Algo dise sobre urbanismo no traballo agora pendurado. As obras do entorno do Museo demostran a gran dificultade existente no urbanismo local pra sair da barbarie se non é cargándose o patrimonio urbán e abrindo novos pasos prós rapaces do monopatín. As obras de acoso e derribo á balaustrada do Museo comezaron en Setembro do 2006. O acto bárbaro promovido polo Bloque vaino executar, desta volta, o PSOE.
Pontevedra, 18.01.2008
Entrada n. 408 do blog. Este traballo que agora recupero, fora concebido en principio como con outro título, "Os tres tenores". Tíveno que rectificar porque á Dirección do medio ó que daquela foi remitido non lle pareceu serio o título. Vai das candidaturas locales prás elecciós de Maio 1999. Non precisa outro comento, pero como estamos de novo en campaña prás elecciós xerales, poden andar algús partidos á procura de verdadeiros tenores. Cando o PP decide non contar con Gallardón anuncia, ó mesmo tempo, a fichaxe dun verdadeiro "tenor", un home, Manuel Pizarro, que parece té-las ideas moi claras, preciso no seu discurso, sen recurrir ós términos "macro" cós que outros tapan a súa incompetencia. Dito doutro xeito: é moito máis claro que Solbes; sobárdao en facilidade de palabra, non se perde cando fala e quere que o entendan. Destas cousas iremos decindo algo.
OS TRES CANDIDATOS (6.05.99) por Xesús López Fernández
Toma forza xa a campaña electoral, uns e outros partidos políticos prometendo mellora-las cousas, resolver carencias, crear postos de traballo, deseñar un novo urbanismo, espacios verdes, máis verdes; cada grupo ten a súa cantinela pra ver de vende-la burra como se fora o cabalo branco de Santiago, particularmente neste ano santo. E aínda que algunha agrupación está na campaña dende hai tempo, semella que o enceto da mesma correspondeuse co cerre do ciclo de Urbanismo do Ateneo, co anunciado debate a tres do alcalde e os candidatos do BNG e mái-lo PSOE. O de debate é un decir, porque o certo é que houbo un acto pechado con cortos mítines, con menos concurrencia pública da agardada, un público que saeu frustrado ó non ter cancha para prantexa-las cuestiós pendentes. Triste.
A xente que acodeu tería preparada a súa batería de perguntas, pero os candidatos non se prestaron ó xogo, a outra cousa que non fose conta-lo seu discurso. As cuestións terían resultado molestas, sobre todo cando son moitos os cidadáns que teñen “in mente” promesas incumpridas, excesos, actitudes antidemocráticas, a farsa do Urban, amiguismos, recalificacións, o Peprica que non vai, okupas en Matalobos e Lourizán, presuntas corruptelas, etc. nas que as acusacións poden ir dirixidas tanto contra o equipo de goberno por mala xestión, como contra a oposición por deixar facer. E, claro, o público, despois da intervención no Teatro Principal --o 15.04.99-- do profesor López de Lucio, conservaba memoria viva do entón dito. O alcalde íao ter difícil. E os outros tamén, porque unha cousa é falar dacordo co guión, outra ter que contestar ás denuncias dun público enterado e con datos certos.
Se o alcalde deixou constancia dun certo medo ante o crecemento do Bloque, Taboada foi máis elegante ó non querer falar de pactos antes das eleccións e dame a sensación de que Lores non comprendeu aínda que se o Bloque Nacionalista Galego é unha forza emerxente éo precisamente pola necesidade de cambio sentida en moitos sectores da sociedade antes que pola captación ideolóxica. Incluso co carisma de Beiras –el é a forza-- poderíanse ver neutralizados con que o PP cambiase de candidato, porque somos moitos os pontevedreses que vemos en Pedrosa unha mala forma de facer política e goberno local. E o 5-J, non o esquezamos, antre os 35.000 pontevedreses que saímos á rúa había moitísima xente do PP, xente que estaría disposta a integrarse nunha candidatura verdadeiramente independente, que tal parecía o camiño de salvación.
Ademáis dos tres citados hai outros catro candidatos dispostos a prometer, a resolve-los problemas presentes e futuros de Pontevedra. Pero as grandes cuestións: medio ambiente, urbanismo digno, salvación do comercio, defensa da capitalidade, zonas de libre aparcamento, os ruídos noitaregos, etc. non se resolven con vougas promesas. A algúns pasoulles o tempo de prometer. E coido que, agora que Pedro Rivas anuncia a súa presentación, o discurso dos diversos candidatos debería estar máis en consonancia cos lemas por el anunciados: ”Resistencia ou morte. A volta ás barricadas pra defende-la capital”. Eso estaría en harmonía coa impresionante posta a punto do 5-J, o estoupido cidadán. Pero Pedrosa, Taboada e Lores parece levan outro camiño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario