comicios. Pero hai algo no seu discurso que supón un cambio no guión que noutro tempo manexaron: o traslado do complexo en vez do peche inmediato. Hai que lembrar que nunca se cumpriron as condiciós establecidas e que a concesión do terreo en Lourizán-Praceres fórao en precario. O seu incumprimento suporía a fín da concesión. Eso é o que hai que pedir, ademáis de pasa-las necesarias facturas de culpas tanto á empresa como ós políticos atemperadores. O discurso do Bloque lembra, por outra banda, o manifestado polo Ministerio da Vivenda –tardofranquismo 1973-- ó desestimaren a recalificación como industrial do citado chan que “terá de seguir sendo urbán de baixa densidade de poboación”. O Ministerio tamén decía que a imprantación das industrias cuestionadas fora un grave erro, que habería que trasladalas porque da súa permanencia “soamente se derivarían problemas prá convivencia e saúde humás”, como todos sabemos.

Pero si o discurso do Bloque nos retrotrae ó tardofranquismo, a aria que o PP encomendou a Rivas Fontán lévanos a un tempo de clara involución, porque Elnosa non cumpre cos parámetros necesarios nen por suposto ENCE. E é mentira que a contaminación cero resulte imposible. Remito ó señor diputado –ó que titulei senador nunha colaboración anterior, perdón-- a un libro titulado FACTOR 4, un estudio do Club de Roma, no que pode atopar mellores ideas pós os seus discursos, porque o vertido cero sí é posible obrigando ás empresas á imprantación dun sistema de circuíto cerrado, repoñendo unicamente a auga que perdan por evaporación. Dese xeito chegarían a un consumo de metro cúbico e medio de auga por cada tonelada de pasta fabricada. Salvaríamos tamén o Lérez, hoxe mingoado no seu caudal, incluso por debaixo do mínimo ecolóxico. E as emisiós desas fábricas, se son tan óptimas, ¿por qué non se reconducen cara á ventilación das propias factorías? Porque eso tamén se está a facer hoxe en día, según o libro citado.


Rivas quere xustificar, en certo sentido, o seu P.X.O.U., con máis de tres mil alegacións na súa primeira exposición. Un catastrófico plan cuios resultados estamos a sofrir: Beiramar, autopista pola Puntada, o río morto, o outrora alcalde xa non se pode ufanar da galería tipo New York que el decía. E coa votación en contra da proposta do Bloque por PP e CiU demóstrase que o antiguo discurso de Beiras, o das industrias de enclave colonialista, é aínda rigorosamente certo. O Bloque precisa lembralo se quere gañar votos.

No hay comentarios: