miércoles, 16 de enero de 2008

OS REIS DA NOITE [13.12.1999]



Recupero un novo traballo, sobre o que non vou facer novos comentarios. Na cidade falta un ha verdadeira Policía local que actúe. Non van máis alá de simples colaboradores da grúa. Pra que os visitantes ou os propios residentes non poidan achega-lo seu coche á zona vella, á súa casa. Poderiamos citar sí, ademáis dos ruídos noitaregos que se dan ás veces, outros ruídos que se dan na praza da Verdura, consentidos ou provocados polo propio goberno local, a súa bullanga particular, o desastre.

Según algús ésta era a praza máis fermosa de Galicia. Pero o goberno do Bloque acabou con ela prá convertir en caixa de ruídos. A Casa da Luz, un mexadeiro ou, si se quer, un escenario urinario. Quixérona adaptar como praza roxa, prós seus eventos. E perderon os votos da zona vella.


Pontevedra, 16.1.2008
Entrada 407 do blog.

OS REIS DA NOITE [31.12.1999],
por Xesús López Fernández

Cando escribo ésto aínda non rematou o ano. Cando se publique xa estaremos no dous mil. Daquela, moitos comprenderán que o século aínda non acabou; que o ano que escomezamos a correr é realmente o último, tempo pra meditar –agora sí— no cambio de milenio. Tamén saberemos xa se aconteceu algo grave como consecuencia do Efecto 2000. Como sexa, vivimos agora un tempo de desastres a escala global e, cando en Francia loitan contra a marea negra provocada polo “Erika” anúnciase outra traxedia, esta vez no mar de Mármara, ó se partir polo medio un petroleiro ruso. Introduzo aquí unha pergunta feita por Xavier Pastor, ó tempo que comentaba o desastre do “Erika”: “¿Alguén ten pensado en relaciona-las catástrofes ecolóxicas producidas polo transporte de crudo cos fenómenos de carácter ambiental extremos cada vez máis frecuentes e violentos?”. Tornaremos sobre este tema outro día.

Despois de catástrofes como a citada ábrese, normalmente, un período de maior sensibilidade ambiental. Pero pasado un tempo a sociedade volve á actitude de insensibilidade. I está claro que esa actitude non debe prevalecer porque por esa vía acabamos con todo, estaremos a poñer cancelas ás nosas posibilidades de vivir nun medio harmónico, natural ou urbán. E no medio urbán somos os homes os culpables case únicos do seu deterioro; da perda de calidade; da incapacidade de artellar unhas normas certas de convivencia; do ensañamento que algús demostran contra obxetos de carácter ornamental, contra monumentos e negocios; da tolerancia existente con esa garulada de violentos á que podemos chamar algo así como os reis da noite, porque case sempre actúan na escuridade, cando o poder político non está. 

Hai unhas semáas –a eso das 12,30 da madrugada-- un grupo de motoristas –seis ou sete— montaron unha competición en circuíto urbán, voltas e máis voltas de escape libre, ruído enxordecedor no perímetro marcado por cinco rúas céntricas.....Sen presencia policial parecían os donos da noite. Outras veces, os violentos arremeten contra os contenedores, ou escachan testos –na rúa Peregrina, noite tras noite— con total impunidade...Outro tipo de rei da noite é o que se dedica a entrar nas tendas. Unha pedra, un ferro, unha aixada, unha tapa de alcantarilla, facilitan a entrada do ladrón polo escaparate ou dende un pazo en fase de restauración. Traballo ben feito, violencia con pausa porque a patrulla non exerce... Así nos vai, e como moitos son delitos de menor contía non pasa nada..--A conciencia do poder satanizada non sabe máis--. Poden destroi-la cidade toda cunha condición: facelo ós poucos... 

Os “pubs” –do inglés “public house”— terían que funcionar como lugares de encontro, como conviviums. Pero a inmensa maioría son sitios de “ruído”, i estos reis da noite teñen escravizados ós residentes que non poden dormir. Denuncian algús veciños que a patrulla chega case sempre despois dunha baixada do sonido. Naturalmente, informa que non acontece nada anormal; pero o sonido sobe de novo despois d´ela marchar. E ó Parador de Turismo, tristemente, acaban de lle retira-lo distintivo de “lugar de descanso” nas guías Michelin e Gourmettour. Fíxose masa crítica por non dispoñermos de homes, de autoridades que pensen na “ecoloxía urbáa”. ¡Que non nos digan no 2.000 que mandan os violentos; que os políticos, meros comparsas, sóo obedecen!

No hay comentarios: