O ferrocarril, outra lacra máis apoiada por Fernández Lores e que invade terreo demanial, foi inaugurado no seu día cunha máquina Mikado, na que viaxaban Fraga, Cuíña, Tonecho e Lores, o "ecoloxista". É outra das instalaciós que deberán desaparecer nun horizonte máis ou menos corto, ou antes se a Xusticia funciona. Teñamos presente que xa existe unha sentencia firme do TS do Estado, declarando ilegal o seu paso pola praza d´Os Praceres.
Pontevedra, 3.1.2008
Este traballo agora pendurado corresponde a un momento, 1999, no que podía haber unha certa esperanza na política prometida polo BNG. Pero en política todo apodrece e o partido estalinista xa non está polo labor --se algunha vez estivo-- de recuperar Lourizán, que na súa visión "urbanísta" telumbramos agora como solar. ¡Probe Pontevedra, probe Gulag!
Este traballo agora pendurado corresponde a un momento, 1999, no que podía haber unha certa esperanza na política prometida polo BNG. Pero en política todo apodrece e o partido estalinista xa non está polo labor --se algunha vez estivo-- de recuperar Lourizán, que na súa visión "urbanísta" telumbramos agora como solar. ¡Probe Pontevedra, probe Gulag!
O EDÉN PERDIDO [25.06.99]
por Xesús López Fernández
Coa memoria do Lourizán dos meus primeiros anos, areal interminable, oceano remansado mainamente, múltiples pucharcas cheas de vida, a vida mariña eclosionando en peixiños a bulir, croques e ameixas a manchea, os baños demorados cando sobía a marea, sombras na praia do canabal, praia de Pontevedra que te lembro como eras, como o paraíso perdido ó que se refería o meu amigo Antonio Rodríguez Tourón nas súas cartas e instancias, o home que xa non pode participar na marcha que se anuncia pró domingo 27, pero que ó través dalgunha fírgoa, dende o alén, terá de estar a dexerga-la manifestación que se vai celebrar...Lourizán, onde o tempo se detiña pra facernos comprende-la eternidade das cousas.
Aínda soño con Lourizán, con aquel Lourizán de antes da construcción da autovía a Marín, cando os políticos escomezaron a lle poñer cancelas ó mar. ¡Qué disparate!. Aínda así, a vida permanecía e acodían a aquela cetárea transitoria ostras, vieiras, navallas, sollas e lenguados, incluso peixotas, o que era revelador da riqueza existente, do que aquí a natureza regalaba, do camiño que unha industrialización sostible debería ter levado, posto que a gran factoría xa estaba aí: a ría. Riqueza da ría, traballo do mar, bonito slogan pra unha manifestación-marcha na que a cidadanía debería estar presente como no 5-J, clamando pola recuperación dese espacio, porque se lle poida tomar de novo o pulso á natureza, establece-los prazos pra acadar, quizais, que o mar poida entrar de novo nas xunqueiras do fondo da ría.
Pero non abondou co disparate da autovía, coa eliminación daquel espacio sagrado, coa fin do edén primixenio de tantos pontevedreses. Tería que vir, coa querencia dalgús políticos e coa oposición doutros, a industria de enclave colonialista, de vertedeiro, a fábrica de celulosas que acabou coa ledicia de vivir nesta ría sin igual. Con ELNOSA completaríase o cerco ás nosas vidas, configuraríase unha especie de permanente ameaza dun holocausto que inda se pode producir. E chegarían enfermedades antes desconocidas en gomariza de escándalo, sobreabundancia de alerxias, procesos asmatiformes, infecciós respiratorias, cánceres, vértigos e máis, como agora acaba de denunciar un colectivo sanitario, 38 asinantes, que avalan o xa denunciado polos cidadáns. E os políticos case sempre calaron, salvo honrosas excepciós nuns e noutros partidos... Pero nengunha organización con poder ousou poñe-lo punto final no noso esmorecemento.
O alcalde en funciós, en campaña, dixo que non se podía pretende-lo cerre de ENCE. Aforro palabras pra defini-la súa incapacidade pra abandeirar unha campaña conservacionista, ambientalista, que en principio parece vai lidera-lo Bloque, que acaba de suscribi-la marcha. E coido sería bó que Fernández Lores, como alcalde, tentase manter conversas coas xentes do PP e do PSOE que poidan estar pola desaparición do enclave clorocelulósico. Recuperar ese espacio, abrir Pontevedra ó mar, é un dereito que demandamos. Estou seguro que en tódo-los partidos ha haber xente coa idea de poñer en marcha unha política de auténtica salvación. De momento soamente o Bloque se define conservacionista, pero os demáis terán que entraren, tamén, nese xogo. Os cidadáns ímolo pedir o domingo 27. A todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario